off
Opinião — 24 Xaneiro, 2016 at 10:46 a.m.

Poxa de peixe no estado español

by

“Nace de una sonrisa del destino, Y la esperanza, arrúllale en la cuna; Crece después, y sigue aquel camino Que la ingrata fortuna En hacerle penoso se complace, Las desgracias le estrechan, imposibles Le cercan por doquiera; Hasta que al fin violento, Y tenaz, y potente se exaspera, Y atropellando valladares, corre Desatentado y ciego, De su ambición llevado, para hundirse En las desdichas luego”

(Ignacio Manuel Altamirano)

“Que sexa presidente é un aceno do destino que me terá de agradecer”

(Pablo Iglesias sobre Pedro Sánchez)

peixeDurante o tres meses que durou a tira e afrouxa sobre a investidura de Artur Mas entre Junts pel Si e a CUP, a oposición ao “procés” non deixou de baballoar para sabotear as negociacións. Desde o PP até o PSC, pasando polos emerxentes Cidadáns e a franquía de Podemos no Parlament, Catalunya Sí que es Pot, todos saudaran esas conversacións co máis selecto do seu vocabulario lunfardo. E sen o cheirar, a heroica xente do mar viuse metida no enredo institucional cando fixo fortuna a expresión “unha poxa de peixe” para definir a degradada política de pactos como un basto negocio ao mellor ofertante. Coma se a ecuación oferta-demanda non fóra por definición o leitmotiv da andrómena que chamamos sistema.

Abondou que ese enredo se trasladase ao ámbito nacional para que onde antes todo era censura e rexouba apareza agora unha especie de alta escola de esgrima digna das mentes máis lúcidas, avesas e preparadas.

Á “poxa de peixe” deses cataláns alporizados no seu debalo cara ao independentismo que ninguén comprendía nin estimaba, sucedeu todo un repertorio de valoracións a destra e sinistra que van desde singularizalo como un toque de xenialidade a unha obra mestra da estratexia. E con todo, o plante de Mariano Rajoy renunciando temporalmente á investidura e o órdago de Pablo Iglesias no seu asalto aos ceos, non son senón vellos remedos daquelas *filigranas de cadetes xogando á ruleta do poder da Primeira Transición que honraron ao presidente Adolfo Suarez con título de “vigarista do Misisipi”.

Chama especialmente a atención nesta poxa entre apocalípticos e integrados, a posición sempre evanescente de Podemos e do seu líder Pablo Iglesias, que como no seu día ocorreu con Felipe González e Santiago Carrillo parece ir de vitoria en vitoria cara ao desposorio final. Cando, se rozamos o botafumeiro propio e o engadido pola estulticia dos seus denigradores, o que fica é un trending topic de espléndidos simulacros e fantásticas renuncias.

Podemos fracasou na súa aposta local ao desprezar o ámbito desa democracia de proximidade onde se afianzaron as candidaturas cidadanistas en cidades tan importantes como Barcelona, Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, etc.

Podemos non deu a talla nas plebiscitarias do 27-S ao concorrer co colectivo Catalunya Si que es Pot, que menosprezaba o feito diferencial baixo a escusa de primar o debate de clases. E Podemos, en fin, necesitou a pértega das confluencias En Comú Podem, En Marea e Compromís- Podem-És o Moment nas xerais do 20-D para erguerse sobre os exclusivos 42 escanos que acadou a marca (menos votos que Ciudadanos) polos seus propios méritos. Isto último, e como proba das súas limitacións, despois de ter que incluír no seu programa a última hora, o 25 de novembro, o “referendo con garantías en Catalunya”  no punto 277 do seu programa, onde até ese momento só existía un bretemoso enunciado sobre “as formas do dereito a decidir”.

Por iso é polo que resulte chocante o  desatado balbordo entre proprios e alleos por esa nova proposta de Pablo Iglesias para constituírense en caste por encima dos criterios da súa xente. Porque Podemos, negacionista do desenlace dado pola CUP ao seu contencioso con Junts pel Si, está a seguir no seu relato estatalista o modelo dos asembleístas no mau por coñecer mas non no bo coñecido. Onde a CUP mantivo a súa palabra de vetar a Mas e abrir procesos de decisión de abaixo-arriba, Podemos fixo todo o contrario, no máis xenuíno estilo do ordeno e mando. Chove sobre mollado, Iglesias e o goberno na sombra do que o secretario xeral do PSOE tatabexe, Pedro Sánchez, hai tempo que facilitou a investidura dos baróns de Ferraz en Asturias, Estremadura, Aragón, Baleares e Castela a Mancha. Precisamente o núcleo duro do partido que activou o austericidio; fixo a primeira contrarreforma laboral, conxelou o soldo dos funcionarios; agravou as condicións de percepción das pensións; liquidou as caixas de aforro como instrumentos de financiamento semipúblico; selou a reforma do artigo 135 da Constitución a favor dos mercados de débeda; ampliou a presenza militar de Estados Unidos en España accedendo á instalación da sede de escudos antimísiles; e suma e segue.

O que ocorre que o mantra “que non goberne o PP”  todo o pode. Como coa fe, na política o ritual e a superstición tamén contan. Por iso albíscase como unha xenialidade o que simplemente é un xogo de monopoly. Un intento de Iglesias por recuperar nos media a iniciativa que lle pispou a Sánchez ao automarxinarse mostrando unhas liñas vermellas preventivas que logo de xeito oportuno solaparía dicindo como Groucho “estes son os meus principios se se non gostaren teño outros”. Fai parte do guion. Como prometer unha carteira a IU no seu proxecto de goberno co PSOE despois de impedir que os candidatos desa formación  inseridos nas confluencias servisen a Alberto Garzón para formar grupo propio. Por certo, Iglesias guinda a súa oferta a IU e non a Izquierda Unida-Unidad Popular, que foron as siglas que concorreron ás eleccións, nunha mensaxe que cómpre interpretar como un intento de engulir ex post ao dirixente de IU que ex ante non engoliu.

Co seu envite Iglesias resposta á acusación de “rabecha” que dicía Sánchez co perdonavidas do “sorriso do destino” que o fará presidente. Esa foi a súa “remontada virtual”, o súa contraprogramación, co recoñecido efectismo con que sempre soubo fornecer ás súas postas en escena. Anunciou a fichaxe do ex JEMAD como “o seu ministro de Defensa” a véspera de publicar o inquérito do CIS que rebaixaba a Podemos ao cuarto lugar. Acaparou a atención mediática no Congreso co baby-boom de Carolina Bescansa, catapultado ao olimpo da eticidade coas infamias da caverna. E agora implosionou o seu gabinete na sombra no rostro de Pedro Sánchez cando aumenta o vendaval de sospeitas sobre financiamento ilegal de Podemos.

Nin xogo de tronos, nin asalto aos ceos importa demasiado se da chistera desta Segunda Transición sácanse os mesmos efectos especiais que serviron para empedrar a Primeira. Facilitando unha restauración que cando veñen duras entrega o poder á falsaria esquerda para impor as medidas reaccionarias que a dereita non pode aplicar porque levaría á xente a sair á rúa. Non vaia a ser que mentres nos distraemos do esencial, fose flato e frustración. Como conclúe o poema do escritor mexicano Altamirano que utiliza Iglesias como ferrón  contra Sánchez : “Desatentado y ciego, De su ambición llevado, para hundirse En las desdichas luego”

>>.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off