O goberno tripartito renomea a “Plaza del Sagrado Corazón” co nome popular co que sempre foi coñecida, Praza Roxa. No mesmo pleno o goberno apoiou a petición dun ciclo sobre o sector forestal no IES Punta Candieira.
O goberno de Cedeira sacou adiante no pleno de onte o cambio de denominación da praza do Sagrado Corazón que, a partir de agora, pasará a chamarse Praza Roxa.
A decisión xustifícase no feito de darlle aos lugares os nomes polos que os coñece a xente, segundo puxo de manifesto a concelleira María Xosé Rodríguez na súa intervención. “A principal razón é que é o nome popular”, insistiu.
A praza Roxa é uns dos puntos neurálxicos da vila de Cedeira e, ata agora, o nome que vén de converterse en oficial tivo que competir co que se lle daba administrativamente. O PP abstívose na votación.
Ciclo medio sobre Aproveitamento e Conservación do Medio Natural
O pleno de Cedeira tamén aprobou, neste caso por unanimidade, secundar a iniciativa do IES Punta Candieira de completar a súa oferta formativa cun ciclo medio sobre o sector forestal. En concreto, trátase do ciclo de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural.
O Concello non só se compromete a apoiar esta proposta senón tamén, no momento en que sexa necesario, a ceder monte de titularidade municipal ou consorciado para a realización das prácticas do alumnado.
Ademais, realizará as xestións oportunas ante outras administracións para lograr esta titulación para o instituto cedeirés. Dende a dirección do centro, que ten unha matrícula que ronda os 500 alumnos, confían en lograr o obxectivo de cara ao curso 2017-2018 e adiantan a súa intención de buscar novos apoios, entre outros o do propio sector, para poder materializar unha iniciativa que ten interese tanto para os mozos como para as empresas relacionadas co unha actividade que, xunto á pesca, é un dos principais motores económicos da localidade. A corporación municipal tivo en conta estes argumentos para dar o seu voto favorabel a unha proposta que partiu da actual dirección do instituto.
No IES Punta Candieira impártense na actualidade, ademais de ESO e Bacharelato –incluído para adultos– os ciclos superiores de Administración e Finanzas, Electricidade e Mecatrónica Industrial e os medios de Comercio, Instalacións e Mantemento e Electricidade. O pleno de onte retrasouse con respecto á data normal –as convocatorias son os últimos mércores dos meses impares– para evitar ter que convocar outro só para aprobar a composición das mesas electorais.
Nota de imprensa: Pingota Comunicación


















