off
Ecoloxía, Meio ambiente — 19 Xaneiro, 2016 at 7:42 p.m.

Varamento de caldeirón na Frouxeira

by

Unha femia de máis de 4 metros de caldeirón. Malia estar xa moi descomposta, os especialistas e voluntarios do CEMMA (Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños)  apañaron mostras de pel, músculo e graxa. Xunto coas biometrías servirán para facer  seguimento das posibles causas destes varamentos. Moitos destes cetáceos que sempre entraran na rías galegas ( candorcas, espolartes, delfíns, golfiños, boto, bufa, etc) co cebo da sardiña,  son víctimas da interacción coas redes e tramallos, ainda que non foi este o caso. O que xa  non temos tan presente é a contaminación acústica do medio mariño.

caldeiron-20160119-frouxeira
Foto: Xandro

O ateigado tránsito marítimo de transporte de mercadorias, barcos pesqueiros e portos intensificou nas derradeiras décadas o son que producen os radares nas costas  que, xunto á interacción coas redes, está ter consecuencias mesmo irreversibles para o ecosistema marítimo no mundo enteiro.  Nomeadamente para aquelas especies coma as baleas, golfiños e arroaces, quer dicer, os cetáceos. A bioacústica tenta debullar esta interacción  continua entre os cetáceos e acción humana na procura de evidencias  da continua degración do ecosistema mariño que se está a dar, principalmente, no Atlántico Norte e no mar Mediterráneo.  A exposición a barullo excesivo pode provocar a perda de capacidade auditiva destes animais impedindo a comunicación social que lles permita sobrevivir. Esta diminución, amais, pode provocar a incapacidade para captgar os sons de baixa frecuencia que emiten os barcos para evitalos.

Rede de Varamentos de Galicia

Dado o elevado número de varamentos rexistrados durante a década dos noventa e as figuras de protección que teñen os cetáceos, en 1999 estableceuse un Convenio entre a autoridade competente da Xunta de Galicia e o CEMMA para crear a Rede de Varamentos de Galicia, que segue vixente 16 anos despois. Téñense rexistrado 22 especies, o que dá unha idea da importancia das comunidades de cetáceos no litoral galego.Só no referente a mamíferos, nos dez primeiros anos de funcionamento (1999-2008), atendéronse 2.256 cetáceos (de 18 especies) e 58 pinnípedos (de 3 especies). Na actualidade a CEMMA ten dúas Unidades Móbiles de atención permanente aos animais varados, unha con base en Nigrán (Pontevedra) e outra unidade con base en Ferrol (A Coruña).

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off