O preso político Arnaldo Otegi, dirixente da esquerda abertzale, está a piques da sair do cárcere con seis anos de adiamento. Un feito que vén a pór de relevo a desigual situación do arredismo galego (en recuperada e acaída expresión de Abraira) co independentismo vasco e catalá, mas tamén algúns efectos de paralaxe logo da irrupción de Podemos. Non foi por acaso que o portavoz de ERC no Congreso Joan Tardá e o exdeputado das CUP David Fernández o visitaran esta fin de semana. Alén da obviedade de que Galiza non é Catalunya nen Euskadi e de que en diferentes momentos ten habido “vasquite” e acenos de mimetismo cos nacionalismos vasco e catalán, o que fica na retina dende o abrente do 13 de outubro de 2009 en que Otegi fora arbitrariamente detido, é a escisión do BNG , o seu devalo eleitoral e a acción de Beiras de brazo dado da esquerda estatal ( unha acción cuxo efecto dependerá do percorrido e suceso que teñan as Marés) entanto o BNG por voz de Guillerme Vázquez denunciaba o paradoxo do estado español de deter a quen se comprometera coa paz pedíndo a liberdade para Otegi para facilitar o «proceso de paz» , o PPdeG e o ABC vían na petición de excarcelación “o derradeiro episodio de radicalismo do BNG” obviando despois que mesmo cargos de Podemos se sumaran á marcha que pedía a súa liberazón o pasado mes de outubro. Na estratexia de pór atrancos a unha solución democrática e pacífica, o inmobilismo estatal teima en inhabilitar a Otegi até o 2021 (ainda que coa doutrina actual calquera pode dar na cadea por apoloxía do terrorismo). Malia a iniciativa Free Otegi, free them all que xungue a Mujica, Chomsky, Esquivel ou Angela Davis entre outros, con certeza, a estratexia do medo (o “todo é ETA” guindado por Garzón) non produce os mesmos efectos na sociedade galega que na vasca ou na catalá.
Sabido é que en Euskadi, como en Galiza, o suceso de Podemos mesmo tivo máis percorrido que en Catalunya, apañando un bocado de eleitorado da esquerda soberanista. Perante a volta de Otegui – que pode ser un revulsivo do independentismo vasco nun intre no que se resinte de discurso e liderado-, co BNG enleado nun proceso de redifinición e exploración de novas leiras alén da fronte, tamén non nos sorprende agora o silencio de Beiras cando en 2010 asinaba un manifesto a favor da súa liberdade. Ao cabo, que Otegi acabara no cárcere no momento que se precisaban todas as mans para tecer a paz, pode volver a ser unha nova resposta para a esquerda abertzale en tempos de incerteza logo do sorpasso de Podemos. Salientábao Beramendi en chave galega cando afirmaba nada menos que no epicentro cavernario que o “abrazo de Anova con Podemos é o abrazo do oso, e se algúen non o tén claro, o oso é Podemos”.
Hai moitas cousas pendentes. Comprobarmos se realmente hai unha nova xeira política e social após décadas de dor como consecuencias de moitas e diferentes violencias. A saída de Otegi do cárcere pode ser testemuño da contradición das teses de Podemos en Euskadi, como tamén o é das de Beiras. Sería interesante coñecer que pensa Otegi da estratexia de Beiras, malia nunca ter contado aquel con demasiada ascendencia na esquerda soberanista galega a diferencia da que ten na catalá, nomeadamente nas CUP. Mesmo pode influir nos debates internos de Anova xa que En Marea non semella ser o vieiro máis acaido de supervivencia do arredismo para alén de explorar interesantes fórmulas cidadanistas das que ainda está por ver a onde chegan unha vez En Marea se insira plenamente nas institucións. Por exemplo, demostrando que federalismo e independentismo non son elementos contrapostos e que o abrazo de oso de Podemos na liña de construir pontes non acaba por romper outras, comprometendo de paso o porvir dun arredismo de noso e sen amarres de saída.










