"Lede a Biblia, precisamos máis ateos" (Pintada rueira)
A miúdo os listos oficiais compórtanse como auténticos paspáns. Mentres están na pomada e os medios que lles fan as beiras, acirran as súas ocorrencias, semellan superdotados no país dos ananos. Porén, cando veñen do aveso e esmorece a luzada, imbécil o último! Este é o viacrucis aberto ante o PSOE despois de culminar en monumental chasco o mantra do “goberno do cambio”. Unha operación cosmética, próxima da ciencia-ficción, que foi coreada como unha xenialidade por parte do séquito adicto e as terminais mediáticas implicadas. É o que teñen todos os Iglesias e os Exércitos. Que cando o chefe manda “por aí”, falando ex cátedra, todos apertan o paso impasibel o ademán aínda que ao fondo só estea o abismo. A doutrina afoga a vida porque esixe desprenderse do espírito crítico. Cousas da obediencia debida.
O que ocorreu nas filas do partido socialista nestes case catro meses de conversas a piñón fixo para “liscar ao PP do poder” pertence á antoloxía do disparate. Sobre todo nunha formación política da súa experiencia, con máis de 22 anos no goberno e unha récola de fieis de todas as categorías: desde as finanzas á academia; desde os medios de comunicación ás empresas do Ibex. Todos, e en primeiro tempo de saúdo os seus máximos dirixentes, fixeron un exercicio de parvice corporativa como poucas veces se ten visto. E agora, non saben, non respostan, na mellor tradición do escurantismo pío. Abducidos polas súas pròprias fantasías, como escolares pillados copiando no exame. Celtiberia show.
Porque pór en circulación como moeda de curso legal a especie de que o pacto con Ciudadanos e os seus corenta mariachis ía a misa, e que a máis diso a semellante aquelarre podíase unir a orquestra Podemos, era pretender facernos acreditar que dúas máis tres son oito e que os bispos levitan. E así aconteceu até que a realidade impúxose ao esperpento e a superstición. A ver agora como arranxan este descomunal agravo que pillou a xustos e pecadores co carriño dos xeados? Non esquezamos que a inusual operación PSOE-Ciudadanos foi aprobada en consulta pola militancia e referendada polo mesmísimo Comité Federal, que alén diso validou manter a Pedro Sánchez, o mestre alquimista, como líder supremo do partido até as eleccións. E a ese consolidado dos 90 escanos do PSOE e os 40 de Cidadáns chamárono a “vía 169”, confundindo a ambición coa realidade e pensando que máis baixo que caeron o 20-D xa non podían caer. Con valor.
Descoñezo se haberá “sorpasso” do pablismo expandido co afluente garzonista de Esquerda Unida (aqueles agoirentos que dicía con rancor o cacique de Podemos antonte), ou esa trama quedará en borraxen na teoría ou na práctica. Mas o innegabel é que o PSOE, como se cansaron de proclamar Sánchez e o seu replicante Cesar Luena, fixo historia. E de quex xeito! Salvo que saquen a última hora unha carta da chistera, a destra (co PP) ou sinistra (con Podemos), ao socialismo homologado espéralle un tsunami. En maio volverá obter os peores resultados da súa historia; outra vez deberá colgar o anuncio “procúrase líder”; e sentirá sobre a súa caluga o alento de quen podían ser os seus compañeiros de viaxe se de verdade fóra algo máis que a “esquerda falsária “. Begin the beguine.
E por que? Son tan obtusos como para ignorar que o amancebamento con Cidadáns era unha viaxe a ningures? Porque se pasaron de listos. Os gurús do PSOE pensaban podían repetir a carambola da transición, confundindo allos con bugallos, e sen decatarense que a memoria é traidora e a ambición ágrafa. Crían os cerebros de Ferraz que a startup emerxente era como aquel PCE de Santiago Carrillo e que lamberetando a Podemos cun surrón de cargos e sinecuras lograrían succionar aos seus cadros políticos, como ocorreu entón coa camada stalinista-carrillista. Precisamente os mesmos visionarios que hoxe, desde as poltronas das baronías e a executiva federal, foron muxidores do errado amancebamento Sánchez-Rivera. Eses Vips que, cando Pablo Iglesias esixiu a vicepresidencia e un pacote de ministerios, acreditaran atopar na súa desmedida arrogancia a horma do seu zapato e a cachopa da súa cobiza. Empachados de BOE e cegados polo mal de altura de crerese as súas propias falacias, foron de vitoria en vitoria até a derrota final. Fixeron historia e, se teiman no desvelo, poden chegar a ser só historia.
Respeito ao posibel envorco electoral da confluencia Podemos + EU, conviría sermos prudentes e non bater palmas. Acreditar do 26-J unha hipotética coalición de ambas as dúas formacións ten asegurado adiantar ao PSOE favorecida pola lei electoral é moito dicir. Tanto como pensar que todos os votantes de Podemos o 20-D, sen excepción, votarán nos comicios xunto a Esquerda Unida e viceversa, ou que haberá novos electores que abandonasen a abstención para dar a súa confianza a esa atropelada conxunción de esquerdas. Contando ademais con que as confluencias repiten a mesma aposta e asistan á cita coas urnas da man do “pablismo”, algo en discusión pola mala experiencia de non poder formar grupo propio nesta lexislatura narciturus.
Mas o sufraxio, mesmo entre o atrabiliario censo español, ten outras connotacións máis complexas, como ensina a experiencia histórica. Basta lembrar que nas eleccións do ano 2.000, tamén expostas como un órdago dereita-esquerda, a alianza pre-eleitoral entre o PSOE de Joaquín Almunia e a Esquerda Unida liderada por Francisco Frutos saldouse cun espectacular fracaso. Non só perderon xuntos máis de tres millóns de votos e 29 deputados, senón que naquela xeira as urnas deron a maioría absoluta ao PP de José María Aznar. Aínda hai moita xente progresista que arrastra o prexuízo do ascendente comunista sobre as siglas EU, e non para ben. E se agora esa situación se repetira, mutatis mutandis, Pablo Iglesias podería ver cuestionado o seu liderado en Podemos.
O dramón para o PSOE é que o seu rexeitamento a sumar con Podemos (o único partido sen vínculos offshore), co resultado de bloqueo consecuente, evidencia que Ferraz é o principal responsabel de que o Partido Popular siga no poder. Conten como o conten: la commedia é finita!!










