off
Opinião, Política — 2 Xullo, 2016 at 7:16 a.m.

Extirpando as más hervas

by

Ollaparo_produciónintegradaAínda que pola raivosa actualidade puidese dar esa impresión, non vou tratar aquí dese diktat seudo-stalinista do secretario de organización de Podemos, Pablo Echenique,”o bo”, dirixido ao Consello Cidadán para acabar co debate interno. Prietas las filas! Este enunciado ten a ver co que de xeito evidente é a segunda e fundamental ofensiva da campaña posta en marcha polos distintos axentes do sistema político-económico hexemónico para cernar toda pegada de disidencia entre a cidadanía como resposta ás políticas austericidas e liberticidas.

Despois de rexeitar a sangue e lume as manifestacións máis decisivas das “primaveras árabes” coa complicidade dos réximes “do mundo libre e, noutras zonas, ter a recado as mobilizacións grazas á botadura de novos partidos que as remansaron cara á competencia institucional, semella chegar o momento de anulalas no plano teórico para asegurar a súa total extinción. Non adoita haber teoría sen praxe nen praxe sen teoría.Porque se algo relevaran todas as protestas xurdidas a raíz do estalido da crise era a clara conciencia existente entre amplas camadas da poboación sobre a fraude democrática e de representación dos gobernos democráticos de facto. Argumentos que serviran para a impune ostentación de novas oligarquías e a utilización descarada de políticas antipersoas. Dous mitos que saltaron polo ar cando as xentes sairon ás rúas, desde Exipto a Tunes, desde Grecia a España, á voz común de “non nos representan” e “chámano democracia e non o é”.

Por iso, reprimida a axitación con artes combinadas, agora téntase extirpar de raíz os valores éticos, humanistas, racionais, inclusivos e democráticos que arrolaron a aquelas sublevacións da sociedade civil. E para dar o tiro de graza usáronse dous acontecementos históricos, diferentes ena forma mas idénticos en canto á súa interpretación regresiva: o referendo do Brexit e as eleicións españolas do 26-X. Se un olla en perspectiva, as valoracións que se realizaron de ambos os sucesos coinciden en criticar unha forma de participación política que deixa a última palabra aos eleitores. É coma se de súpeto, en pleno século XXI, tentásese reeditar de novo algún tipo de sufraxio censitario para asegurar a gobernabilidade dos Estados contestada a nivel global.
O ataque fíxose en dúas frontes. Un centrado en dirimir a eficacia do referendo como método de consulta para grandes cuestións, e outro en cuestionar a vixencia nas sociedades complexas do vello principio democrático “un home un voto”. En ambos os posicionamentos existe un desexo oculto de recuperar certo elitismo como alternativa a unha “vontade xeral” que empeza a considerarse perigosa cando os medios de comunicación de masas non logran aliñar completamente aos votantes coa vontade do statu quo.
En España, como adoita ocorrer coas cousas para comer, a vangarda en favor do novo despotismo ilustrado protagonizouna o Grupo Prisa, buque insignia das grandes entidades financeiras mundiais e das corporacións multinacionais, e nesa mobilización participaron algúns dos súas máis sobranceiros columnistas. O refacho comezou o pasado 8 de abril cun editorial (Lecciones de Holanda), no que, por mor do rexeitamento en referendo do acordo de asociación entre a Unión Europea e Ucraína, advertíase que”o resultado da consulta marca os límites da democracia directa”. Tres días despois, o 11 de abril, o mesmo xornal insería unha columna (Abusos de la democracia directa) do subdirector de internacional do rotativo alemán Die Weit, Silke Mülhher en idéntico sentido. E culminaba a serie, o 18 de abril, Juan Ignacio Torreblanca cun texto (Cónsules y consultas) no que o xefe de opinión do rotativo puña na picota a sospeita o dereito a decidir con este tenor literal: “preguntar é sempre democrático?”. Todos os textos publicados eran na distancia debedores do enorme fracaso do referendo boicoteado polo goberno de Syriza, proba de que poucas veces desde a esquerda radical se tivera feito tanto en favor da dereita.
O operativo reactivouse cara á disputa sobre a saída de Gran Bretaña da UE, mediante a entrada en loita dalgunhas das plumas máis progresista do xornal presidido por Juan Luís Cebrián. Con parecida mensaxe: o risco, primeiro, de deixar temas estratéxicos ao bo criterio dos simples cidadáns e, aprobado o Brexit, escrutando sobre a diferente calidade dos votos emitidos. A esta última interpretación apuntáronse firmas de recoñecido prestixio como a de John Carlin (Que no voten los viejos!); Josep Ramoneda, na mesma liña do seu colega mas analizando as causas da vitoria de PP o 26-X (En regresión), e como teloneiro do programa, Mark Leonard, director do Consello Europeo de Relacións Exteriores (Un tsunami de plebiscitos en Europa). Este último chegou a tocar o botón do pánico ao afirmar que “a enxurrada de referendos que os novos partidos quizais soliciten a raíz do triunfo do Brexit pode pór en perigo os principios de solidariedade, negociación e democracia sobre os que se funda o proxecto europeo”.

Quer dicer, falando en prata, que a democracia directa vía referendo vinculante supón un risco para estabilidade das castes políticas reinantes e que, nunha especie de eutanasia eleitoral, as persoas maiores non son dignas de votar sobre certas cuestións porque carecen de visión de futuro. O curioso é que esas opinións se esgrimen desde posicións supostamente democráticas e liberais, fronte á bategada das teses dos partidos ultras e xenófobos, cando en realidade os dous rexistros retroaliméntanse no fondo. Porque ambos parten do achicamento e menosprezo dos valores democráticos. Uns mantendo na minoría de idade política a parte da cidadanía por razón de experiencia, e outros establecendo un número clausus sobre quen é patriótico e cidadán con dereitos e quen paria. Dous paternalismos e un mesmo pensamento único.
Trátase do vello problema entre entender a democracia no crisol reduccionista que arrinca dunha interpretación nesgada e abstracta da existente na Atenas clásica de hai vinte e catro séculos, ou vela como unha forma de goberno con valores humanistas, inclusivos e solidarios urbi et orbi que se enriqueceu co avance civilizatorio. A prestixiosa helenista Nicole Loraux xa advertiu desa impostura no seu libro “Nacido da terra” ao denunciar un revisionismo que, baseándose na tradición histórica que excluía da participación política a mulleres, metecos e escravos, impón unha tradución reaccionaria, populista e oportunista da categoría “democracia” ao momento presente. Manipulación auspiciada na actualidade pola Fronte Nacional francés de Marine Lle Pen, en denuncia da propia Loraux, como abandeirado de “democracias auténticas caracterizadas polo seu saber da necesaria discriminación entre estranxeiros e cidadáns”.

Un sofisma do que se valen os partidos eurófobos emerxentes e que de levar até as súas últimas consecuencias ágrafas implicaría considerar á Revolución Francesa como un movemento retrógrado por excluír ás mulleres da cidadanía, e á Suíza contemporánea un país antidemocrático por non aprobar o sufraxio universal feminino até o afastado 1971. Pensar historicamente fronte aos falsos profetas que caricaturizan o pasado para xustificar opcións políticas, en palabras da investigadora citada, leva “actuar no campo do pensamento para lembrar o dereito imprescriptibel do que existiu a ser primeiro de nada comprendido no seu tempo”.
Infelizmente, ás veces, os extremos tocan e nestes precisos momentos ultranacionalistas e eurócratas coinciden en negar a capacidade de todo o pobo para conquistar responsablemente unha democracia avanzada. É unha dinámica que lembra a aquel infame berro racista “exterminen todas as bestas” con que o escritor polonés Joseph Conrad sintetizaba a esencia do colonialismo europeo no seu famoso relato “O corazón do negror”.

One Comment

  1. A min o que me preocupa realmente do Estado é que uns partidos tan corruptos como o PP e o PSOE teñan uns porcentaxes de votos tan altos coa corrupción que teñen. A xente non lles fai pagar a corrupción. É triste. Un Estado con eses niveis de corrupción non pode ser rico. Os Bárcenas, Pokemon, Eres… xa non lles afectan. Claro que hai que estirpar as malas herbas.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off