Para encetar a lexislatura “de ruptura”, a Candidatura d’Unitat Popular (CUP) cedeu oito votos a favor e duas abstencións (os deputados decidiron que fosen Josep Manel Busqueta e Gabriela Serra) a Carles Puigdemont. Un “xesto de confianza”, porque o presidente da Generalitat “non é fillo político do pujolismo”.

O acordo entre Junts pel Sí e a CUP fala de estabilidade parlamentar, a esquerda anticapitalista deixou claro que o pacto é “reversibel” e non se compromete a afortalar sempre a maioría de JxSí.
Para a CUP o entendemento subscríbese só aos avanzos no percurso independentista e as medidas previstas no plan de choque, mas non os compromete a aprobar “políticas antisociais” nen “orzamentos de recortes”. A mensaxe resumiuna o deputado Benet Salellas cunha frase de David Fernández de 2012 : “Man dada para a construción da República, mas puño fechado cos recortes“
No serán e no Parlament, Anna Gariel expresouno de xeito semellante ao dicir que o acordo só se manterá se é para avanzar cara a independencia. Para a CUP a investidura está alicerzada en tres obxectivos: independencia, proceso constituinte e resgate social.
“Agora poderemos demostrar que o proceso non era Mas”
Os deputados aproveitaron a investidura de Puigdemont para voltar a censurar a Mas. Salellas gabouse de teren enviado a Mas “a papel0eira da historia”. O mesmo aceno mantivo Anna Gabriel, que acusou ao expresidente de ter unha “lectura partidista” das negociacións.Porén, a que semella agromar como nova lider da CUP na cámara -o consello político non pediu a Antonio Baños que reconsiderara a súa demisión- descontraiu o toada ao dirixirse a Puigdemont. “Non investimos un presidente autonómico, mas un presidente de transición cara a República”, afirmou chamando a facer un independentismo “máis plural e transversal”.
“A CUP vería como exercizo democrático que Puigdemont a sometera a moción de confianza”
Porén, hai correntes internas que achan que a CUP perde máis que CDC polas demisións de Julià de Jòdar e Josep Manel Busqueta, os dous escolleitos para recuar. Unha escolla que resposta ao equilibrio interno da formación independentista: o primeiro era partidario de investir a Mas e Busquesta era unha das voces sobranceiras do veto. Serán substituidos por Mireia Vehí e Joan Garriga Nana, e Mireia Boya entrará en lugar de Ramon Usall, que anunciou hai semanas que deixaba o escano.
Ainda que hai militantes que pediron a demisión de Anna de Gabriel precisamente porque considerábase a lider do veto a Mas, a CUP optou por reforzala, nunha chiscadela ao sector do partido que consideran que o acordo saiulles moi caro.










