
A lexislatura que agora despunta en fase nasciturus ten algúns ingredientes de sal gorga que lembran aquel enfadoño filme de avións sen radar que tanto fixo rir ao simples e a expresión “a política fai estranos compañeiros de cama”, de Manuel Fraga, o home que ornexaba aos cabalos. Porén, para non incorrer no trivial fico conoutro enunciado, o atribuído ao filósofo Herbert Marcuse: “o que non é química é política”. Porque igual que na táboa periódica hai metais nobres e gangas, nos partidos políticos tamén se dan reaccións que antes ninguén sospeitaría, unha vez o voto deitado nas urnas pasa a mellor vida. Alianzas e amálgamas que sometidas á disciplina da diplomacia paralela fan que o que até onte era blasfemia e alta traizón pareza o colmo da sabedoría.
Estamos ante unha Segunda Transición que irrompeu tras o 20-D ainda que en realidade incubouse antes na periferia catalá, após acordo in extremis entre Junts pel Sí e a CUP que provocou a investidura de Puigdemont tras cederse a primogenitura de Artur Mas.
Entón, confabuláranse dous blocos, mas non dúas metades electorais. Dun lado, o do Procés e o Paquete do Resgate Social, elevado a categoría de compromiso entre os signatarios proindependentistas; e do outro, o formado por Ciudadanos, PSC, Catalunya Si que es Pot e PP, que sen máis matices deron un “non” fechado ás pretensións soberanistas dos seus opoñentes. Resumindo o filme: Convergència entregou ao seu líder para salvar ao partido; a CUP rompeu a súa virxinidade para manter a súa palabra, e o popurrí do catro en liña mostrou que era moito máis o que lles unía que o que lles separaba.
Iso até onte. Agora no escenario que se aberto para formar goberno da nación a perspectiva é ambidestra. Apaña daquela experiencia o atrezo belixerante, aínda que os protagonistas son no esencial os mesmos que alí disciplinaran en frontes irreconciliables. Tamén nesta xeira hai un partido gañador, o PP, que non acada apoios para investir a Mariano Rajoy, e un emerxente, Podemos e as súas confluencias, que pode ser chave para decidir a partida. E o mesmo que a CUP, o problema radica en que os de Pablo Iglesias precisan que os de Ferraz acepten a súa liña vermella sobre o irrenunciabel referendo con garantías en Catalunya. Papeleta que os socialistas a través do ordeno e mando do seu comité federal rexeitaran completamente. Portanto, o panorama final é: ou novas eleccións ou Podemos incumpre a súa palabra por causa de forza maior. O que non fixo a CUP.
Iso explica o que non vemos. É dicir que baixo a escuma dunha rifa cara ao público entre PSOE e Podemos, vanse avanzado posicións mediante unha diplomacia paralela, tan lixada e homicida como todas as guerras non declaradas, aquelas cuxa primeira vítima é a verdade.
Daí que, dunha parte e para amainarlle o garbo, Podemos semelle menosprezado na mesa do Congreso e teña no beirado o recoñecemento das confluencias coma grupos propios, e por outra que Pedro Sánchez axude a constituírse como grupo no Senado aos mesmos que o PSC denigrou no Parlament (Democracia i Libertat e ERC), ademais de ceder ao PNV un posto na súa mesa. Entre premios aos nacionalistas bascos e cataláns, e castigos a Podemos, un Pedro Sánchez crescido ante a adversidade logrou virar a orde dos factores: se Mas caeu polo ben de Convergència, Sánchez terma a conta da integridade do PSOE. Aínda que todo é moi volátil e extremadamente fráxil, de momento xa non é Podemos quen pon condicións ao PSOE mas ao revés. Até o punto de pagarlle coa súa mesma moeda ao situar a Pablo Iglesias ante a encrucillada de apoiar unha saída de esquerdas á portuguesa co PSOE ou deixar vía libre ao PP. Que fineza a do abelludo Iceta, que pasou de denunciar a deriva separatista de JxS no Parlament a validar que o PSOE deite con eles no Senado, onde nada máis chegar proclamaron a súa fidelidade á futura república catalá!
Mais non hai atallo sen traballo. E a abstención dos nacionalistas, previo hipotético pacto daquela maneira entre PSOE e Podemos, é condición sine qua non para que nunha segunda votación Pedro Sánchez poida obter a maioría simple precisa para ser investido presidente (cun PNV positivado). Todo iso se ao longo e largo deste difícil viacrucis os baróns socialistas non se tiran ao monte e mándano ao carallo, e se a cazaría contra Podemos pola pista iraniana non acaba estrelando. Por certo, nesta operación aterra como poidas ninguén recoñece, como afirmou Ada Colau respecto do ocorrido no expediente Mas, que estean condicionados polo medo ás urnas. Cousa non só certa, senón que representa a gran baza de Sánchez para amedrentar á contra interna dado as súas funestas expectativas. Tampouco que o que non gañaron nas urnas o 20-D téntano acadar negociando. Como bos crentes, maldín o delito e compadecen ao delincuente.










