off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 22 Agosto, 2016 at 6:59 a.m.

Ciclo-xénese

by

cicloxeneseAs solemnes negativas dos dirixentes políticos duran menos  do que os presidentes da Academia do Cinema. Temos aquel pioneiro “non, punto, non” da tránsfuga Tania Sánchez no seu percurso desde Izquierda Unida a Podemos; o rotundo non ao “indecente” presidente de goberno lanzado por Pedro Sánchez; o rexeitamento de Albert Rivera ao PP mentres Mariano Rajoy estivese á fronte; a oposición a “os cenizos de EU” de Pablo Iglesias; e a consecuente descualificación de Alberto Garzón a Podemos ex ante por “aceptar gran parte do programa da dereita”.
Aliás, desa charca tantas veces invocada xa beberan todos. O que fica son os “sí boana” dos gobernos do PSOE e do PP en canto a recortes, axustes, agravamento do réxime das pensións, contrarreforma do mercado laboral e golpe de man ao artigo 135 da Constitución. O que pasou pasou. O que agora está de moda é o matrimonio por conveniencia: a abstención de Ciudadanos á investidura de Rajoy; o arrexuntamento de IU e Podemos, e a dúbida hamletiana de Pedro Sánchez ante o seu inxuriado e correúdo competidor emerxente. Mas o tempo non pasa en balde.
Cando no derradeiro cuadrimestre do ano se celebren os comicios autonómicos en Galiza e Euskadi completare o ciclo institucional xerado pola irrupción das formacións políticas xurdidas da protesta cidadá contra o austericidio, a corrupción sistémica e o bipartidismo dinástico hexemónico. Desde o estalido o 15-M en 2011, acta de bautismo desa creativa insurxencia popular, xa se produciron eleccións europeas, municipais, autonómicas (parciais) e xerais (aínda por concretarse en goberno). Por tanto, existen elementos suficientes para estabelecer unha primeira valoración da que foi esa colleita de asalto ao poder desde a rúa e arredores.
E o mapa que guinda o proceso ten claros e escuros. Da fase do partido xa xogado, cómpre concluír o seguinte: que a nivel do Europarlamento a actuación dos grupos emerxentes foi practicamente irrelevante, dada a supremacía das forzas conservadoras nese foro; que o balance autonómico segue oferecendo tamén un predominio dereitista, excepción feita de Catalunya, cun notabel avance da fronte independentista, e de Andalucía, onde o PSOE mantén o seu tradicional control mália a escandalosa saga dos ERE; que se abriu unha xanela de oportunidade no plano local a través das candidaturas cidadanistas trunfadoras en moitas das principais prazas do país (Barcelona, Madrid, Zaragoza, Cádiz, Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, etc.); e, en fin, que a nivel de todo o Estado, o Partido Popular conserva e aumenta a súa vantaxe, como evidenciaron as urnas nas citas sucesivas do 20-D e do 26-X.
Con ese saco de gatos, aínda en fermentación, cómpre sinalar alomenos dous vectores diferenciadores en chave de sorpasso institucional, que en realidade é o que se arexaba cando se puxo en marcha a alternativa radical á xeira de quenda PSOE/PP. Un é o relativo fracaso das opcións que, como Podemos, pretendían evacuar da Moncloa aos seus caseiros e impor un roteiro transformador. Houbo substitución do PSOE polo PP, ainda que para sostenella e non enmendalla, como corresponde a confrades na disciplina neoliberal. E non parece que o panorama vaia a mudar moito desde o momento en que toda a esquerda nominal ao completo (PSOE e Unidos Podemos) parece incapaz de cumprir o reto. Mesmo asumindo o custo (vendido en positivo) de petar á porta de Ferraz para acumular forzas no intento de desaloxar a Mariano Rajoy, cando foi precisamente o PSOE o primeiro en aplicar sen consideración a gadaña da Troika.

Máis estimulante semella o cenario do municipalismo. Aínda que tampouco sexa para festexar e cada experiencia acumule a súa correspondente mochila de desencanto, o certo é que está a ser no taboleiro da democracia de proximidade onde mellor se visualiza ese caixón de xastre que se denominou “nova política”. Pódese afirmar que o abaixo-arriba desa iniciativa supera no día a día ao arriba-debaixo da esfera estatista en canto a rendementos rexeneracionistas. Quizais porque na súa proposta esbozan aínda trazos do impulso constituínte de partida e persisten dose de empatía na xente. E tamén porque, ao contrario, abandonar esa formulación foi a condición sine qua non que aceptaron os novos partidos para ser admitidos no club da política a gran escala. Os vaivéns táctico-ideolóxicos do “pablismo2 (transversalidade, esquerdismo verbalizado, socialdemocracia, peronismo, etc.) son un elocuente sismógrafo desa deriva.
Hogano pódese afirmar sen cair en abafantes prexuízos que as experiencias-diana que lideran Ada Colau en Barcelona e Manuela Carmena en Madrid, con todos os seus defectos e devalos, forman un activo digno de consideración como xacemento dunha especie de democracia participativa e trasparencia. E non só só polas magnitudes políticas, económicas e poboacionais que ambas as cidades representan, que ab initio posúen unha atractiva dinámica propia. Senón porque souberon manter vivo un certo modelo de xestión aberta á súa contorna que está a servir para atizar o desenganche co formato clientelar, endogámico e privatizador empregado polos grandes partidos nesas áreas de goberno. Prestixio que levou a Podemos a capitalizar a súa imaxe para as listas do 26-X coa fin de mellorar as súas expectativas electorais (agás o verso solto de Carmena).

Mas quen mellor do que representa a tese do cambio que a CUP, un pentagrama político-ideolóxico que madura relativamente fiel aos seus principios sen que esa teimosía traduciuse até a data en grave desafección política. Mentres as iconas emerxentes a dereita e esquerda han ir amoldando o seu discurso ao estandar dos votantes, contrariando as promesas feitas á súa canteira, o combinado independentista catalán de esquerdas mantivo en boa medida o compromiso dos seus ideais programáticos. Dixo “non” até o final á investidura de Artur Mas; mantén a bricolaxe asemblearia como método de toma de decisións; carece de líderes profesionais; e logrou levar á práctica un certo sincretismo entre a súa alma soberanista e a súa alma anticapitalista.

Entre un Podemos cuxo líder cualifica como unha fenomenal bobada que se puidese facer política desde as prazas, e unha CUP capaz de levar a súa aposta anticentralista até rexeitar concursar nas eleccións xerais, hai algo máis que un conflito entre culturas políticas diverxentes. E iso ten un prezo. Primar, baixando o perfil ideolóxico, o totum revolutum da eleitores fronte ao mandato das bases leva inevitablemente á dereitización e, de teren sorte, apañar cargos na Administración. Teimar nas formulacións identitarios sen renderse ao favoritismo das enquisas e da opinión publicada, pola contra, pode representar un hándicap para brincar nas urnas pero é unha coherencia que alenta certa esperanza de ruptura democrática. Un formato devolve a política realmente existente á casa de saída, retroalimentando o réxime do 78, o statu quo e a segunda restauración monárquica. O outro, por oposición, impugna os valores que definiron ao sistema e a corrupción, e facilita as vimbias mentais, éticos, estéticos e psicolóxicos para alumar un verdadeiro proceso constituínte. Como afirma Pierre Bourdieu “A forza do mundo social reside na orquestración dos inconscientes, das estruturas mentais. Agora ben nada hai máis difícil de revolucionar que as estruturas mentais” (Sobre o Estado, páx. 127)

Dous mundos distintos e distantes. A fórmula apaña-todo que abandeira Podemos ( cada vez máis posto a mal ás confluencias) é un tropismo na procura do voto caia quen caia. O que supón supeditalo todo á lei de número e ter que aceptar carros e carretas para xogar na liga do xogo dos tronos. De aí a súa derradeira bandaxe con Izquierda Unida e as pregarias para que o PSOE do primeiro austericidio aceptara como compañeiro de viaxe. A opción intransixente da CUP, na órbita non colaboracionista que practica en Italia o movemento 5 Estrelas, non dá tregua aos seus adversarios no convencemento de que para esa viaxe non se necesitan alforxas. E de momento, onde Podemos faise subalterno, a CUP marca territorio, como acaba de desmotarse ao forzar un referendo unilateral para o pleno autogoberno. A refundación da paifoca Converxencia como Partido Democrático Catalán sob a rúbrica radical “independentista” demostra que son as xentes da CUP quen ostentan o aval da desconexión con Madrid ante o corpo eleitoral.
Algúns ciclos históricos rematan como xéneses de algo novo.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off