O Auditorio de Cedeira acollerá o domingo o Festival de Coros organizado pola agrupación Estrelas do Mar
Un ano máis a coral Estrelas do Mar de Cedeira cumpre coa tradición de convocar no mes de xuño o festival de música adicado ás habaneras. Nesta ocasión, o encontro terá lugar o próximo domingo- aínda que inicialmente estaba previsto para a xornada do sábado- no auditorio municipal. A cita dará comenzo ás oito da tarde e na mesma actuarán, ademais da agrupación organizadora, a Asociación Cultural Amigos do Acordeón das Rías Baixas, o coro parroquial San Juan de Meaño e a Asociación de Acordeóns de Cedeira.
A formación Estrelas do Mar celebra este ano as súas bodas de prata coa música, unha dedicación da que leva facendo partícipes aos veciños de Cedeira coa convocatoria, alomenos, de dúas citas obrigadas ao ano, unha coincidindo co Nadal e outra para anunciar a chegada do verán.
Fin de semana desportiva
A vila de Cedeira arranxa os preparativos para celebrar nos vindeiros días unha fin de semana deportiva. O programa dará comezo o sábado coa xornada do deporte na rúa, que inclúe desde actividades ao aire libre -pola mañá- ata o acto de clausura das escolas deportivas.
Esta última convocatoria empezará ás seis da tarde e terá lugar no pavillón polideportivo. A festa deportiva continuará o domingo coa celebración do día adicado á bicicleta, unha cita que consistirá nunha proba infantil de BTT e nunha “pedalada popular”.



















Somente unha correción para que quede constancia:
O coro da terceira idade Estrelas do Mar fundouse en maio de 2001, polo tanto farà as vodas de prata dentro de dez anos, se Deus o quere.
X. Antonio Suárez Aneiros, fundador.