off
Opinião, Política, Politica espanhola — 29 Xaneiro, 2016 at 6:09 p.m.

A “doutrina Borbón” é republicana

by

cepos_constituciónespañolaDesde o minuto un do partido, escenificado no consenso entre notables da dereita (UCD-AP-PP) e a esquerda (PSOE-PCE) argallado para sepultar o dereito a decidir, o roteiro da Transición baseouse en suplantar a soberanía popular a través dunha espuria representación democrática. Unha trama que había oficializar despois co texto constitucional referendado en 1978 que insería, con exclusivo efecto placebo, os tres mecanismos regulados da participación cidadá: o referendo, a iniciativa lexislativa popular e a acción popular.
Falamos dun referendo desposuído de toda eficacia vinculante (art. 69 C.E) e unha iniciativa convertida nunha carreira de atrancos con todo tipo de cepos e un “dereito de admisión” que limitaba en non menos de 500.000 sinaturas o topo para activala (art. 87 C.E.). Ficaba flotando a acción popular, a lexitimación activa aberta a calquera cidadán en defensa da legalidade en base ao principio de tutela xudicial efectiva (art.24C.E.).

Ata que en 2007, a raíz do xuízo contra o entón presidente do Banco de Santander, Emilio Botín, o Tribunal Supremo fallou que non cabe procesamento só coa acción popular cando nen o Fiscal nen a acusación particular tipifican delito (STS 1045/2007, de 17/XII). A lei do cadeado, o mangoneado atado e ben atado, completara o seu ciclo instrumental. E isto é precisamente o que estoura co auto da Audiencia Provincial das Baleares no caso Noos de 30 de xaneiro de 2016.
Porque o feminino Tribunal na súa resolución sobre a posibel aplicación da “doutrina Botín” á infanta Cristina Federica de Borbón e Grecia non só o negou completamente, ratificando  asín o procesamento da irmá do Rei, mas antes aproveitou os fundamentos xurídicos do seu auto de 85 páxinas para desmontar os seus argumentos cualificándoo pouco menos que de abuso de posición dominante e de lei do funil que socava a igualdade de todos ante a lei garantida na norma fundamental (art.14). Con estes concluíntes termos:

-“O ministerio Fiscal non pode monopolizar o exercicio da acción penal (…) cando o delito perseguido protexe un ben de natureza difusa, colectivo, de carácter metaindividual e, ou ben pola natureza do delito, non exista un prexudicado ou ofendido concreto ou, concorrendo, non se teña personado en acusación.”

-“Descontextualiza (sobre a doutrina Botín) o significado da norma e acada conclusións que non son razoables no atinente ao sistema de procesamiento penal como á propia regulación do procedemento abreviado e aboca a que o seu exercicio fique a mercé do posicionamento que adopten o Ministerio Fiscal e a acusación particular.”

-“O Ministerio Fiscal non esgota a protección do interese público.”

-“Estimamos que o ben xurídico protexido nen é en exclusiva o Erario Público, nen, en consecuencia, que exista un único, concreto e determinado prexuízo encarnado pola Facenda Pública Estatal.”

-“En consecuencia a doutrina que emana do STS 1045/2007 desnaturaliza a institución do acusador popular amparándose nunha interpretación asistémica da norma penal e nunhas argumentacións valorativas da vontade do lexislador que non se axustan ás realmente desexadas, a tenor do sentido literal das emendas e da exposición de motivos.”

E iso sustentárono as tres maxistradas, dignas emuladoras do xuíz Castro, con provisión de xurisprudencia e en base ao expresado polos lexisladores cando na altura procederase á modificación da Lei de Enxuizamento Criminal de referencia. Desta maneira, o Tribunal deixou en flagrante evidencia unha cedencia institucional de altos voos con apoio mediático. Complot no que supostos servidores públicos (Fiscalía, Avogacía do Estado e Facenda) arrexuntaron as mesmas teses que a defensa da infanta (cun pai da Constitución como Miguel Roca á fronte da repartición) para tentar deixar impune ex ante a un membro da Familia Real. Un membro da casa de Borbón que carece de inmunidade e está acusada de estafar gravemente a todos os españois, porque “Facenda somos todos”.

Coa “doutrina Borbón” debúllase un nó gordiano para avanzar cara á ruptura democrática de abaixo-acima, e torna claro que a teimosía en negar “o dereito a decidir” nas súas variadas formas por parte do réxime procura amoldar unha Segunda Transición sobre a mesma concorrencia de debilidades da Primeira.

Lembremos que aqueles ventos fixeron posible que a integración na Unión Europa en 1986, coa súa correspondente cesión de soberanía fíxose sen consultar á cidadanía, e que a reforma do artigo 135 da Constitución para privilexiar o pago da débeda na etapa de Rodríguez Zapatero seguiu o mesmo mecanismo de feitos consumados.

E para o prego de cargos non deberiamos esquecer que este pírrico recoñecemento da vontade popular por unhas xuízas íntegras e independentes non veu grazas á personación na causa dos partidos maioritarios (PP/PSOE) nen dos sindicatos chamados representativos (CCOO/UGT), máis súbditos cá nunca. De feito, na rolda de conversas para a investidura que estes días protagonizan Mariano Rajoy e Pedro Sánchez con Filipe VI  a sombra da corrupción halles resultar familiar.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off