off
Galiza, Opinião, Política — 10 Xullo, 2016 at 11:01 a.m.

A incerta perspectiva da unidade popular

by

cableA unidade é un deses conceitos que en política sirven de xávega para apañar de todo. Todo o espectro político apela á “unidade”, e non a calquera xuntura mas á rapeta da “unidade popular”. Algúns mesmo levan nas súas siglas o apelo ao común até se definir coma populares. Produce cousa de pasmo que o pobo do noso país continue votando incrédulo o partido corrupto, autodenominado popular, mentras este pulveriza, nun intento experimental e planificado, os servizos públicos e os seus sinais de entidade nacional nunha cínica estratexia na que o pobo galego é decretado como superfluo por unha caste de tecnócratas impunes. Unha cidadanía condenada á despolitización e aleccionada con boa vontade á sumisión das condicións da arrogante xestión estatal. O inquietante é que o paradigma se teña convertido no modelo normal de goberno na “autonomía”, cunha aperta de máns e “de común acordo”. Porén, o que semellaba imposibel contra toda evidencia democrática, é posibel. Tal vez, polo progreso incesante da uniformidade global no plebeísmo. Velaí a proba de que en España, con institucións democráticas formalmente consolidadas, nen entre a caste política nen da clase intelectual emanen a eito voces rebeldes fronte a argumentación teolóxico-histórica da “indisoluble unidad de la Nación española”,  cando o que funda o ethos da democracia moderna é a solubilidade (pois non todas as substancias se disolven nun mesmo disolvente, onde a formación dunha substancia común non pode darse como disolución  de pluralidades). Mas o que serve portas afora (na xeira afabel do multiculturalismo) é negado adentro das democracias emprazadas.

Hai un momento  no filme de Fernando Colomo “Tigres de papel” (1977)  onde se recrea un mitin republicano na Transición no que o orador afirma entre vivas ao Grândola que “o que reune e une ao que ten vida nun país, ao que crea e soergue unha nación, son os traballadores […] e estamos pola unidade desa patria, pola unidade de intereses dos traballadores, mas non negamos con esta unidade os lexítimos dereitos dos pobos do estado español[..] para unir o que o franquismo afastou”. Hogano, porén,  a idea de “unidade popular” non ten aquel inxenuo sentido disruptivo, empregándose máis nun sentido que permite homologarse diante dos gardiáns do que hai e da legalidade vixente. Porque o que se estila é falar con palabras emprestadas, quer do pobo lexitimado, quer do dereito constitucional, quer da competencia.

Que o próprio fundamento da democracia somete “á proba dunha indeterminación radical”, dura carga que fai renacer o fantasma da unidade, é un alvo que alimenta e alerta da sempre perigosa  fusión -que  tanto teme Claude Lefort- entre institución (estado, rexime estatutario) e sociedade civil.  A posición de Lefort é sospeitar de todo discurso que tenda a facer invisibel o poder. Para o pensador francés é o potencial de reivindicación o alicerce e condición de posibilidade do convivio democrático, de aí que dende o seu ponto de vista o lugar do poder deba ficar sempre vacío. Talvez habería que repensar desde aquí  os movimentos que apresentaran un proxecto de transformación social por estar carentes dunha teoria totalizadora (máis política do que filosófica) que lles permitira ser algo máis do que grupos de interese. Neste cadro, interésame pór acima da mesa en qué medida os modelos institucionalizados de valores culturais que regulan as interaccións sociais e, portanto, estabelecen xerarquías entre os axentes políticos, están a impedir que moitos deles continuen aferrados á verticalidade do comité central e sen participación en pé de igualdade malia o teimoso chamado ás multitudes e á unidade popular. O que para Nancy Fraser asenta máis na orde estatutaria da sociedade do que na só estructura económica. Quer dicer, que fronte a inxustiza do que Fraser chama “denegación de recoñecemento” a resposta máis acaída sería deconstruir os modelos institucionalizados e xerárquicos de valores que impiden a paridade de participación e non a simples afirmación da identidade de grupo. Por exemplo, ainda que se garantizaran os dereitos lingüísticos de todos os grupos as inxustizas poderían continuar mesmo reificando as xerarquías sociais transversais. Mais un exemplo, pertencer a un grupo parlamentar “confederal” e a posibilidade de formar grupos parlamentares diferenciados – dos que depende a prerrogativa de financiamento e o tempo dos debates – non te homologa de facto para negociar no tráfego de privilexios e influencias  no que alicerza o xerarquizado e prevaricador  sistema eleitoral español (velaí o nesgado regulamento de criazón de grupos parlamentares).

Por qué lle chaman “unidade popular” cando queren dicir “unidade de partidos”?

A épica do chamado á unidade ten o efecto taumatúrxico de obviar, mesmo elidir, todo o  que incomoda. Nomedamente cando no chamado político á unidade se manifesta a nosa má conciencia ao  deixar nú o risco da súa ausencia. É dificil refutar a unidade – e máis cando vén acompañada do engado do común e do consenso-  xa que incorpora na súa formulación que quen a quer  contradicer ou rexeitar,  ficará tamén desmarcado do alvo.  Hai palabras que de tanto as usar foran ficando baleiras e outras que como consecuencia da súa dispoñibilidade na utilización foran preenchidas de contidos que nada ou pouco significan, agás todo aquilo que eliden.  Unha delas é  unidade, a outra, popular, e o seu derivado, populismo. Velaí que as dúas xuntas configuran un dispositivo ideolóxico xeneroso porque todos sabemos que vén significar outra acepción diferente á de populismo  (enxergado este como oferecer cando  se ten a certeza de non poder cumprir) . Un gadget relativo á presentación do pobo fronte as elites e a vontade de construir un proxecto alén dos grupos de intereses. Así enxergada, a noción de “unidade popular”  sería indisociabel do defluxo do acontecer. Mas non por iso equivalente ao mellor xeito de exercer a soberanía. Quer dicer, a unidade popular non sería o que precede o proxecto político xa que xurdiría das fendas da orde sociopolítica cando se perturban as lóxicas desa orde: cando hai produción de desarranxos e mesmo de divisións, cando non hai herdeiros nen asignados, cando hai posibilidade de asociacións disruptivas onde os roles están repartidos. A “unidade popular” así entendida sería unha concepción próxima á de comunidade (como figura do colectivo libre de saudade) e presupón desafecto e fluxo aberto de antagonismos: conciencia de división.  Non tanto a figura do grupo, senón a do “entre”. De aí que os proxectos de apelo en frio á “unidade popular” baseados na simple “instrumentación”, de fusión e  afortalamento do “estar-con”  sen vincallo co antagonismo (“estar-para”),  direccionados a único obxectivo de abolir o partido corrupto,  teñan o risco de acabaren pronto engolidos e normalizados. O que aquí nos interesa suliñar non é a unidade política en canto hipotética forma  de fusión, mas a posibilidade de irrupción, dunha reconfiguración e deslocamento das posicións.

Porén, a noción de “unidade política” tornouse un fetiche gastado e non é precisamente quen a formula quen a representa na medida en que construir hexemonía precisa un longo e fatigoso percurso que nunha sociedade cada vez máis urbana como a galega non se pode reducir a unha “unidade ” que é a duns cantos ( onde moitos dos competidores teñen o mesmo ethos, semellandose máis do que se diferencian) menos os outros que teñen e representan o poder.  Erosionar este marco mental e cultural debería ser o motor da acción e o seu conceito, o independentismo, formulado sen tañeiras nen ambigüedades desde a vivencia do desastre e desde a reconfiguración da total relación das singularidades e o conxunto (“estar-para”). Ao meu ver, a incomodidade de Podemos e das Maré tén aí o seu limite ( após do acaído efecto profilático ) na súa imposibilidade de declararse abertamente soberanistas, preferindo a de populistas non confesos, para non xerar dúbidas sobre a súa homologación segundo os parámetros da democracia española, malia contarmos cunha legalidade vixente que ten máis percorrido (velaí Catalunya) do que lle adoitan dar os amos do sistema. Mas tamén achan aí a súa liña de demarcación quen declarandose soberanista  acaba dando máis valor ao accesorio (as eleccións á volta como permante puntada) do que ao  tecido.

Porque a “unidade popular” así enxergada, a comunidade, non flue configurando os círculos concéntricos dunha nova orde a ritmo de circunscrición eleitoral. Quer dicer, non abonda a situación de minorización para constituir unidade popular e, moito menos, comunidade. Por iso, quen pretendar darlle sentido á noción de unidade popular só pode conseguilo a condición de dar un paso ao lado. Mesmo sendo imprescindibles, os partidos non poden serguir funcionando como até agora. Cómpre aceptar de vez que a degradación do  sistema representativo xustifica a irrupción de formas de participación directa (o “non nos representan”). Alén diso,  tanto a representativa como a directa están condicionadas  pola información tanto á hora de escoller representantes como á de participar directamente nas decisións políticas.  E a información nesgada, incompleta ou directamente falsa é unha “arma de destrucción masiva”.

De aí os xogos de permanente ambivalencia entre chamados á unidade popular no medio do xeral devalo da noción de representación. A unidade tende a expresar monolitismo, unha zona de conforto onde acubillar no colo da comunidade ou ao  arrimo do caxado do lider. Ir xuntos, a unidade, porén, non é o mesmo que a unicidade. Non se precisa dicir que en tempos de incerteza o chamado á unidade permite adiar as pedras de tropezo para todo o reducir  a entusiasmo. É dificil millorar a cualidade da democraciá sen millorar o da información. De aí que a formulen como “unidade popular” cando queren dicir “unidade de partidos”. A unidade fai a forza, dise, porque capta as enerxías que reactivan o principio guerreiro. Porén, a sociedade galega, cada vez máis urbana, non é unidade mas diversidade e pluralismo. Ao cabo, vivir cos outros permite explorar os alicercerces dunha vida boa onde soterrar os pés dun suxeito autónomo capaz de decidir e estabelecer relacións de seu. A unidade ilusiona tanto como estreita a parte lasa do organismo, porque o obxectivo común  leva o resto de atazos como a crescida ou torrenteira que arrasta terra.  

O chamado táctico dos novos e vellos abades mitrados á “unidade popular” na súa inédita benzón abacial ( Noriega,  Ferreiro e Beiras, entre outros, como antes o foi o  rutineiro chamado da UPG foran bebendo de diferentes solucións de concentración no contexto dunhas eleccións,  mesmo semellando unha necesidade política fundada acho que é profundamente desfasado respeito aos próprios supostos participativos quer da denominada “nova política” quer das “refundacións” que conducen a máis do mesmo, a simples arranxos e variantes  da mesma partitura frentista e basso continuo. Mesmo tratándose dunha unidade de mínimos, concreta e direccionada ás eleccións, debería pormenorizar se só coinciden nos únicos pontos de deitar fora ao PP da Xunta e de paso ingresar a retribución polos escanos obtidos. Se fundar é principiar ou dar nacencia a algo que ten de durar, re-fundar sería imprimille alento e azos, facendo as reparacións necesarias para poder superar o devalo producido polo tempos e adaptarse a un marco diferente. Aliás, ainda que cada nacemento promete un novo comenzo, fundar e re-fundar teñen unha dimensión soteriolóxica (doutrina de salvación) lastrada pola actual alianza postpolítica entre a máquina dixital e o capital á que non son alleas nen Galiza nen España. No canto de actuar, tecléase. Somos á máquina como o servo ao señor.Escoitase a radio e vese a TV desde a total asimetría, como quen asiste a unha proclama. Por iso son tan poderosos. O medios dixitais malia seren máis comunicativos ou simétricos, só están para o presente.  Asín, a confianza cede o paso ao control. A experiencia que precede ao saber pasa a ser acumulación de información. Porén, o saber non é autoevidente por adición. Por iso, talvez o que fai falta sexa un proxecto de construción de soberanía en torno ao debate e á sociedade e sen o lastre da “urxencia” electoral.

A confluencia de fasquías ideolóxicas emancipadoras diversas non é o mesmo que o fetichista chamado á “unidade popular” formulado hai pouco por Beiras.  Para expresalo en termos marxianos que serian do seu agrado e de todos coñecidos : podemos pensar que a “unidade popular” sería unha materialización das relacións políticas actuais dos movimentos emancipadores porén en virtude da  participación de Beiras no intercambio politico da Galiza contemporánea, achega un testemuño da estraña circunstancia de que a unidade lle pareza un obxecto máxico dotado de poderes especiais. A unidade formularíase na crenza de que funciona ainda que non se acredite nela! Todo o que é sólido desmancha no ar, afirmaba Marx no Manifesto. Como dicía Kant, ter a idea de 100 táleros non é o mesmo que telos no peto. Precísase acreditar na peza de metal como diñeiro para que sexa diñeiro. O mesmo acontece coa “unidade popular”, funciona como o diñeiro. Existe e ten substancia na medida en que “acredita” que existe pobo. Con certeza, como dí Zizek, sería unha causa posta retroactivamente polos seus próprios efectos. Como hai que interpretar eses chamado á unidade nun contexto electoral senón como un xeito reactivo que interpreta mais unha vez a unidade como unicidade? Estamos talvez perante unha unidade falsificada para que sirva de chamariz? A reinvención, u-la? O proprio Beiras deixa constancia das súas dúbidas sobre o alcance da “unidade popular” ao impor o seu voluntarismo á marxe da inercia da realidade cando  o principal é que  a unidade se autorice de seu. A procura de garantías da unidade é o medo á acción. Porque o papel das forzas emancipatorias non é o de se tornar pasivos espellos da opinión das maiorías, mas a de crear dinámicamente novas maiorías afastadas das rotinas, medos, cobardías e abandonos. Mas tamén saber retirarse sen agardar que os eleitores  te obriguen.

É dificil eludir os afagos a que incita a simples formulación da idea de unidade (suprapartidaria). Porén, a mística da  esquerda ten xustificado a unidade popular en virtude de universais que acabaron por revelarse coas mellores intencións mas sendo singulares, cando non parciais ou simplemente instrumentais, ao servizo da permanencia e da reprodución do que hai.

A “unidade popular” configúrase como valor cando é un horizonte indeterminado e non  o que precede como resultado dun cálculo.

Após o devalo de BNG e de ANOVA e a doce derrota das Marés e de Podemos, é cousa de pasmo que todos coincidan en agochar responsabilidades baixo as asas da unidade anteposta (que se dí cando a carga do carro vai pesando sobretodo na cabezalla). Xogar ao xogo das unidades de Km 0 para máis tarde afirmaren que o acontecido ten a ver coa  desmobilización do eleitorado da esquerda soberanista que percebiu a diluición da “cuestión nacional galega” no chamado patriótico de Podemos.

Se for así, a “unidade popular” apenas sería a transposición do mito da bondade do pobo fronte ao partido corrupto do poder, reducindo o capital  intelectual do soberanismo a un único  polo de atracción que obvia e mesmo renuncia a deconstruir os modelos institucionalizados que desde o interior impiden a participación para alén da simples formulación de mensaxes e a autoconservación dunha marca. A unidade estimula o Hegel que levamos dentro ao presupor articulación, porén, esquece que o espirito hegeliano alerta tamén  o que ten de fórmula máxica se non hai traballo previo. Deste xeito,  a unidade sirve á causa contraria ao principio no que se funda: confinado exclusivamente no rexistro da exixencia eleitoral, mesmo ao ficar adosada a unha reivindicación moral, moralizante e moralizadora, que non desaba en ningunha outra cousa que ela mesma e os instrumentais sucedaneos unitivos que coñecemos. Quer dicer, non hai nada que esperar se non se aborda doutro xeito a acción política e militante. Seica non se exerce o poder en todas e cada unha das accións productivas? Máis alá da retórica, hai condicións para oferecer “unidade popular” cando esta debería ser o que se forma como resultado do desprazamento  e da configuración un espazo heterotópico? Non sería esta máis ben unha consecuencia, que non debería ser escrita en singular, senón  en plural? Talvez a captura eleitoral da función unitiva permita a só inmobilización das forzas do individuo por moito que se amose unxida de reciclaxes de enerxía concentrada, irradiada talvez dos restos dalgunha estrela errante.

Tamén a “nova política” non semella levar aparellada unha nova cartografía, quer dicer, continuase optando polo molar alí onde a modo foucaltiano habería que reivindicar o molecular (Deleuze-Guattari) e menos mimetismo da unidade fixa e localizabel do que a diseminación e intensificación das divisións. Do que se podería tirar unha reconsideración basilar das tácticas e estratexias en materia de loita política se aceptamos que o problema non é tanto o poder do Estado como o estado do poder. Por tanto, a unidade non pode ser a Alternativa senón o chamado ao aselvexado voluntario. Como dí Alain Brossat, para sobrevir o común precísase a presentación mútua das singularidades na súa dimensión anárquica e valor comunitario.

Se ainda non ficou claro, hei dicir que postular a “unidade popular” xérame cepticismo e  suxíreme unha incitación a esencializar o que é complexo, a deitar desconfianza ante unidades precipitadas coa súa dose de instrumentación e gregarismo aceptado. Coidado coa confusión entre correlación e causalidade. A correlación de dúas variables non implica que unha cause a outra. Desde que en 2007 aumentara a mobilización cidadá no estado español co 15 M  e o proceso soberanista catalá,  á que vez que as mobilizacións remataban co nacemento de Podemos e o seu acelerado aggiornamento na xeira da reclamación dunha volta á situación anterior (queremos ser disciplinados, empregados e útiles)  á vez que en Galiza dividíase o BNG dando lugar a ANOVA, que ensaiaba unha Alternativa Galega de Esquerdas coa parcería  de IU e foran xurdindo as Marés. Porén,  a agónica diminución de votantes experimentada polo BNG non  subiu o apoio a Podemos-ANOVA-Mareas.  Malia todo, en tempo da psicopolítica dixital (Byung-Chul Han), a correlación teima en suplantar a causalidade e a agregación de datos á teoría.

Foi acaso a mellor estratexia para erradicar, por exemplo, a paridade de participación no Estado? Estamos certos que o chamado á unidade no decurso dun proceso eleitoral é o vieiro para cuestionar as asimetrías de poder cando estamos entregados á programación e ao control psicopolíticos? Non se trata dunha alternativa simple e sen articulación e a confesión inconfesa de que as partes consideradas por separado resultan limitadas ou insatisfactorias? Ten a esquerda que  optar entre as duas opcións ás que induce o chamado á “unidade popular” apresentado  – no utilitarista contexto dunhas eleccións, repito- elidindo os perigos aos que conducen toda reconciliación apresada e obviando as tensións reais que existen entre as várias orientacións políticas?

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off