Na época da sociedade da información, o máis difícil é a transmisión do coñecemento. Por persoal e intransferibel. As hemerotecas están inzadas de noticias que insinúan sucesos pasados, mas só na experiencia de telos vividos acubilla a conciencia certa dos feitos. De aí a grande dificultade do “vivir historicamente”, que dicía o mestre Pierre Villar. Por iso hai que tirar de modelos e supostos que nos acheguen a unha realidade que non sexa só virtual. Unha proba deste gap de comprensión tivémola estes días, por mor dos 35 anos do Golpe de estado do 23-F. Case unha anécdota no calendario vital das novas xeracións.
Estamos ateigados de informacións sobre aquel acontecemento que inflan o accesorio e ocultan o esencial, quizais porque aínda están entre nós e con mando en praza os principais protagonistas do 23-F de 1981. E así deixamos de percibir o outro 23-F, deste 2016, que está a discorrer baixo os mesmos vieiros sobre os que discorreu iso que en leriante cualificación chamouse o “tejerazo”. Con certeza, para pór denominación de orixe ao vexame e fin de conversa!. Mas a estirpe continua, impasible el ademán
Porque, que foi en resumidas contas o 23-F de 1981 senón un intento de reapropriación do público lexítimo en nome do Rei e pola forza da extorsión dos seus subordinados? Un atraco a man armada que nunca podía rematar con prexuízo para o máximo convocado no aquelarre debido a que a constitución vixente consagraba a inmunidade na cúspide. O demais, nomes, apelidos, lerias, embustes e folletins de xornalistas, novelistas e historiadores prèt â porter son parte do atrezo diario. Así é se así vos parece. Unha comedia. Un teatriño. Monicreques desde arriba.
Pois iso mesmo, mutatis mutandis, aconteceu 35 anos despois, o martes 23 de febreiro de 2016, ante os ollos dunha sociedade sometida á compulsión de imaxes que agochan máis que mil palabras. Mentres a Marca España que en 1981 apañou o butrón antidemocrático como unha exclusiva e excluínte “noite dos tricornios” aproveitaba a efeméride para volver coroarse como salvapatrias, nun tribunal de Palma de Mallorca fitábase outro borbónico 23-F sen que case ninguén tirara consecuencias.
Nin o 23-F de 1981 foi un intento de Golpe de estado nin o 23-F de 2016 é un simple “caso Nóos” sen orde nin concerto, mas outra enxurrada de cousas de Palacio cunha senlleira diferenza. Se na altura nada se soubo da trama civil do “tejerazo”, ficando os seus responsábeis no segredo do sumario, militar por suposto, agora coñecemos o esencial e intuímolo todo. A saber: que novamente o atraco execútase baixo o contrasinal da monarquía; que o “elefante branco” son cinco (a filla do Rei; Cristina de Borbón; o avogado do Rei, o conde de Fontao; a amante do Rei, a princesa Corinna; o secretario das infantas, García Revenga; e o xefe da Casa Real, Rafael Spottorno, un dos beneficiarios dos cartóns black de Caja Madrid); que os arranxos oficiábanse mesmo na Zarzuela e que o próprio Rei Xan Carlos decote seguí o curso do negocio familiar.
Trinta e cinco anos serviron para que onde o 23-F do 81 houbo un “caso fechado” agora, nestroutro revolto 23-F do 2016, prevaleza a “audiencia pública”. Mantense, no entanto, a mesma impunidade nas alturas ante o descarado asalto de Estado. E ademais, contra toda lóxica, no canto dun único Rei arestora en España ofician dous: o de curso legal e o zángano. Puro enaltecemento do borbonismo.










