Ía ser o gran momento para dicir adeus a todo iso, ainda que todo indica que será a culminación da “síndrome de Estocolmo” eleitoral e dunha partición da esquerda como poucas veces acontecera dende a transición. Segundo todas as enquisas, o duopolio dinástico PP-PSOE, aínda que mermado, volverá repetir en postos preferentes, e as formacións políticas alternativas, até agora catro en liza (Podemos, Unidad Popular, La Izquierda e Convergencia por la Esquerda), concorrerán ao 20-D en perfecta orde de dispersión.
De todo este balbordo só sálvanse os emerxentes Podemos e Ciudadanos. E non porque sexan exemplares, senón porque son novos nesta praza e ninguén pode buscarlles antecedentes gobernamentais. Cando entren no circuíto e se desmintan como cosacos, de acontecer, o seu caché mudará. Porén, até entón ficarán libres de lastre e componendas por “imperativo legal”. Que non é unha virtude en si mesma, senón simplemente un atributo da inexperiencia, nasciturus habemus. As aventuras da xente de Rivera e de Iglesias en candanseus axustes coa Junta de Andalucía e a Comunidad Madrid (Ciudadanos) e os concellos de Barcelona e Madrid (Podemos), non teñen a categoría de primeira división e merecen distinta tarifación.
Non acontece asín coas variadas emulsións de Esquerda Unida (EU), que estivo implicada nos gobernos subalternos da crise e o austericido. A formación de Cayo Lara acudiu ao quite da Junta andaluza compartindo vicepresidencia e consellerías no executivo dos EREs, e favorecendo a estabilidade parlamentar do partido popular en Estremadura e do socialista do caso Marea en Asturias. Teñen portanto de que arrepentirse, e as súas propostas electorais para a “gran festa da democracia” adoecen desas penas e quebrantos. Aínda que o poor está na súa capacidade para pregoar a derrota extramuros do PSOE.

Ambicións persoais, odios inconfesabeis e preitos sen resolveren fixeron de Esquerda Unida un tripartito mal-avindo no que compiten as siglas de Unidad Popular (facción Alberto Garzón), La Izquierda (facción Baltasar Garzón) e Convergencia por la Izquierda (facción expulsada de IU-Madrid), cando é por todos sabido que a lei electoral pune severamente a división do voto. E se a iso lle sumamos que nas principais autonomías as marcas EU e Podemos van subsumidas nas candidaturas das alternativas anticentralistas, parece que a relevancia da esquerda unida no novo parlamento será limitada, difusa e centrífuga.
Mas onde se reparte o premio principal é entre PP e PSOE, os “partidos máis representativos” a dicir das sondaxes. É realmente notabel a cantidade de cousas boas e necesarias que ofrecen facer se os cidadáns lles renovan a confianza. Crearán até 600.000 postos de traballo antes de que remate o ano; pecharán as centrais nucleares a curto prazo; prohibirán o fracking; revogarán dos acordos co Vaticano; tirarán as clases de relixión do horario escolar; derrogarán da reforma laboral (só a do PP e non a parte correspondente ás indemnizacións por despedimento); restablecerán o imposto de sucesións e de patrimonio para as grandes fortunas; gravarán as transaccións financeiras; abolirán as amnistías fiscais; e unha infinidade de lambetadas máis. Todo o que durante os seus moitos anos de goberno (case o dobre de tempo o PSOE respecto ao PP) non fixeron. Nin sequera cando dispuñan de folgadas maiorías para lexislar.
Con certeza, hai unha razón, ou mellor escusa, para deixar de facer o prometido. O verbalizaban dicindo que “as circunstancias mudaran”. O que acontecece é que, mentres o mundo siga a dar voltas, as circunstancias cambiarán continuamente e nunca nos poderemos bañar dúas veces na mesma auga do río. Por iso, non hai nada que sinale que o que hogano prognostican e onte incumpriran non vaia a ser mais unha vez ignorado. Cientificamente, proba e erro, o seu sería dubidar e por tanto, obrando en consecuencia, que os afectados depositasen o voto noutra dirección ou simplemente pasásense ao partido da abstención e o cabreo. Contodo, todo parece indicar que haberá moita xente renovando o crédito polo equipo da farfallada. Eis onde entra o da “síndrome de Estocolmo”. Porque como senón cualificar a aquelas persoas que, lonxe de repudiar aos seus maltratadores políticos, volven aceptalos en canto din estar arrepentidos e proclaman a bondade dos seus programas.
A violencia de xénero está chea de casos da “síndrome de Estocolmo” coas súas funestas consecuencias. Masa vida política tamén. De feito é un dos motivos que impiden a existencia dunha democracia con demócratas, e que no seu lugar teña unha especie de panóptico onde o cidadán, reducido á mera condición de votante-produtor-consumidor, vexete á vontade das clases cleptómanas dominantes. Afacerse a vivir en catividade tén que ao final un se adapta á gaiola coma se fose o seu lar. Trátase dunha colonización primordial cuxas metástases son nefastas por necesidade, e que fan que sempre a culpa téñana os de abaixo por vivir por encima das súas necesidades. Un xogo sinistro con final amañado para que nunca haxa responsabilidades aos verdadeiros executantes. Por iso a catástrofe do tren de Angrois fica nun delito do maquinista.
O lamentabel é que se trata dun virus contaxioso do que moi poucos están inmunes. Arestora, na fervenza de saldos e ofertas encamiñadas a adornar o 20-D, ninguén, nin o continxente da “síndrome de Estocolmo” nin o da partenoxénese dunha esquerda que se reproduce por si mesma, acordouse de incluír nas súas propostas acabar cos “catro golpes de estado” de facto que o duopolio dinástico hexemónico perpetrou durante a crise, a saber:
-A reforma do artigo 135 da Constitución que obriga a cumprir co pagamento da débeda para alén de calquera outra necesidade social.
-A concesión ao Pentágono estadounidense do territorio español como sede naval do despregamento de escudos antimísiles.
-A liquidación das caixas de aforro, o único sector financeiro semipúblico que existía en competencia coa banca privada para atender necesidades de investimento social e desenvolvemento rexional.
-E descartar que o Tribunal Constitucional, formado en razón das cotas dos partidos dominantes, poida tombar unha decisión aprobada por un Parlamento e ratificada en referendo. Como aconteceu co “escovado” do novo Estatut catalán, que fixo dicir ao catedrático Javier Pérez Royo que a partir dese momento en España deixou de haber constitución.











En número de votos as diferencias entre Psoe, Podemos e Cidadáns non vai ser moi alta. O que vai ser determinante é a Lei D´hont. Un deputado ó terceiro clasificado vaille custar moito mais e o que quede en cuarto lugar vaille custar moitisimo mais. É dicir, o sistema está feito para que haiba bipartidismo. A partir do segundo partido sempre o resultado en deputados baixa. Iso favorece moito o bipartidismo. Que llo digan a Esquerda Unida.
A Segunda República proclamouse despois dunhas eleccións municipais. Decir que os gobernos nos concellos son de segunda división e que as eleccións xerais son de primeira división é non coñecer a historia de España. Na Transición as municipais eran as eleccións mais temidas polos grandes partidos.