BNG, ERC, CUP, EH Bildu, Mes x Mallorca, IzCa, Unidad del Pueblo, Puyalon de Cuchas e Andecha súmanse ao manifesto “Os pobos temos a palabra” #ospobostemosapalabra, un documento que se difunde nestes días previos ao 6 de decembro en que se desenvolverán en distintos puntos actos e mobilizacións promovidas por cada unha das forzas políticas que se adhiren á iniciativa.
A campaña ten como obxectivo mo strar a vontade de construír espazos de colaboración e contribuír á apertura de procesos constituíntes cara unha ruptura democrática co réxime de 1978 que, segundo sinalan, só pode vir da man do dereito dos pobos a decidir.
O manifesto nega a posibilidade dun pacto cun Estado que non é quen de asumir o dereito das nacións e os pobos a se organizaren libremente e, na outra cara, proclama que corresponde aos pobos e á cidadanía “determinar, de forma democrática, o seu futuro”.
As forzas políticas asinantes achan que o marco xurídico-político saído da Constitución de 1978 está esgotado e apostan por unha ruptura democrática que responda, agora si, á vontade dos pobos e á urxencia de transformación social de cara un futuro máis xusto e igualitario.
As formacións políticas que se adhiren ao manifesto comprométense a traballar conxuntamente na loita contra o centralismo e na apertura de novos procesos constituíntes e a impulsar procesos constituíntes populares, sociais e democráticos nas distintas nacións. Apostan pola colaboración no obxectivo de se dotaren de instrumentos e mecanismos para ser a cidadanía quen decida o seu futuro e para facer fronte conxunto aos ataques ao exercicio dese dereito fundamental.
