O Concello de Cedeira vén de convocar voluntarios para limpar o lixo que deixou La Vuelta ao seu paso polos brezais da Herbeira, no hábitat único de Erica ciliaris e Erica tetralix e de urceiras secas europeas. Desde aquí reclamamos que se pescuden as responsabilidades de cada administración nesta obra presuntamente ilegal executada no LIC Costa Ártabra.

Malia seren retirados os residuos visibeis na contorna da chegada en Herbeira a través da firma Celta Prix e os operarios municipais de Cariño, seica hai plásticos, bridas e toda caste de entullo espallado polo cordal da Capelada a máis de dous postes de propaganda chantados en alicerces de formigón.
Non se trata de abondar máis nos argumentos contrarios ao paso de eventos desportivos masivos por espazos de especial protección como a Rede Natura, mas pór en destaque que non se debería activar o voluntariado para acometer os efectos previsibles de La Vuelta que é, lembrémolo, un evento organizado por unha empresa con ánimo de lucro e con alargada participación das administracións.
Ainda que o lixo ten un alto poder contaminante, o voluntariado debería enfocarse a accións motivantes por inacción ou por causas imprevisibles que desborden á administración (siniestros ecolóxicos, limpeza de praias, retirada de especies invasoras,etc). Porén, neste caso foron perfectamente previsibeis os seus efectos inmediatos e coa participación entusiasta da Xunta, Deputación, Concellos e a meirande parte dos medios de comunicación, malia teren ocultado que se trataba da Rede Natura e en plena campaña estival de incendios. Houbo estudo previo de impacto ambiental?Houbo instalación adecuada de contentores do lixo, sensibilizouse in situ na prevención e limpeza inmediata de cristais, plásticos e outros refugallos?. Seica non son ventosos os esgrevios cantís da Vixía de Herbeira? Velaí o “retorno” de La Vuelta: un aparcadoiro nunha zona protexida. Para fomentar o que? Turismo lowcost a costa de sacrificar o que nos fai senlleiros?
Baixa o soufflé de La Vuelta e despois tírase do voluntariado para limpar o lixo espallado pola Capelada.

Se hai un compromiso co medioambiente e con explorar recursos turísticos alternativos, debe habelo tamén para non estragalo, non para limpar a merda e ollar para outro lado. Se a maioría social de Cedeira votou rachar co continuismo con políticas de esquerda, desde e para Galiza, entón é admisibel pedirlle explicacións tanto ás Cámaras municipais de Cedeira e Cariño como ás implicadísimas Deputación da Coruña e Xunta sobre esta falta de previsión, pescudando as responsabilidades de cada administración nesta obra presuntamente ilegal executada no LIC Costa Ártabra.


















