O alcalde socialista de Tordesillas recorrerá a medida de indultar ao Toro de la Vega (Da prensa)
O novo ciclo político en portas tras o bloqueo político do 20-D cada vez parécese máis ao que inaugurou o rei felón Fernando VII. Cando ao regresar dunhas vacacións pagas por Napoleón, mentres as súas tropas saqueaban o país, dixo aquilo de “vaiamos xuntos e eu o primeiro pola senda da Constitución”. Mentres unha parte do pobo madrileño transportouno aos ombreiros até palacio para logo restaurar o absolutismo e perseguir aos liberais das Cortes de Cádiz que mantiveran o tipo loitando contra os ocupantes.
Esa caste reinstauracionista na política e na moral parece que se volveu a instalar na España de inicios do século XXI, despois de facer a súa entrada triunfal a finais do XX coa Primeira Transición neofranquista. Entón o monarca tamén viña da obscenidade ética, unha vez aceptada a súa designación por Franco como o seu sucesor a título de Rei, Xefe de Estado e Mando Supremo das Forzas Armadas. Circunlóquio engadiu ao feito de que o secretario xeral do Movimiento, o partido único da ditadura, asumise vía eleitoral a presidencia do primeiro goberno daquela democracia legada. “O podo prometer e prometo”, esgrimido por Adolfo Suarez como marca da casa, había facer historia.
Con esas vimbias e sen que acontecese nada novo realmente constituínte desde entón, en boa medida pola complicidade da esquerda instalada e o consentimento dun confiado sector das clases traballadoras, non é de estrañar que os códigos daquel mesto consenso sexan hoxe valores políticos en alza. Por insólito que pareza iso é o que está a acontecer en tempo real neste primeiro banzo da precampaña electoral cara ao 26-J, entre a imparabel orxia de corrupción do Partido Popular.
Estamos perante unha especie de sincretismo entre a indecencia e o legalismo que ten como apousento o enaltecemento da obediencia debida, sen propósito de emenda nen acto de contrición.
Os protagonistas, como naqueles momentos parellos de tránsito e transacción, sitúanse a destra e sinistra, porque dúas non queren se uno non se deixa. Por iso é polo que os últimos testemuños teñan maior relevancia cando alcanzan aos presuntos expoñentes da esquerda. A falsaria e institucional do PSOE e a emerxente e pretendente de Podemos. Porque, alén dos estereotipos, non existe moita diferenza entre o recapado “podo prometer e prometo” utilizado polo indocumentado secretario xeral socialista, Pedro Sánchez, como foguete de campaña, e o non menos hilariante “son pacifista e antimilitarista”, con que o número uno de Podemos por Almería, o xeneral en reserva Julio Rodríguez, fixo a súa presentación na circunscrición onde o colocou o dedazo do “pablismo”.
Todo un indicio do que nos espera. Xa non se trata dunha simples especulación nen de palabrada para enmarcar a nova etapa. Estamos perante unha Segunda Transición de fouce e couce. Déixase intacto o atado e ben atado, sen tocar a forma de Estado nen os parámetros legais con que se perpetrou a gran fraude do paso dunha “ditadura a unha democracia”, lei a lei. Tamén se adopta a mesma impostura e mesmo se humilla o pouco que resistía da teimosa lembranza dos vencidos. Por iso non resulta estraño que mesmo a esquerda municipalista de Manuela Carmena, culmine a afronta de aprobar unha Comisión sobre a Memoria en parcería con aqueles que como os intelectuais mediáticos arrolados polo País, os incunabeis do bebedoiro socialista e o Bispado, estiveron deostándoa durante os derradeiros 39 anos.
España segue sendo diferente no medio dunha rixa de xente indiferente. De charanga e pandeiro. Non hai precedente histórico en Europa de políticos de esquerdas que usen a tradición fascista e belicista para achegarse ao seu público obxectivo.
Nen sequer o caso do xeneral alemán Gert Bastián, que chegou ao Bundestag polo Partido Verde, pode traerse a colación. Agás para certificar exactamente todo o contrario. “O soldado de Podemos” segue vangloriando o cargo de xeneral, con todos os seus dereitos pasivos intactos, sentese orgulloso da súa misión con ex JEMAD e ao tomar os hábitos en Podemos declárase “antimilitarista e pacifista”. Pola contra, o seu homólogo Bastián abandonou o exército alemán precisamente por tomar conciencia activa de antimilitarismo e pacifismo ao oporse á instalación no continente de mísiles con oxivas nucleares. Acto de contrición que o levou a rematar coa súa vida.
Mas como non hai dous sen tres, velaí temos tamén a Mariano Rajoy mandando unha carta a Bruxelas onde a súa “podo prometer e promet” acada cotas delirantes, ofertando á Unión Europea (UE) o contrario que está a dicir aos seus potenciais eleitores: recortes si recortes non, a gusto do consumidor. Aínda que de facto ninguén pode dicir desa auga non hei beber. Pois é brincadeira sen graza que sexa precisamente o PSOE, o mesmo partido que desde o goberno impuxo a reforma do artigo 135 da Constitución que nos converteu en reféns da Troika, quen se alporice na xeira pola última ocorrencia de Xénova 13. E ademais nun mitin no que Pedro Sánchez aparece escoltado por José Luís Rodríguez Zapatero, o pai da criatura, e Joaquín Almunia, o xefe de “os homes de negro”, como vicepresidente ad hoc da Comisión Europea.
Mágoa que tampouco Unidos Podemos poida aproveitar con toda contundencia a oportunidade que brinda a impostura dos seus colegas políticos, ao evitar no seu meritorio programa (http://podemos.info/wp-content/uploads/2016/05/acuerdo26J_final.pdf) deixar claro que pensa derrogar ese “trágala” constitucional. Fala de “reverter” e de “reformar”, sinónimos brandos interpretabeis mas sen transcendencia legal, ainda que o compromiso do termo “derrogar” luce pola súa ausencia.










