off

O factor Colau e os intanxibles

by

intanxibelQue Podemos é o gran gañador destas eleccións ninguén o discute. Gañador por puntos, non por k.O., ao cabo, gañador sen máculas. E por xogo duplo. Dunha parte, porque se situou como terceira forza política, a moderada distancia de dous notorios perdedores, o duopolio dinástico hexemónico. Andrómena este onde un dos actores cedeu posicións até dar co segundo peor resultado da súa historia (o PP), mentres o outro se abismou até o peor resultado absoluto da súa historia (o PSOE). E por outra banda, porque dos dous emerxentes foi a formación morada a que acumulou máis escanos, que é o valor de cambio con que se mide o poder nas democracias representativas.

Establecido, pois, o indiscutibel e indiscutido éxito da escadra de Pablo Iglesias, hai que apuntar algunhas circunstancias que contextualizan e dimensionan o calado do seu suceso. O primeiro é unha lenda urbana, transmitida e retransmitida por tirios e troianos, que agranda a Podemos como unha especie de Premio Nobel da ciencia política ao presentalo como un partido que “da nada” colocouse no olimpo do Congreso. É unha imaxe muito bonita mas incerta. Mal que nos pese, antes houbo un partido que cumpriu á machada esa condición de saltar de cero ao infinito na etapa democrática. Foi a Unión do Centro Democrático (UCD), grupo constituído en 1977 e empolicado ao goberno como vencedor sen par en xuño dese mesmo ano e despois en 1979, con 177 e 179 escanos respectivamente.
Realmente trátase de dous procesos antagónicos. Nada que ver en canto a antecedentes entre un Podemos que nace á calor das protestas cidadás contra a crise e unha UCD que bebía nos estertores do partdofranquismo e dos primeiros acordes da transición. Auga e aceite. De citar algunha coincidencia, á parte dos seus constatados chupinazos electorais, habería que mencionar a auréola carismática que nimbou a Adolfo Suárez (o trapaceiro do Misisipi) e que asiste a Pablo Iglesias (o mago do talk-show), e o rendibel uso político que ambos fixeron da televisión como lanzadeira partidaria. Entón había unha única tele pública en branco e preto, e hoxe temos un sistema comunicacional de moitas canles públicas e privadas, cunha incidencia excepcional en canto a consumo televisivo, uns 240 minutos por persoa e día en España.

O outro tema que merecería unha reflexión ten que ver co debate aberto sobre se cabe ou non consignar á marca Podemos os resultados obtidos polas formacións polifónicas onde aparece o partido morado sen aval de prevalencia respecto dos outros integrantes (En Marea, En Común Podem e Compromís-Podemos-És el moment, aspirantes todas teren grupo parlamentario pròprio). Axuntar e desaxuntar os resultados do 20-D neses casos non é cuestión fútil, á marxe da opinión que mereza que o ministerio do Interior na noite electoral ofrecese os resultados por separado. Curiosamente o contrario fixo o oficialista Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) na súa última enquisa publicada a primeiros de decembro. Tal emparellamento constitúe un modelo errático que moitas veces procura efectos perversos. Hai que lembrar a teima da dereita política e mediática en etiquetar como de Podemos ás plataformas que se alzaron coa vitoria en Madrid, Barcelona, Santiago de Compostela ou A Coruña, acreditando entorpecido que con esa “atribución” as estigmatizarian ante os seus potenciais votantes.

Sen entrar no fondo do asunto, que ten tantos adictos como detractores, resultaría curioso estabelecer unha comparativa entre o acadado por estas formacións o 20-D e o que conseguiron nas autonómicas do pasado maio, mutatis mutandis, e partindo do feito certo de que se trata de proxeccións arbitrarias, porque partimos de escenarios electorais distintos e distantes. Con estas excepcións de entrada, temos que En Comú Podem (quinteto formado por Barcelona en Comú, Podem Catalunya, Iniciativa per Catalunya Verds, Izquierda Unida e Alternativa e Equo e patrocinado por Ada Colau) obtivo nestes comicios 927.940 votos, mentres Catalunya Si que es Pot, a marca de Iglesis para o 27-S, só sacou 366.494 votos tres meses antes. Unha fenomenal remontada inexplicabel sen o efecto colaborativo dos outros compoñentes e o protagonismo de Colau como fada madriña.

A alcaldesa de Barcelona, en contra do que fixo durante as autonómicas do 27-S, desta xeira botou o resto apoiando a Podemos, até o punto de que se mobilizou xunto a Pablo Iglesias alén do enclave catalán. Os peches de campaña en Madrid e Valencia contaron coa presenza de Ada Colau, deixando patente que neste momento é con moita diferenza a personalidade política con máis tirón do país. Mesmo así, ao repetir a paralaxe na Comunidade Valenciana entre os votos de Compromís-Podemos o 20-D (671.071) e os que sacaron por separado Compromis (452.654) e Podemos (279.596) nas autonómicas, vemos que a nivel de respaldo popular o balance é incerto. A confluencia malgastou nesa alianza electoral 61.179 votos.

Sirvan estas extrapolacións para mostrar o flanco débil que esconde a fortaleza de Podemos e advertir das ameazas que o axexan caso de que a actual polisemia do seu consolidado parlamentario perda cohesión motivadora. Un indicio desa fraxilidade preventiva está na foto finish oferecida polos dous partidos emerxentes nestas xerais, excluíndo confluencias. Podemos: 42 escanos, 3.181.952 votos, 12,67%; Cidadáns: 40 escanos, 3.500.446 votos, 13.93%. Loxicamente a estes datos de Podemos hai que sumar con todo dereito os intanxibles das súas participacións asociadas.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off