off
Opinião, Pensamento, Política — 22 Xuño, 2016 at 11:28 a.m.

Política fetichista

by

torredeherculesO fetichismo é unha má política. Marx, antes do que Nietsche, analisou a mercadoria no que tén de  fetichismo- que deriva da vella palabra galego-portuguesa “feitizo”- ao fitar que a división do traballo induce ao fetichismo na medida en que trocamos artigos a eito sen sabermos como foran producidos e como é que estes pegan o seu valor. Marx estabelecia unha analoxía entre o fetichismo da mercadoria e a relixión fetichista, a extensión das coordenadas capitalistas de produción fetichista da apariencia na que “os productos da mente humana semellan figuras autónomas, con vida propia, en relación conoutras e cos homes”.

Algo semellante acontece coa política actual no preciso sentido do fetichismo como fascinación polo que aparece, como totalidade fechada que reduce os antagonismos. Mergullados no Breixit e en plena campaña eleitoral española os defensores do que hai, do statu quo, amóstrandose incapaces de xerar máis expectativas, teiman en inducir o medo. Porén, malia sabermos todos e cada un de nós que un rexime político é un sistema de control social, consentimos que a democracia -se é que ainda lle resta algo da politeia grega- semelle unha figura autónoma dotada de vida propia á marxe da acción humana, do calendario e da liturxia eleitoral. Non precisamos dicir que os mercados e a propia cosmovisión científica do mundo contribuen á producción dunha democracia manifestamente fetichista, vencellándoa ao que o psicoanalista Jacques Lacan chamaba o “suject supposé savoir”, quer dicer,  a procura dun “suxeito” ao que se lle “atribue o saber”.  Por outras palabras: presupoñemos nun outro anónimo o mínimo de racionalidade que permita a orde (a Bolsa, o médico, o Estado, o motociclista que frea no semáforo, o decreto lei, etc). O fetichismo apunta a un suplemento sempre presente que non podemos evitar completamente (como di  o filósofo Markus Gabriel “non é por acaso que o caracter fetichista da cosmovisión científica do mundo apareza en competencia coa relixión”) que disolve antagonismos reducindoo todo a positividade harmónica. É aquí onde Zizek retoma a crítica da ideoloxia en nome dos direitos universais da negación no interior da esfera do político.Daí que Zizek afirme que “a ideoloxia non é todo; é posibel asumir un lugar que nos permita manter distancia en relación a ela, mas ese lugar de onde se pode denunciar a ideoloxia ten que permanecer vacio, non pode ser ocupado por ningunha realidade positiva determinada; no momento en que cedemos a esa tentación, voltamos á ideoloxia”.

Con certeza, non hai texto legal, Estado ou científico que nos ceibe de tratarmos, renegociando ou emendando, as bases do noso convivio para alicerzalas no siso, nunha minima base razonabel. A fetichización da democracia, que vai de brazo dado doutras fetichizacións – entre delas, a da propia ciencia- só serve para proxectarnos a nosa indignación sobre un suxeito de saber, un experto, quer científico quer político, que nos libere da nosa responsabilidade de decidir. Porque calou a idea de que a democracia, presentada xa como unha especie de relixión política, presupón que hai algo que a controla, quer o Mercado, quer os políticos do Olimpo Complutense, quer a fórmula constitucional  da que se poden derivar todos os decretos lei como se fosen leis da natureza (legalismo ideolóxico).  Lembremos con Claude Lefort  que o único discurso feito en nome da invención democrática contra o totalitarismo das construccións ideolóxicas é o discurso de defensa do lugar do pobo como un lugar vacio que nunca pode ser corretamente ocupado.  Ao cabo, porque ninguén é igual a si mesmo e inmutabel como a Torre de Hércules,  o fetichismo non é o feito de reverenciarmos isto ou aquilo, mas que o obxecto ao que rendermos culto se torne un obxeto  incuestionado que non deixe espazo para perguntarmos por que ese obxeto supostamente universal é tan digno de veneración. E facérmonos esta pregunta nun momento no que a aparente política multicultural e fin das ideoloxias leva aparellado un estraño universalismo só identificado cunha única realidade xurídica, mas que axe, de facto, desinteresado polos estabelicimento de normas universalmente partilladas. Cando o realmente urxente é unha política da universalidade da inadecuación.

Porén, malia o “feitizo” suplementar que ten toda experiencia do político, non toda política é fetichista. Nomeadamente cando  o acto político descólase do cadro xurídico-económico para amosar o real do simulacro. Do mesmo xeito que hai formas tóxicas de relixión e erros científicos que permitiron o avance da ciencia como ben común, tamén a politeia non se pode externalizar para que os expertos se ocupen xa que a nosa comprensión da liberdade  non se deriva da “libre escolla” propria ao multiculturalismo liberal. Nen os dereitos. O que non sorprende, xa que a falsa universalidade do Capital acomodase ben a esa multiplicidade.  Deberamos ir con tento, na perspectiva de Zizek, de non entregar o discurso do universalismo aos pregoeiros do capitalismo global.

 

2 Comments

  1. O fetichismo é o encanto de ser burgués.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off