off

As propostas lingüísticas para o galego na incerteza

by

Que non hai ámbito onde non se poda debullar a supremacía do castelán respeito do galego e das outras linguas supostamente españolas é algo que, por obvio, non é menos detestabel nun intre no que houbo quen desenterrou alguns temas que estaban e continuan, tabuizados: federalismo, inmersión lingüística, soberanismo…  Que  España non é un estado que recoñeza en igualdade o castelán e o galego é sabido mesmo por quen non quere saber. A lexislación é inequívoca, comezando polo artigo 3 da Constitución até os medios de comunicación  de ámbito estatal e a meirande parte dos autonómicos que non foron quen de gañarse as subvencións que reciben disque para promocionar a lingua galega.

A falta de vontade política é tal que a toponimia galega ainda continua deturpada cando non hai máis atrancos que os mentais. Para mudarmos ten de haber mudadores. A priori, dentro do estado español, sería perfeitamente posibel que a reforma constitucional permitira que a lingua galega acadara condición de lingua oficial  de estado. Con certeza, en Europa hai democracias multilingües  onde espellarse. Porén, sen un sólido recoñecemento do outro non hai reforma que mereza. Nomeadamente porque non hai reformadores posibles entre quen ten a propia cultura como único centro.

En 2013, na chamada Declaración de Granada, o PSOE afirmaba: “La importancia cultural y política de esta singularidad aconseja reforzar el poder autonómico de estas comunidades en las políticas de ordenación, defensa y promoción de su lengua propia, así como la asunción plena por parte de las instituciones del Estado de este rasgo institucional y de este signo de riqueza cultural y social de nuestro país. También debe contemplarse la colaboración y la cooperación cultural entre comunidades que compartan el mismo patrimonio lingüístico“.

O PP estatal deu como resposta a Lei Wert. E a Xunta de Galicia – tamén do PP- que é o organismo que máis debera mirar pola lingua propia que lle dá sentido a institucións de noso,  volve contra a lingua propia co decretazo contra o galego.

A franquicia españolista Ciudadanos – o PP 2.0-  afirma que “o fomento nacional [ler estatal]  da diversidade lingüística” redúcese a propor que nas escolas de España se ofereza unha segunda lingua española como materia optativa e que nas universidades tamén sexa posibel estudar as linguas españolas.

De Podemos, coa páxina web tan monolingüe como as do PP e PSOE, nada sabemos. Unha incógnita salientabel para quen se atribue o copyright da “rutura democrática”. Ao cabo, o que sabemos é que as prácticas históricas demostran que non é posibel a equiparación dos cidadáns de lingua galega en relación á castelán nos marcos españois coñecidos.

De aterse ao que defende Iniciativa pola Unión, para debruzarnos no estricto ámbito lingüístico, só sería posibel acadar unha práctica lingüística democrática de defendermos un ámbito de democracia linguïstica dentro do estado español no que a lingua galega teña un rango de oficialidade parello ao que o castelán ten no seu ámbito territorial. Para alén de vaguedades: a plena normalización do galego non se acadará nunca se os dereitos lingüísticos dos galegofalantes fican igual que agora. Quer dicer, nun estado no que as leis que supostamente protexen os dereitos dos cidadáns galegos impeden que estes os podan desenvolver coa mesma garantía que os cidadáns castelán falantes.

One Comment

  1. Cidadans é o psoe 2.0.
    E Iniciativa pola unión é o Bloque 2.0.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off