O equipo de goberno de Cedeira desmárcase da conduta homófoba que, segundo tivo noticia agora, ven impoñendo a organización do Lugnasad ao negarse a casar parellas gais durante a celebración da festa celta.
Na derradeira edición, que tivo lugar a pasada fin de semana, foron dúas as parellas que viron rexeitada a súa participación na celebración pola súa condición sexual. Unha delas deixou constancia da súa queixa a través do Facebook oficial do Concello.
A concelleira de Cultura, María Xosé Rodríguez, agradece a estas persoas que “nos informaran do que estaba acontecendo” e lembrou que a participación do Concello na festa límitáse exclusivamente a unha colaboración de tipo económico que revisarán co fin de evitar que se fomenten condutas discriminatorias a conta de cartos públicos
María Xosé Rodríguez, móstrase partidaria de revisar as bases das axudas destinadas á área Cultura coa fin de evitar que organizacións que fomenten ou manteñan condutas discriminatorias poidan ter acceso a subvencións.
A responsabel de Cultura dixo descoñecer a política de inscripción que viña practicando a Asociación Amigos de Lugnasad, polo visto “moi contraria ao sentir xeral do goberno”, e lembrou que a bandeira arco da vella ondeou no balcón da Casa do Concello con motivo da chegada do actual equipo de goberno de Cedeira.
Rodriguez pediu desculpas polo sucedido no nome de todos os membros da Cámara Municipal.


















