off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 29 Xuño, 2016 at 11:12 a.m.

Acima de todo

by

España gosta de ser corrupta antes do que rota. De tirarmos algunha conclusión dos resultados electorais, só Cataluña semella querer mudar validando a confianza no rupturismo. Porque a España actual non quere nen se pode reformar. Cando o xornal Público comezou a explicarnos a suposta conspiración do ministro Fernández Díaz e do director da Oficina Antifraude de Cataluña para desacreditar políticos catalás con datos falsos os máis optimistas deduciran que o PP, a 48 horas das eleccións, esnafraría inexorabelmente. Porén, os inquéritos anunciaban xa na altura a remontada do PP e atribuíanllo ao Brexit con argumentos despropositados, talvez porque non habia relación ningunha entre unha cousa e a outra. Con certeza, un paisano de Castrelo de Miño e outro de Cedeira que tiñan pensado votar ao Bloque ou ao mediático Pablo Iglesias acabaran deitados na praia ou votando a Rajoy semella máis convincente que os efectos directos do que aconteceu no Reino Unido.

Mas o que vale a pena articular é como dous patriotas “arriscan” a súa carreira para defender a indisolubel unidade de España. “Yo soy español por encima de todo”, afirmou De Alfonso. A respectabilidade da primera parte da  afirmación non debería facernos obviar a segunda “por encima de todo”. Eís a mostra do que a algúns-  mais ben poucos- nos preocupa, desasosega e mesmo perde -para disgusto dalgúns amigos leitores- entre arabescos éticos e estéticos. Ese  “todo” semella engolir a legalidade toda. Unha vontade inequívoca de explotar a vontade a legalidade en vigor. Un ataque ao “estado de dereito” que estes dous patriotas dins defender e un nídio exemplo de administración do revés.

Os paisanos de Castrelo e de Cedeira  que por acaso escoitaran  trechos da conversa dos dous patriotas, consideraron que a única contención contra o independentismo catalá era volver votar ao PP testosterónico, debruzarse ao sol de Antena 3 e trocar o Albariño polo Rioja morno e o seguranca-acima-de-tudoescarvadentes detrás da orella. Mesmo Extremadura e Andalucía, disque as máis directamente afectadas pola independencia de Cataluña, votaran PP malia o imperio da esquerda falsaria. Por encima de todo, antes corrupta do que rota. Mesmo os fascinados polo artefacto Ciudadanos acabaron repensando o voto (os votos perdidos por uns e gañados por outros coinciden tanto que semella cousa de pasmo). Como coinciden os deputados perdidos polo BNG e gañados por ANOVA, agora  no catálogo de En Marea co manual de instruccións de Podemos co seu target e liña completa de produtos e linguaxe publicitaria específica en clave española.  O debalo de Iglesias, mesmo arrombando a cuestión do referendum, o cambio das liñas vermellas pola camisola de la roja, acabou afastando a parte dos seus votantes potenciais. O rápido proceso de envellecimento dos “partidos emerxentes” oferece asín un correlato do que acontece a nivel global e que a sindrome Syriza preanunciara. Mas xa se sabe que a moderación ás veces ten o poder taumatúrxico de xerar desconfianza, facilita a polarización e acaba por desmobilizar aos teus até igualarte cos outros. Éche o que teñen a luminarias ao escachar na noite escura. Fana máis negra.

Dous patriotas gabándose de teren estragado os sistema sanitario dunha comunidade autónoma  e os votantes validando que así se faga. Con este protocolo de xenealoxía do poder a quen isto escribe metéuselle nos miolos que de non existir a cuestión catalana a xente non tería recuncado votando ao PP. E se o fixo é porque  o problema de fondo é que o estado español paira polo espacio político mundial sen ter resolto a cuestión territorial. Sen arranxar primeiro esa cuestión todo proxecto a longo prazo tórnase coartado e inviabel.

Os escoceses  decidiran nun referendum coa licenza e prace dos británicos, e os británicos veñen de decidir outra que é arriscada- tanto ten agora se é trabucada ou errada- que deriva dunha decisión colectiva lexítima. Na España de políticos enfundados en la roja  non lles pasa polos miolos pór as urnas  para ver quen está a favor e quen en contra da independencia por razóns que acubillan nunha insuficiente tradición democrática. Pola contra, nun xuizo político ao 9N persiguen e punen a quen as puxo sen lles pedir permiso, cancerbeiros que son do statu quo. Ao cabo, o perigo de todo isto é que se acabe tirando a conclusión de que para arranxar problemas o que hai que facer é evitar o diálogo político. España resístese continuamente aos procesos de auto-reflexión. Até que os problemas apodrezan e acaben inducindo decisións expeditivas. Porén, os problemas teiman, son túzaros e deixalos apodrecer acabará estragando e dexenerando a cativa democracia dispoñibel. Entregándoa sen remisión nen resistencia ao goberno dos expertos sobre o goberno das persoas e dos pobos. Quer dicer, a resignación definitiva a favor do capital e contra o traballo, subordinándonos sen remisión á falsa universalidade do Capital que dí que imos a millor sen que as maiorías o sintan. A rede mercantil-conservadora vén de dar mostras de que o seu electorado sigue ese vieiro, con elementos comúns aos expresados no Brexit, perante a falta de expectativas, a resignación infinita, a elisión dos problemas, a dobra do papel que apaga o lume. Acontece que a negación leva aparellado o retorno do reprimido. Porque a confianza non se deriva da moderación mas da afouteza da palabra e de proxectos políticos constatables que precisan  o seu tempo. Podemos naceu como unha alternativa xurdida do entendimento para que non seguiria a gobernar o PP, porén esqueceu priorizar o que era o ditado dunha significativa parte dos seus simpatizantes.

O voto recebido por unha dereita reaccionaria e sistémicamente corrupta, que recunca na posibilidade de manter as súa políticas antisociais e laminadoras dos servizos públicos, reflicte o medo a mudar mesmo quedando a 39 escanos da maioría absoluta e a axuda das esmolas da Lei d’Hondt. O grave é a dilución das alternativas. En Cataluña a vontade de ser e de tornarse outra mantense viva. De feito,  En Comú Podem é a primeira forza (12 escanos) que pode tornarse fulcral para o porvir de Podemos.  En Madrid hai quen  fita de reollo a posibilidade de Colau optando ao  liderado de Podemos e hai quen pula, inspirándose na tradición do PSUC para que fique en Cataluña medindo as distancias. 

Galiza defronta a carreira das autonómicas cunha restra de partidos en crise nun momento fulcral. E como o panorama é asustador, ninguén dimite.

One Comment

  1. Pasou algo moi interesante na Deputación de Lugo esta semana. O Psoe acaba de aprobar os presupostos co voto do PP. Mais ou menos 85 millóns de euros.
    O Psoe acaba de botarse nas mans do seu verdadeiro socio que é o PP. Agora toca gañar as eleccións en Galicia e nas provincias do interior xa se puxeron dacordo para repartirse o pastel. Os seguintes pasos serán que o PP axude dunha forma activa ó psoe a gañar en Galicia. Diso encargaráse o aparato mediático español e español-galego. Tempo o tempo. A cousa pinta mal en Galicia.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off