off
Cultura, Galiza, Historia — 12 Marzo, 2016 at 8:52 a.m.

40 anos da refundación do Ateneo Ferrolán

by

O Ateneo Ferrolán celebra o 40 aniversario da súa refundación cun programa de conferencias, música, teatro, poesía e poxa solidaria de cadros 


“Un lugar de encontro para a cultura” dita o seu lema. Ubicado nun edificio histórico de 1762 do Barrio da Madalena, en 1986 inaugúrase a sede social do Ateneo Ferrolán no número 202-204. Porén, as súas orixes alicerzan no ano 1879 coa denominación de Ateneo Artístico, Científico e Literario de Ferrol. Na altura,  unha sociedade cultural formada maioritariamente por civís, médicos, xornalistas e escritores e con meio centenar de socios e socias con arelas de alargar “os coñecementos dos seus compoñentes e difundilos entre as clases populares, elevando o seu nivel intelectual e familiarizándoas cos modernos ideais da ciencia e a arte”.  Un espazo de liberdade que desde as orixes foi viveiro de debates e mesmo de desavinzas e controversias que non foron quen de superar, até precipitar a súa desaparición após un ano de actividade. Contra 1903 un novo grupo de  persoas acoden a un chamamento para fundar novamente o ATENEO. A finais dese mesmo ano unha reunión de 100 persoas debate os fins desta institución. Como adoita acontecer, só 15 persoas foron quen de alicerzar e impulsar a Sociedade.  Após unha  intensa xeira de actividade cultural o proxecto foi devalando nos anos 1014-15.

Coincidindo co devalo do Ateneo, xurde neses anos un Ateneo Sindicalista alimentado por colectivos obreiros  e sindicais de fasquía socialista e anarquista. A cousa ficou aquí, porque non hai constancia até 1931 de recuperación de actividade ateneista coa chegada da República.

O golpe militar do 36 rematou cos dous Ateneos existentes en Ferrol  até  1976, ano de recuperación do que hoxe coñecemos como Ateneo Ferrolán. O seu primeiro presidente foi Fernando Álvarez Bouza, á cabeza dunha candidatura de consenso  de ferroláns que xa viña facendo actividades culturais través da Asociación Ferrolana de Cine-Club e dos Antigos Alumnos do Instituto no meio da efervescencia política do momento. A nova xeira foi tamén o da súa galeguización, confirmando “un prestixio e solidez que fan do Ateneo Ferrolán unha entidade en permanente actualización e en constante sintonía cultural, política e social co pobo, en defensa da lingua e a cultura galega especialmente”. 

Programa de Actos do 40º Aniversario da Refundación do Ateneo Ferrolán 

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off