Na noite atemporalada de onte foron rescatados os once tripulantes do arrastreiro galego con base no porto da Coruña “Novo Jundiña” polo Helimer 401, que afundiu pasadas as 11 da noite logo de sufrir unha vía de auga cando navegaba a unhas 40 millas ao norte de Cabo Ortegal.
A compaña tivo tempo organizar o protocolo de salvamento , arrear os bote salvavidas ao mar e equiparse co material de salvamento denantes de que afundira o buque. Así mesmo o pesqueiro lanzou o SOS de rigor e alertou aos servizos de rescate coordinados desde Fisterra desprazándose o Helimer até á zona xeoreferenciada do naufraxio para realizar o rescate da tripulación.
Xa cos tripulantes nos bote salvavidas e en condicións meteorolóxicas moi complicadas, partiron rumbo á zona do naufraxio o mercante BF Caloosa, que navegaba cerca, así como a Salvamar Shaula, aínda que foi o Helimer 401 quen localizou os dous botes salvavidas cos tripulantes do Novo Jundiña procedendo á súa evacuación nunha complicada operación con mala visibilidade, chuvascos, ventos de até 40 nudos con refachos de 50 e ondas de 7 metros.
Os tripulantes foron recuperados todos sans e salvos e levados ao aeroporto de Alvedro para inmediatamente ser trasladados ao CHUAC para ser examinados. Todos se atopa ben según as fontes consultadas.
O buque Novo Jundiña era un buque de pesca de 32 metros de eslora e 14 anos de existencia que faenaba no Gran Sol, propiedade de Severino Ares, presidente da lonxa coruñesa e membro da asociación Pescagalicia-Arpegar e fillo do falecido Ángel Ares Velasco fundador da empresa.
Era dos poucos pesqueiros que quedaban da coñecida “flota dos 300” que faenaba no Gran Sol cando España entrou no Mercado Común Europeo e da que hoxe xa só quedan 97 barcos (en todo Estado).
O cedeirense Manuel García iglesias que exerce profesión de rescatador no Helimer e que onte participou nesta arriscada operación de rescate afirmou en conversa a reponsabeis de ollaparo.gal que o salvamento e recuperación dos once tripulantes do Novo Jundiña “foi unha situación extremadamente perigosa en condicións moi, moi duras e compricadas… unha odisea”.
Nós dende este medio dixital cedeirense damos grazas, non á virxe do mar como é habitual nestes lares aínda sometidos á ignorancia da fe na tradición irracional senón á valentía, entrega e profesionalidade desta xente, veciños nosos a recoñecer, que literalmente arriscan as súas vidas en condicións condenadamente extremas.









