O espectáulo “Un dia de praia” de Desastronauts é circo na rúa con trapecio, corda e hula-hoops . Unha aposta ben interesante que vén de achegar esta tarde festeira unha pinga de intelixencia e humor que, combinando elementos de cabaré-circo e clown, crea un precedente acaído para futuras programacións das Festas da Patrona de Cedeira. Velaí que ao final do espectáculo arrexuntaronse nenos e nenas de todas as idades arredor de Raquel e Girisho para interesarse por unha obra na que grande parte da acción ten lugar no aire dun xeito arriscado e anovador.
Raquel e Girisho formaron a compañía Circo Expreso no 2004 en Londres, e pasan a chamarse Desastronauts en 2011 tras a creación de “Losing Grip”.Co seu espectáculo “Too High” estiveron de tour co circo británico Happy´s Circus, actuaron na Convención Nacional de Malabares en Crawley 2004, participaron no Festival de Glastombury e en varios cabarés de circo en Londres.
Hai uns anos que se trasladaron a Galiza onde debutaron co espectáculo de rúa “Calleret” en Santiago de Compostela e en distintas programacións de Galicia. A partir de aquí toman como base Compostela onde crean “Un día de Praia”, co que xiran por innumerables teatros e rúas galegas en solitario e en programacións de Culturactiva como Pistactiva e Ruactiva.
Os compoñentes:
– Girisho é de nacionalidade inglesa, graduouse na escola de circo “The Circus Space” no 2002. Recorreu Europa co seu número de trapecio estático e participou como artista de circo no espectáculo de apertura das olimpíadas asiáticas en Doha, Qatar 2006.
– Raquel Veganzones é de Valladolid, formouse na escola de Circo Carampa, Madrid, e en “The Circus Space”, Londres. Raquel recorreu medio mundo co seu trapecio desde o Caribe ata a India, traballando en diferentes circos, cruceiros e compañías de teatro.


















