off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 2 Outubro, 2015 at 7:31 a.m.

Auto-de-terminación

by

autodeterminaciónSe tivésemos que glosar o “veredicto catalán” do 27-S co instrumental convencional da ciencia política, o que agora tocaría é saber se nos atopamos entrando no túnel dunha reforma ou ante o limiar dunha ruptura. O primeiro suporía unha flagrante recomposición do actual sistema político “mudando o que teña que mudar”. O segundo implicaría a madurez dunha alianza de clases disposta a dar as costas ao réxime do 78 con todas as consecuencias. Sería, asegún e conforme, unha sorte de “si, pódese” expandido socialmente que desandaría o escenario frustrante dunha transición que casou con indignidade o “atado e ben atado” da ditadura. Acontecemento aquel que se produciu cando outra confluencia de clases conducida polos tardofranquistas e asumida polos falsários demócratas e destampar a Segunda Restauración borbónica. Por tanto, a cuestión reside en coñecer quen levará a iniciativa do proceso aberto en Catalunya. Por outras palabras: que sector implicado no conflito disporá da minoría máis activa, resolta, organizada e consecuente para liderar a desconexión.

E nisto como en todas as cuestións da vida, sempre hai que contar coa axuda providencial do adversario. A recente imputación polo Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya (TSJC) a Artur Mas e varios membros do seu goberno pola consulta do 9-N é desa guisa sobrevinda. Tendo en conta de que na referida ocasión unha maioría activa de cataláns manifestou publicamente a súa opinión sobre a independencia, burlando a mordaza constitucional que só autoriza o referendo placebo, a citación xudicial supón unha postremeira achega de Moncloa á causa soberanista. Personalizándoa, iso tamén, no moi pouco honorabel president en funcións da Generalitat.

…a cuestión reside en coñecer quen levará a iniciativa do proceso aberto en Catalunya. Por outras palabras: que sector implicado no conflito disporá da minoría máis activa, resolta, organizada e consecuente para liderar a desconexión.

Até tal punto pode representar un incentivo a imputación, que cando o ministro de Xustiza alega inocencia por formalizarse a providencia tras as eleccións intúese que de comunicarse antes o resultado podería ser de senllas goleadas en escanos e votos. Outra derivada maliciosa desta conxuntura sería maquinar que os dirixentes de Converxencia coñecían o que se aveciñaba e lograron pospor o impacto para comprometer a favor da investidura de Mas ás bases da reticente CUP (que non quixo integrarse en Junts pel Si) e a unha opinión pública propicia a somatizar a nova como un mísil máis do arsenal de medo con que a Marca España tratou de afundir a campaña electoral.

Mas precisamente porque a radical recusa da Candidatura d´Unitat Popular fronte a JPS reside en que estima que o número 4 da súa listaxe é máis un problema que unha solución, non parece que o escollo urdido polo TSJ dobregue a súa folla de ruta. Ademais a CUP está a dar un exemplo de honestidade política ao recoñecer que o referendo en votos do bloque autodeterminacionista non lexitima unha declaración unilateral de independencia, en contraste co candor do triunvirato Romeva-Junquera-Mas. No entanto, a interpretación máis engrazada de todas é a esgrimida por aqueles que, misturando allos com bugallos   para fidelizar vontades, pretenden que o triunfo foi do sector españolista. Ignoran que con esa política contrafáctica, validan a mesma consigna utilizada hai pouco para desmerecer aos gobernos xurdidos das últimas autonómicas: o pacto de perdedores.
Non menos errática foi a reacción doutro dos damnificados, a cúpula de Podemos que desde o seu cuartel xeral na capital analizou as causas do desastre de Catalunya Si que é Pot (CSQP), a coalición composta por ICV, EUA, EQUO e o partido morado. Sen máis autocrítica que o victimismo de cifrar a derrota en “a polarización que dominou a campaña”, Pablo Iglesias tentou facer da necesidade virtude propondo un pacto das forzas progresistas catalás (ERC, CUP e PSC) canda un referendo vinculante (no que pediría o “non”) se gaña as xerais. Asín mesmo. Un referendo no que Podemos votaría “non” cando a súa cabeza de lista en CSQP, Lluis Rabell, votou “si-si” o 9-N. Alén diso, unha oferta para camiñar xuntos a partidos que representan o núcleo duro do independentismo, como ERC e a CUP, e a un PSC cuxos  xefes en Ferraz “escovaron” o Estatut que logo terminou de devastar o Tribunal Constitucional (TC) a instancia do goberno do Partido Popular (STC. 31/2010)

É obvio que o auto de imputación tenta amedoñar aos máis de 2 millóns de cidadáns mobilizados o 9-N polo dereito a decidir, crebando o espírito do precepto constitucional que alicerza a soberanía popular no pobo (Art. 1.2.CE).

 Mas non menos certo é que o 27-S plebiscitario foi utilizado por Mas e CDC para burlar a colosal derrota que lles esperaba de concorreren sós ás autonómicas coa súa bagaxe de corrupción, nepotismo e austericidio ao lombo. Neste sentido a función de ERC parécese bastante ao papel xogado no seu día por Esquerda Unida (EU) en Andalucía ao apadriñar sen demasiados escrúpulos ao goberno dos ERES. Co que o desenlace, quer que sexa auto-de-terminación ou autodeterminación, fica mais unha vez en mans dos emerxentes. Só resta saber se a CUP manterá a palabra empeñada ou diluirá na centralidade do taboleiro político como Podemos.

3 Comments

  1. Para min a CUP é o mais moderno.
    Dentro duns meses Rafael Cid escribirá outro artigo dicindo que todos son uns vendidos e que as CUP defraudaron ós seus votantes. Para Rafael Cid non existen os termos medios nin a estratexia.

  2. AUTODETERMINACIÓN PARA O CAMPO DO HOSPITAL

    • Moi interesante e atinado o fío como é habitual nos textos de Rafael. A miña teima dados os acontecementos e a lectura da percepción que vou tendo no comportamento e pensamento dende o local menos os muros é é que namentres o pobo de Catalunya é un exemplo de dignidade democrática e colectiva aquí a masa crítica é menor que décadas atrás logo de tanta postración ante ditadores e caciques neste lugar do NW galaico que vai podrecendo entre Franquismo Franquismo Post Fraguismo e tanta ineptitude, desleixo, preguiza e postración.
      Fronte a autedeterminación aquí é máis tradición emigrar ou arrimarse a quen corta o bacallau e reparte as cabezas.

      Aquí chegará antes a Auto-de-Terminación que a Catalunya pois estamos xa niso… dando pasos de xigante para terminar co idioma, co territorio, cos dereitos colectivos, co Olá paro e coa coa nosa dignidade como nación galega.

      Saúde Rafael

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off