off
Cedeira, Meio ambiente, Movementos sociais — 30 Maio, 2016 at 7:48 a.m.

A Plataforma en Defensa da Ría constitue a xestora e determina as primeiras medidas

by

A Plataforma en Defensa da Ría de Cedeira bota a andar coa constitución dunha xestora provisional que esta mañá foi presentada no Concello e que preside o concelleiro de Medio Ambiente, Camilo Casal. Na entidade están integrados, polo momento, os partidos do goberno (PSOE, BNG e Anova), Esquerda Unida, Adega, o Museo Mares, a Confraría de Pescadores e Somos Cedeira, aínda que continúa aberta a novas incorporacións e, precisamente, que sexa o máis participativa posible é un dos obxectivos que perseguen.

plataforma ría 1

O alcalde de Cedeira, Pablo Moreda, expuxo a preocupación da plataforma polos efectos do cambio climático e criticou que, no que se refire á praia da Madalena, as actuacións para corrixir o problema derivado dos temporais do inverno incidan sempre sobre as consecuencias e non sobre as causas.  Así, demándase de Costas e de Augas de Galicia que se leve a cabo un estudo para saber máis sobre os motivos polos que se producen problemas no areal porque consideran que vaise gastar menos nestes informes que os cartos que xa se levan investido nas medidas a posteriori sen resultados definitivos. Trátase, insistiu Moreda, de preservar a praia e a riqueza mariña para os vindeiros cen anos.

Camilo Casal anunciou que os esforzos da xestora -da que se espera que poida dar paso a unha directiva nun prazo non superior aos dez días- centraranse agora en que o resto de asociacións e partidos políticos se sumen á plataforma. Como primeiras medidas, esixirase a eliminación das  plantas invasoras e o acondicionamento dun dos regatos da praia, “que no verán convértese
nun auténtico sumidoiro”. Son actuacións que Costas xa tiña comprometidas para antes da chegada do bo tempo pero que agora estanse retrasando “porque din que o Goberno está en funcións e non hai cartos”. A plataforma reclamará do xefe da Demarcación, Rafael Eimil, que dea conta da súa disposición para tomar medidas a longo prazo, e as que piden basearanse nun informe redactado por Adega e asumido pola plataforma.

O portavoz da asociación ecoloxista, Xandro García, explicou, en relación con este tema, que estas propostas pasan por rematar cos deitados de area na praia e na ría, porque xa se fixeron tres desde o ano 2001 e “lonxe de mellorar, empeoraron os hábitats e a reserva mariña”. Unha segunda iniciativa sería que calquera intervención que se leve a cabo vaia dirixida a atallar o problema de raíz, cos estudos científico-técnicos pertinentes, e non se limite a poñer parches. Por último, pídese un cambio no “urbanismo depredador”, un problema común a toda a costa galega. Xandro García agradeceu neste sentido o esforzo que está a facer o Concello de Cedeira “para que esta plataforma vaia para diante, porque non existen moitos exemplos deste tipo en Galicia”.

Nota de imprensa: Pingota Comunicación

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off