off
Movementos sociais, Opinião, Política — 1 Agosto, 2016 at 9:03 a.m.

Arma letal global

by

Unha nai ao seu fillo: Para comprender aos adultos terás
que esperar a  maior e perder o xuízo
(El Roto)

En Estados Unidos o terrorismo interior nace do odio racial e da mística do rifle. En Francia, tras os atentados de Inglaterra e España, xorde como unha liorta entre crentes e infieis capitalizada “lobos solitarios” do salafismo. Na guerra de Siria son os avións da OTAN e do réxime os que, coa escusa de loitar contra o seu particular eixo do mal, bombardean cidades abertas e hospitais, vítimas anónimas que de cando en cando causan alarma social. E Rusia xustifica a ocupación de Crimea como unha reparación territorial, aínda que non poida explicar a derriba dun avión comercial con máis de 200 persoas a bordo.

É terrorismo, sen paliativos nin excepcións. Pero sería enganarse falar de bos e malos, de vítimas e verdugos, de causas e efectos como mundos separados A liña divisoria é imprecisabel, un branco móbil. Vítimas que poden ser verdugos, e viceversa. Efectos que operan como causas, e ao revés. É a zona gris onde cabe calquera atrocidade. Resulta imposible metabolizar o fenómeno do jihadista sen mencionar a criminal invasión de Iraq (como fai o informe Chilcot), a ocupación e o apartheid de Palestina por Israel; a barbarie da guerra secreta de Chechenia polo Kremlin ou o martirio de Afganistán tras a dobre e sucesiva intervención soviético-norteamericana.

É a sinistra lóxica do canto peor mellor, con que a industria armamentística e os grupos ultras e xenófobos freganse as mans. A xibarización mental e moral das masas (consumidoras e votantes) xamais prognosticaron nada bo. Ao contrario, abonaron o terreo para que o rexeitamento ao diferente prospere sen límites. Esa estigmatización xa forma parte da paisaxe. O poder corrompe ao que o exerce e degrada ao que se somete. Afirmouno Bakunin, ainda que decote temos mostras evidentes da súa funesta pegada. Quen está a levantar electoralmente en moitos países “civilizados” a partidos que predican a guerra santa da exclusión social? Maiorías sociais. Traballadores desafiuzamentos pola crise. Xentes de ben. Obreiros e cidadáns cumpridores coa lei que senten ameazadas as súas formas de vida. Vítimas e verdugos, segundo cadre. Xogo dos patriotas, xogo dos tronos.
É un padrón que ten un século de antigüidade. De cando o internacionalismo dos proletarios abrazou o nacionalismo coa constitución de partidos obreiros dispostos a asaltar os ceos no marco da Estado-nación. Aquela vella AIT da “emancipación dos traballadores terá de ser obra dos próprios traballadores” deu paso a unha nova política competitiva a escala de país. Ficou infelizmente patente na Gran Guerra, cando a fraternidade dos de abaixo dividiuse entre xermanófilos e anglófilos. Naquel conflito bélico a clase obreira estreouse como carne de canón ao servizo dos intereses dos poderosos. Foi a primeira contenda na historia en que se matou a eito e a longa distancia grazas ás novas armas de destrución masiva, aínda que aínda se respectaba á poboación civil.
Algo fulcral que marca a diferenza coa actual onda deshumanizadora. Referíndose á guerra de Chechenia, Svetlana Aleksiévic explica así a transcendencia desa deriva no seu excepcional ” A fin do “homo sovieticus”: “As guerras de agora non as libran soldados contra soldados. Agora a poboación civil, as persoas comúns, son obxectivos lexítimos. Todo o mundo tórnase en inimigo, homes, mulleres e nenos. Por iso cando volten a casa métenlles un tiro a calquera e sorpréndense se alguén lles pide explicacións”. Só unha presiña de internacionalistas estrafalarios declarouse orgullosamente pacifista e tratou de frear a hecatombe da Primeira Guerra Mundial. Como aqueles socialistas e anarquistas que en 1915 reuníronse na cidade galega de Ferrol para berrarlle ao mundo inutilmente abaixo as armas!
Que foi da solidariedade humanista? E dos movementos contra as guerras? Por que a esquerda abandonou aqueles acenos de identidade? Preguntas e respostas  entrefebran nunha reacción en cadea sen solución de continuidade que ten o seu talón de Aquiles na perda xeneralizada de conciencia moral. Abonde dicir que hoxe a industria armamentista é unha das principais actividades económicas e emprega a millóns de persoas no planeta. Exponse eses asalariados a súa responsabilidade polo destino do traballo que executan? Fan algunha crítica os sindicatos a esa actividade?
De ningunha maneira. O que importa é a “carga de traballo”, esa expresión muladar que equipara o concepto traballo a unha simple mercadoria, un traballo sen valores. Porque a dignidade do traballo pérdese non só cos empregos lixo. E serve o mesmo para xustificar a construción dun portavións, fabricar bombas acio, disputarse a localización dun cemiterio de residuos radioactivos ou unha central nuclear. A cultura da paz que inspirou ao filósofo e científico Bertrand Russell é unha vellaria. O Premio Nobel da Paz concédeo unha fundación en lembranza do inventor da dinamita; un ex ministro de Educación en España converteuse en secretario xeral da OTAN e até a garda civil de tráfico ( a Benemérita!!!) liderou un golpe de estado.
A vella política? A nova é máis sucia e cínica. É certo que hai propostas alentadoras, como a da CUP pedindo a descuartelización a vida civil, ou o veganismo, esa práctica extrema e holística de respecto á vida. Mas tamén hai outras aberrantes, como a de Podemos, incorporando á súa directiva ao “pacifista e antimilitarista” ex Xefe do Estado Maior da Defensa. Estamos a ser programados para a vinganza e o escarmento como nunca polos estímulos que nos rodean. Na espiral de inseguridade e conformismo en que nos instalamos corremos o risco de converternos en mortíferos drons sen nin intuílo sequera. Por iso cómpre desaprender todo o que leve culto á violencia. De xénero, de raza, de relixión, estrutural ou de clase. A ignorancia e a obediencia cega é unha arma letal global.
Terrorismo é terrorismo. Sen paliativos. Veña de onde veña. Dun condutor desequilibrado e fanatizado nun concorrido paseo de Niza ou de militares sublevados en Istambul. Aínda que o alzamento en Turquía teña tantas lagoas como o noso insondabel 23-F (coa diferenza de que aquí ninguén saíu á rúa para defender a democracia).

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off