off
Política, Politica espanhola — 16 Abril, 2016 at 7:37 p.m.

Mentireiros desenmascarados en Poisonville

by

Como na Poisonville de “Colleita Vermella”(Red Harvest)), o primeiro romance de Dashiell Hammett sobre a corrupción dos anos vinte. Madrid acordou coa operación sobre Ausbanc  e Manos Limpas (as mans que perseguiran a Nunca Máis) logo de asistir á dimisión do ministro José Manuel Sorial. Chove sobre mollado, ainda que non haxa persecucións e disparos,  sen dúbida hai mafiosos, troca de latigazos e  emboscadas. Os arrestos de Mario Conde e a cúpula de Manos Limpias, a ultra dereita disfrazada de sindicato cidadá, a policía case dá por desartellada a brunete tertuliana que rexeneraba España. É cousa de pasmo que a xustiza demorara tanto en decatarse. De non teren fitado a infanta teria pasado isto? Simples coincidencia  ter acontecido o mesmo dia da dimisión de Soria?

O caso do ministro Soria, apañado polas súas mentiras sobre os papeis de Panamá, é o colofón dunha lexislatura baixo o signo da corrupción que afectou ao executivo de Mariano Rajoy.

Dase a circunstancia que Soria, que foi acusado en varios escándalos urbanísticos cando tiña responsabilidades de goberno nas Canarias ainda que nunca foi condenado, sempre foi exemplo para Rajoy de político matratado polo sistema xudicial. Como exemplo e modelo era Mario Conde, doctor Honoris Causa pola Complutense, espello de moitos homes  mozos nin tan ricos nin tan habelenciosos ainda que levaran a raia do pelo á esqueda e que pagaran entrada para escoitar unha conferencia das súas na facultade de Economicas de Santiago nos noventa. Ian engolir o mundo. Para iso querian o poder, para tornarse novos ricos, como Aznar sentado na reunión do G8. Algúns non copiaron o look engominado mas si os métodos.

O mesmiño que aconeceu con Bárcenas, Francisco Camps, Carlos Fabra, Ana Mato e moitos máis. Rajoy fica en evidencia máis unha vez e non tivo outro remedio que deixar caer ao seu correlixionario. Unha demisión na que foi fulcral o traballo dos xornalistas que foran revelando dia após dia, como o axente da Continental no relato de Hammett, as súas mentiras.

A decisión de Soria coincideu onte coa detención da cúpula do falso sindicato Manos Limpias e de Ausbanc por extorsión, o que vén demostrar que as prácticas criminosas non son privativas dos políticos ao tempo que confirma a percepción que a corrupción está presente  no miolo do sistema, sen que se acenderan as alarmas. Hoube de haber unha infanta na bancada dos acusados para que desencadeara unha operación da policia contra unha organización opaca  que ninguén sabia con certeza- ou si- como se financiaba. E na mesma colleita, a faciana honorabel dunha asociación de defensa dos dereitos dos consumidores que foi tecendo en realidade unha máquina de extorsionar entidades, empresas e persoas.

Acontece que aquilo de exercer a acusación particular no caso da infanta Borbón facíase co obxectivo de conseguir gaños e pagos a cambio de  retirala, non habendo porén intención de exercer xustiza. Instrumentalización da xustiza  en beneficio próprio e escuros intereses político-corporativos.

O cotarelo do iceberg. A operación de Ausbanc e Manos Limpias precipitouse polas filtraxes ou as filtraxes provocan esta precipitación? Se a acción popular consiste na posibilidade que calquer cidadá sexa parte acusadora nun proceso penal,  a posibilidade exclúese cando se trata dun delito que só é condenabel previa denuncia do perxudicado, porque se a vítima non se preocupa do que lle fixeron, tamén non nos ten de preocupar ao resto de cidadáns. Esta opción seica é rara avis nas lexislacións do mundo. Só existe no estado español,ao parecer con raiceiras no dereito castelán e que xurdiu á luz pública no caso Fuencarral no 1888 en que a imprensa de Madrid para facer unha boa cobertura dun sonado asasinato optou por exercer de acusación popular. Dí Benito Pérez Galdós que se produciu un “xuizo paralelo” que serviu para vender máis xornais. Da excepcionalidade chegouse á frecuencia, decote con finalidades instrumentais e ao servizo de intereses opacos e noutras con alvos de tipo máis altruista que debería ser, ao cabo, o que debería perseguir a figura xurídica da acción popular. Unha figura que precisa unha lexistación acaida e con garantías porque permitelle á cidadanía reaccionar se a fiscalia non actua nun caso de delicto. Acontece que os grupos de poder teñen o poder da xustiza para instrumentalizar a xustiza penal en beneficio próprio.

Estraño país este da “colleita vermella” no que Manos Limpias acusa a infanta e a Fiscalia deféndea. En calquera caso, a ninguén, e menos á infanta lle interesa que se retire a acusación, porque o que se gañou co esforzo das tres maxistradas do tribunal derramaríase. Que o xuizo esté pronto para sentenza.

Todo iso que non sabemos mas intuimos,… e que a débeda española supere xa o 100% do PIB, ao nivel de 1909 (ti, eu e o veciño do lado, cada cidadá debendo 13000 euros máis que antes da crise a través do Estado).

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off