off
Movementos sociais, Opinião, Politica espanhola — 13 Marzo, 2016 at 9:34 a.m.

A escala humana

by

“Se non funciona é porque é  grande de máis,
o pequeno é fermoso”
(Leopold Kohr)

O novo ciclo político aberto en España como consecuencia da contundente resposta cidadá á crise contén trazos visibles e outros menos notorios que convén desvelar. O obvio é que en boa medida rematou o período de réxime de maiorías absolutas e mesmo que o sistema de alternancia bipartidista ficou seriamente comprometido. Resumindo podería dicirse que o panorama actual caracterízase pola desaparición do “numerus clausus” que dominou o taboleiro institucional practicamente desde o inicio da transición e o cuestionamiento do despotismo centralista.

Alén diso, existe outro aspecto non tan evidente que posiblemente ten tanta ou maior transcendencia que o xa citado do ocaso do  xogo de quendas. Trátase da pervivencia politicamente determinante das ideoloxías nacionalistas como argamasa do réxime. Se analisamos devagariño os feitos achamos que neste aspecto existe un elemento de continuidade, un fío vermello que identifica pasado e presente. Ese suma e segue é a posición de influencia que ostentan as concepcións identitarias, nas súas distintas versións, á hora de sustentar gobernos. Até as eleccións do 20-D, o concurso de Convergència i Unió (CiU) e/ou do Partido Nacionalista Vasco (PNV), as dúas expresións clásicas do nacionalismo conservador, foi o cemento recorrente para favorecer maiorías de control.

Porén unha lectura rigorosa do tirado das urnas tamén sinala a ese sinal “nacionalista” como actor político de primeira fila. Até o punto de existir un bloqueo a nivel de poder executivo en Catalunya e no Estado como consecuencia do alto prezo político posto por formacións dese perfil para activar a súa colaboración. Con todo, arestora este mecanismo ten ingredientes totalmente novos e sospeitados. Hogano, xunto ás formacións nacionalistas burguesas de sempre aparecen outras emerxentes, xurdidas da mobilización da esquerda social, que enarboran o feito diferencial para posibilitar unha democracia de proximidade, que chocan frontalmente co legado de CiU e PNV. Ademais estas opcións novas proxéctanse como sorpasso confederal, dinamizadas desde abaixo e a periferia, ao modelo Estado-Nación representado tanto polos aparellos nacionalistas como polos centralistas. En realidade consiste nun consenso entre oligarquías carcomidas pola corrupción, que ten a súa epítome póstumo no “falo catalán na intimidade”, de José María Aznar, e no recíproco “nunca pensei que Pujol fose un corrupto”, do seu colega Felipe González.
Falo das candidaturas locais que lideran os concellos de Barcelona, Santiago, A Coruña ou Ferrol, entre outros, e das confluencias En Comú-Podem; En Marea e Compromís-Podemos-És el Moment. Que non son só un trasunto periférico do autonomismo histórico, senón que acubillan vocación centrifuga e pluralista como demostran o proxecto auspiciado por Ada Colau e o xurdimiento por primeira vez en decenios dun partido de ámbito ibérico por libre asociación de persoas e grupos. Todo iso no vieiro dun pimargallismo á altura dos tempos, que se mira tanto no cantonalismo refrendatario suízo, de ascendente bakuninista, como na memoria do municipalismo libertario, de sinal proudhonista. Trátase dun insinuante círculo virtuoso que procura conxugar o actuar global co pensar local a escala humana, contrariando o invariabel capitalista de ande ou non ande déamo grande.

Con outras dúas características igualmente sobresalientes. A primeira, que onde CiU e/ou PNV oficiaban como cola de rato do duopolio dinástico hexemónico os seus continuadores contestatarios actúan como cabeza de león do multipartidismo participativo. A segunda, que fronte ao profesionalismo político dos ordonacionalistas, con todas as súas servidumes e trapazas, os recentemente chegados ao abeiro da indignación xeral teñen a frescura dos amateurs. E mentres non derrapen no plano dos feitos, prognostican a apertura dun tempo político de maior compromiso cívico, social e democrático que pode servir de antivirus ante as tentacións do poder e as xeiras da alta corrupción.

Estas calidades, aínda en fase indiciaria, proxectan un potencial capaz de superar o carácter parasitario que a competencia partidista incuba na xestión pública. Cando comprobamos con sorpresa que unha comunidade autónoma de primeira división como Calalunya pode vivir sen goberno, e que algo parecido ocorre a nivel da nación, ou mesmo sábese que durante os máis de 500 días en que Bélxica viviu a vontade mellorou o paro e outros indicadores macroeconómicos, non estamos a reivindicar a típica soflama ácrata contra o Estado. Mas si significando o custo de oportunidade que implica a ineficacia dun modelo que, ao basearse no despotismo do aparello clientelar dos partidos, clona ao seu xeito todas as institucións e impide unha resposta solvente ante o reto-país ao supeditar a independencia da xestión ás carreiras electorais que balizan cada lexislatura. Esa é unha das causas polas que a separación de poderes queda en mero simulacro e de que resulte problemático a consolidación dunha verdadeira sociedade civil autónoma, porque o interese xeral sempre se subordina á axenda do partido que ocupa o poder. Como pasou cando o PSOE de Rodríguez Zapatero negou de plano a clamorosa crise financeira para non lastrar a burbulla electoral dese ano con “más noticias”.
Neste contexto bipolar constrúense escenarios simulados para manter o espellismo dun sistema político de competencia perfecta, con clichés a dereita e esquerda aparentemente enfrontados a fin de saciar o imaxinario social preestablecido. Neste contexto especular é interesante visionar como foi a evolución da desigualdade durante o período 1980-2005 no ámbito das autonomías que tiveron gobernos de maiorías absolutas a destra (Galiza e Castela- León) e sinistra (Andalucía, Castela A Mancha e Estremadura). O resultado dita que Castela a Mancha, tradicional feudo socialista xunto con Estremadura e Andalucía, foi a comunidade que menos reduciu a desigualdade social. Pola contra, a conservadora Galiza, impasibel aliada ao Partido Popular, partido que a nivel estatal gobernou a metade de anos que o PSOE, resultou ser a que máis acurtou a distancia entre ricos e podres (http://www.eldiario.es/piedrasdepapel/desigualdad-CCAA_6_152294787.html).

O rexo dominio do partido-aparello, tanto a escala estatal como autonómica, á marxe das ideoloxías que se profesen, é o principal atranco para calquera proceso autenticamente emancipatorio. Porque ese modelo político leva nas súas veas o reclamo dunha democracia placeba que impide o máis pequeno sinal de vida intelixente no sistema que non sexa a “verdade revelada” que graciosamente se guinda dende as alturas do poder. En palabras de Takis Fotopoulos, autor do libro “Hacia una democracia inclusiva”, tal atentado ao sentido común débese a que ese modelo está baseado na concentración política e económica, proceso que inevitablemente esixe un isolamento predatorio da base social que xustifica como algo natural a cadea de mando a control remoto. Asín, <<As dinámicas das principais institucións políticas e económicas do sistema (a economía de mercado capitalista e a “democracia representativa”) conducen inevitablemente a unha enorme e crescente concentración de poder económico e político respectivamente>>.
Esa realidade constatouse na derradeira crise, cebada polo despotismo político e económico, que cegou aos seus elefantiásicas institucións á vez que fornecían solucións guiadas polo seu instinto de sobrevivencia, provocando en consecuencia entre os seus damnificados alternativas antagonistas e radicais a escala humana. Por esa razón, cando chega unha conxuntura desfavorabel, instintivamente, o capital (económico e político) trata de salvala con medidas recentralizadoras e autoritarias de acima-abaixo: axustes no mundo do traballo que implican redución e precarización do emprego xunto con desvalorización salarial e mingua de prestacións e investimentos sociais. Como reacción, en plena era global do século XXI a democracia de proximidade volve entrar en cena con prácticas políticas inspiradas no común-demanial, a centrifugación do poder, a deliberación horizontal e a responsabilidade social.
Un feixe de iniciativas que, á parte das súas raíces históricas, contén activos intelectuais recentes. Un deses asideros, polo demais aínda pouco recoñecido na historiografía ao uso, é Leopold Kohr, o economista, xurista e politólogo famoso pola obra “A desagregación de nacións”, texto onde argumentaba en contra do “culto á grandeza” cunha proposta de deconstrucción do Estado-nación en estratos desde a cúpula á base. Os seus traballos a contraxeito en favor dunha organización social a escala humana, de abaixo arriba e con entrefrebrado confederal, xurdiron da súa experiencia como correspondente de guerra independente na contenda española, misión compartida co seu íntimo amigo George Orwell, e do estudo das colectividades en Aragón, Catalunya, Alcoy e Caspe, promovidas sobre todo polo movemento libertario.
“Anarquista filosófico”, como ele próprio se definía, inspirou ao alemán E.F.Schumacher, pioneiro en cuestionar a distopía do pensamento económico convencional desde unha óptima minimalista co seu libro “O pequeno é fermoso. Economía coma se as persoas importaran”. No que pode considerarse o primeiro estudo cabal sobre a alternativa decrecentista, reivindicando o legado de Kohr, Schumacher contrapuña ao concepto cuantitativo de Produto Nacional Bruto (xestión por xunto) o cualitativo de “benestar humano” (xestión ao pormenor) através dun padrón de comportamento baseado na “obtención do máximo gaño mínimo consumo”.
“A máis alta expresión da orde?”, que dicía o eminente xeógrafo e pensador anarquista Eliseo Reclus.

(Este artigo foi publicado no número de marzal  de Rojo y negro)

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off