Non foi o rompante asalto aos ceos do emerxente Podemos. Tampouco as proclamas republicanas dunha dispersa Izquierda Unida (IU). Foron os ignotos rebeldes periféricos. O proceso de ruptura democrática formulado polos sectores máis comprometidos do 15-M, as plataformas, as marés e toda aquela cidadanía disposta a pechar o ciclo do bipartidismo dinástico iniciado coa transición, irrompeu oficialmente en Catalunya cando o seu eco apagábase no resto de España. A declaración de principios rexistrada o martes 28-O polo conxunto de forzas independentistas que gañaron as eleccións o pasado 27 de setembro, supón unha emenda á totalidade ao réxime do 78. E, a máis, coloca á candidatura de Unidade Popular (CUP), un grupo de avoengo municipalista, como factótum da desconexión co Estado.
Evidentemente, nada está escrito e o proceso que agora se inicia será incerto e espiñoso. Mas tamén é certo que xa nada volverá ser igual. Á marxe da natureza da resposta que dende Madrid se poida articular ante o posicionamento soberanista, o taboleiro político despregado fronte ás próximas eleccións xerais pasou a peor vida. A disputa xa non pivotará só respecto ao eixo dereita-esquerda, nin entre os de arriba e os de abaixo.
A partiresde agora case todo virará sobre o dereito a decidir e as dinámicas de organización territorial. Ou máis exactamente, sobre se for posibel unha verdadeira reforma constitucional para dar plena voz aos cidadáns, sen vetos nen cotas, facendo efectiva a vontade popular fronte a esa verbalización placeba de soberanía nacional (Art. 1 C.E.) subordinada a unha “Nación española, patria común e indivisibel de todos os españois”. (Art.2 C.E.).
Para chegar a este punto de suposto non retorno resultaron de enorme axuda as continuas torpezas do adversario monclovita, perseguindo e humillando a Convergència i Unió (CiU), o partido reclamo do catalanismo conservador, até o límite de “monitorizar o linchamento” dos seus patróns na percepción da opinión pública. Igual que no resto de España, a corrupción non só desenmascara á clase política que a practica senón tamén ao empresariado que se lucra dela, e iso crea tenaces consensos. Con esta acometida capicúa obrouse o milagre de romper as pontes do seny (siso) catalán coa burguesía españolista, facilitando o ascenso da rauxa (arroutada) ruturista naquela comunidade autónoma como alternativa ao abismo inducido. Un maremágnum do que xurdiu unha alianza de clases, insospeitada hai unha década, que permitirá a medio prazo o seu entendemento por unha Unión Europea (UE) que non pode dar as costas a pronunciamentos democráticos ben alicerzados.
O dado está lançado e a fenda entre Catalunya e España precipitarase, a parte de reverberar noutras comunidades históricas con semellante problemática. Con todo, e por contraste, o conflito posibelmente favorecerá as expectativas de Mariano Rajoy cara ao 20-D, porque está chamado a erixirse no principal garante da lei ante o resto do país, cos réditos que sempre tiveron en amplos sectores sociais as efusións patrióticas. Mentres, pola contra, Pedro Sánchez e Albert Rivera poden ver riscado o seu relato para a aposta eleitoral. Do mesmo xeito, Podemos e IU arríscanse a estar nas pavías, vista a súa cuestionada equidistancia perante o fenómeno soberanista nos pasados comicios cataláns. E mesmo é previsibel unha división interna nas súas fileiras. Como é de sospeitar do feito de que 5 dos 11 deputados de Catalunya Si que es Pot votasen a favor de Carmen Forcadell, icona civil do independentismo, como presidenta do Parlament que prevé materializar aquel “Adeu, Espanya!” de Joan Maragall. E de ser asín, o proxecto secesionista tornaríase maioritario en escanos e votos.











Fronte ao inmovilismo temos esta declaración soberanista que sen dubida movera os cimentos do que cremos inamovible: o españolismo rancio e dogmático. Non se pode usar a corrupción ou a economía para frear algo que esta en cernes: o inconformismo e o por que non, xa que o estado español sigue coa súa involución socioeconómica. E neste caso e isto ten mais importancia que o resultado.
Ponse en dubida a falsa transición do 78 e todo o que trouxo.