O comezo oficial das festas de Cedeira foi o venres 13, ás oito da tarde, coa lectura do pregón dende o balcón do Concello, mas a troleirada percíbese na rúa hai dias. Na praza da laranxeira, o alcalde, Pablo Moreda Gil, en compaña da concelleira de cultura Maria Xosé Rodriguez, convidou aos veciños e visitantes a gorentar dun programa cheo de tradicións, música de noso e celebracións populares.
As festas da patroa é un sentimento
Como cada ano, o pregón foi seguido por unha morea de xente. O alcalde sinalou que “este ano queremos homenaxear á Cedeira mariñeira, temos a necesidade de recordar a nosa orixe, aquela que desperta a lembranza, o esforzo, a temperanza, o risco, a satisfación, o desánimo mas tamén a ilusión, a ledicia” e desexou que “o día de hoxe sirva de recordo para as peixeiras, as redeiras, mariñeiros, mariscadoras, nais e avoas que sacaron as familias cara adiante nunha sociedade tan difícil”. Tamén afirmou que o mar está moi presente na vila a través da nosa patroa, a Nosa Señora do Mar,“unha virxe preocupada polo traballo das xentes do mar”, un labor que tamén fan, segundo o alcalde, Manuel García Iglesias -tripulante do Helimer 401- e Daniel Rey Piñón -este último no Pesca 2- ambos os dous veciños da vila e con vocación de servir aos demais rescatando aqueles que están en risco de perder a vida por accidentes ou outras circunstancias no mar. Son persoas preparadas, segundo Moreda, que “poñen a súa vida propia a disposición das xentes do mar para manter a salvo o que eles consideran o auténtico valor, o traballo no Mar. Ese é sen dúbida o noso graal, e para defendelo son cabaleiros, guerreiros ou o que faga falla, incluso pregoeiros!!!”.
Na súa intervención, que deu lugar a unha especie de diálogo entre Manuel e Daniel, os pregoeiros fixeron mención ao sacrificio que conleva a vida dos mariñeiros, “vinte días no mar e dous na casa”, así como ás moitas saudades coas que teñen que convivir familias cos homes, fillos, irmás ou parentes gañándose a vida sempre lonxe da casa e nas máns das inclemencias metereolóxicas. No discurso abondaron no que para eles significan as festas da patroa. “É un sentimento”, tal e como recoñeceu Manuel García Iglesias dende o balcón do Concello. Ilusión, afán e gozo foron outras das verbas que ambos pronunciaron para explicar o momento tan especial do ano que representan as celebracións da patroa. “É o tempo no que as familias e amigos reúnense, falan e divírtense”, apuntaron, “unha cita que ningún cedeirés quere perderse, unha chamada da terra que se leva no corazón”, segundo afirmaron con emoción sentida os pregoeiros.


















