off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 28 Setembro, 2015 at 11:41 a.m.

Un 27-S pre-constituínte

by
Capa do xornal ARA
Capa do xornal ARA

O independentismo acada record absoluto de escanos, complementado cun forte sinal de republicanismo de esquerdas. Pica estrepitosamente a burbulla Podemos e o pablismo. E o bipartidismo dinástico PP-PSOE, que ostentou alternativamente o poder do Estado desde 1978, convértese en testemuñal en Catalunya.

O veredicto das eleccións catalás, autonómicas en chave plebiscitaria, significa a apertura dun proceso rupturista pola confluencia en cuestionar o réxime do 78 por parte de forzas de esquerda e fai cachizas a política do medo urdida pola Marca España (institucións, bipartidismo dinástico, banca, patronal, igrexa e bloque mediático). As urnas tamén guindaron unha severa advertencia ao partido morado precisamente no momento crucial en que Podemos manobra para capitalizar a distintas forzas cidadanistas para as próximas xerais.

Cunha participación próxima ao 78% será difícil restar lexitimidade á consulta, máis aló do vulgar utilitarismo sobre se hai que sumar escanos ou votos, porque a concorrencia o 27-S superou con fartura o balance doutras convocatorias cruciais: a Constitución foi referendada por un 67,1%; o Estatuto obtivo un 59,7% e a Constitución Europea, ese marco que agora se usa desde Madrid como estaca fronte ao independentismo, aprobouse cun raspado 48,9% dos votos.

Junts pel Sí e a CUP superan a maioría absoluta de 68 representantes políticos no novo Parlament (62 máis 10).

Fica claro que Cidadáns con 25 deputados copou parte do electorado españolista que se avergoñaba dun PP (perde 8) liderado por un axitador da xenofobia e un PSC (baixa 4) delirante na súa política yenka (diante, detrás, dereita, esquerda), cando hai poucos anos gobernaba naquela decisiva comunidade. E ese sorpasso deixa en meramente virtual a representación política do tándem, porque o partido do goberno do Estado e a primeira formación da súa leal oposición quedaron no territorio catalán como forzas marxinais. Iso significa máis que un choque de lexitimidades; insufla unha quebra constitucional en toda regra.

A revelación positiva, aínda que esperada, está na CUP (con 7 deputados máis), unha forza de orixe municipalista, republicana e anticapitalista cuxo chupinazo serve para reafirmar a plena validez das políticas horizontalistas inspiradas nos movementos cidadáns (15-M; Nunca Máis, etc.). Grupos todos eles xurdidos da desobediencia da sociedade civil á crise e á corrupción sistémica, que tiveron a súa posta de longo nos pasados comicios locais, orixinando proxectos de abaixo-arriba á marxe dos mecanismos peneraidos dun partido-un xefe-unha ideoloxía. O subidón da CUP debe inserirse no ronsel do que xa sucedeu con Ahora en Común en Madrid, Barcelona en Comú, Compostela Aberta ou Marea Atlántica, por pór o exemplo das cidades máis emblemáticas desa nova forma de participación política sen denominación de orixe.

E logo está a picada da burbulla Podemos (perde 2 escanos), que lonxe de asaltar os ceos, como prometeu o seu máximo representante en momentos de sublime levitación, foi o gran perdedor, empobrecendo politicamente aos seus socios ICV, EUA e Equo. Non só non logra superar ao PSC, ao que declarou publicamente como escuro obxecto de desexo, senón que no canto de achegar á coalición Catalunya Si que é Pot lastrouna até límites pouco dignos. A partires de agora, Pablo Iglesias puxo a  pública poxa  o seu luzado reinado como gran promesa ao non poder superar nin sequera ao moribundo PP de Albiol.

Así non é estraño que o seu secretario xeral se refuxiara na sede de Madrid deixando o marrón de explicar o acontecido ao seu insípido cabeza de lista, dado que a visibilización urbi et orbi da trombada deixa a Podemos en situación comprometida á hora de articular alianzas privilexiadas coas “forzas comuneiras” cara ás xerais (curioso  ese súbito pre-acordo con Anova e EU en Galiza!). As do propio Iglesias, que personalizou a campaña con máis vontade que entendemento, dado o impreciso perfil do candidato Rabell da coalición radical de esquerdas (a Syriza catalá?), deixando de ser emerxente para acaudillar un frustrante “non puidemos”.

Fica por saber se, no caso de activarse o proceso constituínte en Catalunya, promoverase tamén a ruptura democrática en todo o Estado. Mas esa é outra historia.

2 Comments

  1. Énchesevos a boca falando da autodeterminación catalá e olvidades que o voso querido concello está privando de decidir ao seu futuro aos habitantes do Campo do Hospital (maioría étnica cerdidense). Deixade a demagoxia para outro momento e falade (se non tedes medo a perder a razón) do imperialismo do voso concello. Stop imperialismo cedeirés! Viva o Campo do Hospital cerdidense! AUTODETERMINACIÓN!!!

  2. Eu creo que o pacto a nivel Estado será clarísimamente Psoe-Cidadans. Está mais que cantado.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off