off
Opinião, Política, Politica espanhola — 14 Febreiro, 2016 at 9:25 a.m.

Ai Carmena!: “El País” contra “Ahora Madrid”

by

A liberdade de palabra é o
dereito civil que máis aprezo
(Ibsen)

O desvergoñado linchamento público dos titeriteiros non fose posibel sen a desprezabel cumplicidade política dos responsables da empresa municipal que os contratou e a arremetida inquisitorial da caverna mediática unida nunha nova cruzada contra “a funesta teima de pensar”. Unha rara alianza que sorprende menos cando se coñece que o derradeiro xuíz do sinistro TOP foi até o seu pasamento xefe da asesoría xurídica do xornal El País, o intelectual orgánico da Transición.

Amparado na miseria mediática circundante, o diario de Juan Luís Cebrián sempre se valeu de informativamente o chosco no país dos cegos. Mas cos anos toda arrogancia resulta estéril, daí que EL País encamiñara o lusco-fusco con indignidade e aleivosía. Por agora en mans dos grandes mexeriqueiros da banca e os fondos voitres que incubaron o austericidio, os derradeiros movementos do xornal en favor do statu quo dinamitaron os escasos vestixios de credibilidade que aínda adornaban a súa borbónica senilidade.

Aínda que a cousa vén de atrás, quizais de cando en pleno felipismo ocultou o terrorismo de Estado dos GAL até que estalou en clamor, os seus estertores están a manifestarse agora. O autointitulado periódico global converteuse no floreiro da prensa amarela de alta alcurnia. Sen poder xa marcar a política nacional coas súas estrondosas editoriais (a tripla petición dun resgate-país foi desatendida olímpicamente por Rajoy) e exclusivas ao dente (como a que segou coa carreira política de Josep Borrell, o primeiro candidato socialista á presidencia do goberno elixido polas bases fronte ao secretario xeral do partido Joaquín Almunia), parece agora empeñado en desestabilizar ao equipo municipal de Agora Madrid que goberna na capital liderado polo ex xuíz Manuela Carmena.

Dous acontecementos recentes, o caso-bola dos titeriteiros e a trola do rueiro franquista, foron os últimos balices desa calculada manipulación que lle fai xa merecedor ao galardón do mellor bandallo mediático da Corte. Seguramente rememorando a súa etapa como xefe dos servizos informativos de TVE durante o goberno de Carlos Arias (alias “carnicerito de Málaga” en honra ás súas criminais falcatruadas), o académico Cebrián optou porque os seus accionistas de referencia lle agradezan os servizos emprestados en lugar de facer honra ao artigo 20 da Constitución e a súa esixencia de veracidade informativa. Iso si, coa cínica habelencia que caracteriza aos paisanos. Coma se os seus atropelos fosen a quintaesencia da probidade.

ElPAIS11_02_2016_ollaparo
El PAIS 11-02-2016. Captura de imaxe

Así, o pasado 6 de febreiro, na sección Madrid, aliñábase coa caverna mediática no asunto dos “dous titeriteiros detidos por apoloxía do terrorismo” cun desprezo total por contrastar unha información policial nin a hostias compatíbel co seu Libro de Estilo. Convidando a okupar vivendas, un xuíz aforcado, unha embarazada acoitelada e un boneco exhibindo unha pancarta na que se lía Gora Alka-ETA. Son escenas de La bruja y don Cristóbal, unha rueira representación de monicreques, dentro da programación do Entroido de Madrid, que onte acabou cos pais enfurecidos e dous detidos pola Policía Municipal por enaltecemento do terrorismo, podía lerse nunha entradiña ad hoc sen que en ningún momento ponderara o texto co lóxico e preceptivo “presunto” ou “acusados de”. Para El País non había dúbida: os dous mozos foran “detidos por facer apoloxía do terrorismo” (no encabezamento da noticia) e “por enaltecemento do terrorismo” (na introdución).
En posteriores edicións o xornal empregaría a mesma asepsia delituosa nos titulares das súas noticias. “Prisión provisional para os dous titeriteiros detidos en Tetuán” (7 de febreiro, páx.1 Madrid); “Colau pide liberdade para os titiriteiros que gabaron a ETA” (8 de febreiro, portada e páx.20) e “Carmena pide perdón pola desprezabel función dos monicreques” (9 de febreiro, páx. 22). Unha cobertura de linchamento que só afrouxou ao cuarto día co melífero titular “Carmena pescuda quen sabía que a obra dos monicreques non era para nenos”, cando a denuncia cidadá polo sucedido subiu a trending topic nas redes sociais. Até entón o sentido da prudencia do rotativo disciplinouse a eito xunto ao disparate perpetrado polo maxistrado-policía da Audiencia Nacional Ismael Moreno. Neste punto, quen coñeza os arcanos desa “escola de xornalistas”, podería pensar que os fillos do ourizo coas pugas nacen. Porque por moito que Cebrián e o seu séquito o disfracen co botafumeiro do seu Corenta Aniversario, ninguén poderá derrogar do seu palmarés o feito de que o derradeiro xuíz do Tribunal de Orde Pública (TOP), Diego Córdoba, fose desde a fundación do xornal o xefe da súa asesoría xurídica. E logo!. De meter no cárcere a xornalistas combativos durante o franquismo a defender a liberdade de expresión ás ordes do “mozo Maura”, profesional curtido no diario Pueblo, portavoz do sindicato vertical da ditadura. Non é iso enaltecemento do terrorismo?
Pero aínda quedaba outro expediente xe que engadir á truculenta hemeroteca de El País. Coma tratándoe dunha saga, á vez que o diario cedía a presa dos titeriteiros cobraba outra igualmente gorentosa na súa particular peregrinaxe contra a biodiversidade de Ahora Madrid. Nesta ocasión a especie clamaba: “A cátedra contratada por Carmena elabora unha listaxe con 256 rúas franquista” (10 de febreiro, páx.1 sección Madrid). E máis unha vez cos rigores da deontoloxía en ignorado paradoiro. Eís unha mostra: “A Cátedra da Memoria Histórica da Universidade Complutense, formada por cinco historiadores e presidida por Mirta Núñez, elaborou xa, a petición de Concello de Madrid, o primeiro borrador das 256 rúas franquistas, cuxo nome podería mudar. A listaxe, que non é definitiva e que aínda podería ter algún matiz, está integrada por máis de dous centenares de persoas relacionadas co bando nacional ou a ditadura e inclúe nomes da cultura e o pensamento como Josep Pla, Gerardo Diego ou Salvador Dalí. Con semellante desenfado informativo (“xa elaborada”; listaxe que non é definitiva”, etc.), o medio empedraba o novo conflito municipal.

Porque se ese era o tenor literal da entradiña, a noticia completábase con outros elementos en conflito salpicados ao longo do texto. Nun sutil “facendo da boca cú”, que só pode permitirllo un negocio a cuxa fronte estea un académico da Lingua, El País diseminaba a súa mensaxe de cabeceira asegurando que, fontes sen concretar da Cátedra de Memoria Histórica, afirmaban que tiña”cobrado 17.999 euros por realizar o informe” e que “A listaxe que adianta El PAIS non fora enviada aínda ao Concello xa que está á espera das derradeiras comprobacións”. Quer dicer, que na súa particular teima por l”impar, fixar e dar esplendor” ás súas exclusivas o diario era capaz de conxugar estruturas incompatibles sen inmutarse. Tanto tiña dicir unha cousa e a súa contraria, a gusto de todos os públicos, dun corno faise cabide. E para rematar, os redactores atribuían a autoría da listaxe ao historiador Antonio Ortiz, aínda que sen aclarar que papel xogaba este súbito investigador no panel da Cátedra da Memoria Histórica da UCM. Outra verdade a medias. É dicir, unha falsidade.
Mesmo así, O País optou polo socorrido “sostenella e non enmendalla”, e en días sucesivos alternou a arremetida por terra, mar e ar cunha retirada ordenada. O 11 de febreiro empregou tres páxinas do caderno pequeno Madrid, portada (“A Complutense revisará a cátedra que fixo a listaxe de rúas franquistas”) e dous máis abondando na súa exclusiva, engadindo ademais senllos artigos de opinión (“A potaxe madrileña”, de Andrés Trapiello, e “A listaxe”, de Marcos Ordoñez) contra o suposto “informe elaborado pola Cátedra da Memoria Histórica da Universidade Complutense”. Curiosamente este alarde informativo inseriu un texto (“A Complutense nunca financiou a Cátedra da memoria”) que, por redución ao absurdo, evidenciaba que o devandito “historiador Ortiz” nunca fixo parte dos órganos dirección da Cátedra (presidenta, coordinador xeral e consello executivo). Outra peza maxistral daquel xornalismo grouchista de Primera Plana que fixera famoso o xa dito “nunca deixes que a realidade che estrague unha boa historia”.
Porén, non foi até o venres 12 de febreiro cando EL País, ás furtadelas como os criminoso, admitía que o famoso informe no que o buque insignia do grupo Prisa baseara as súas revelacións nun engano. Cunha breve nota (“A entidade nega a autoría do informe”) encaixada no texto principal (“A listaxe das rúas franquistas fulmina a Cátedra da Memoria”) para facer cohabitar á súa fonte coa contorna da entidade certeiramente vapulada. Nel viña a recoñecerse que a proposta sobre o rueiro franquista divulgada era en realidade só un traballo pendurado no blog persoal de Ortiz: <<O meu era unha base de datos sobre a que traballar?, xustificabase o aludido. Ao mesmo tempo, segundo carta que recollía El País, o consello executivo da Cátedra cualificaba de falsa a información publicada negando <<a autoría da listaxe de 256 rúas vencelladas ao franquismo>> e rexeitando <<de plano que poida inserirse entre os nomes ligados á ditadura os dos creadores Manuel Machado, Salvador Dalí ou Josep Pla>>. Despois da publicación da falsa foto da morte de Hugo Chávez, este foi un dos ridículos máis espectaculares do xornal global.
Con este exemplo de intrusismo na verdade, remataba o enredo fabricado contra a coalición popular que democráticamente ostenta o goberno de Madrid polo diario que agora celebra o seu cuadraxésimo aniversario. Aínda que resulta difícil comprendermos que motivos levaron a El País a maldizer a dous humildes titeriteiros e denegrir a un equipo de historiadores que traballan a favor da Lei de Memoria Histórica. Cousa máis sorprendente, se callar, de termos en conta que uno dos seus xornalistas máis veteranos, Jesús Duva, é arestora o xefe de imprensa da alcaldesa, Manuela Carmena, e que na listaxe de “rúas franquistas” nunca figurou o pai do seu editor, Vicente Cebrián Carabias, ex director de Arriba e de Pyresa (Prensa e Radio do Movemento), o bunker informativo da ditadura.
O que si semella  claro é que o barullo efetivamente expallado serviu para solapar os primeiros testemuños do “caso Nóos”, paradigma da corrupción Marca España, onde se xulga a unha irmá do Rei, de cuxa real casa foi responsabel de comunicación Jesús Ayuso, agora adxunto á dirección de El País. Será que, como di o coñecido tango, corenta anos non son nada.

2 Comments

  1. Non só vai contra Ahora Madrid.

  2. SEN NINGUNHA DÚBIDA, O PAÍS É UNHA PARTE PRINCIPAL DA MAQUINARIA POSTA EN MARCHA FAI TEMPO PARA QUE “O GRAN PACTO” FÁGASE REALIDADE.
    Lles salio o tiro pola culata, literalmente, ao fracasar CIDADÁNS, como forza emerxente.
    Pero evidentemente non han cejado de promover a alianza con CIDADÁNS, e o PP na trastienda. (Mercachifles, non?)
    E os titulares desvélano constantemente. Enquisas interesadas, con lecturas apologéticas DO GRAN PACTO, ata sen dubidar o mais minimo en ASEVERAR QUE A ALINZA CIDADÁNS PSOE, É A MAIS QUERIDA POLOS FELIGRESES, que Savater chama cidadáns.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off