Cando pensa presentar a demisión Rajoy presidente do goberno español? A oposición política non debería estarlle a pedir xa a demisión? Ainda teñen algo de decencia?
Estamos a constatarmos que o sistema político español soérguese nunha comunidade fechada, como unha especie de enxaulamento ou, por outras palabras, como unha acción das vontades e as intencións combinadas dunha élite de partidos ensarillados que no reflicten diferencias fácticas, mas decisións historiográficas, nunha narrativa que é esencialmente ideolóxica respeito a un único modelo de estado e a un só substrato identitario.
A farsa de Rajoy e a dereita toda falando catalá en público -cando nunca se lle ouviu falar en galego nin cando era vicepresidente da Xunta- nunha reivención propia da mercadotecnia política para provincias e protectorados, ainda que coa cabeza pensando nas eleccións lexislativas españolas.
O abrente cósmico de Pablo Iglesias, mobilizado canda os xuices, o exército, os banqueiros e a igrexa para distribuir medo e carnets identitarios entre os emigrantes.
Entrementres a poboación española e a galega, nutrídonse dos titulares da ditirámbica imprensa madrileña e “gallega” que foron chimpando fóra a quen non foran quen de recoñecer. Movimentándose como se non importaran os desenvolvementos históricos recentes, sobre os que se podería afirmar que documentan o fracaso ou esgotamento do modelo da transición do 78, mas en vez diso, e máis precisamente, o federalismo non nato. Mas os cataláns, que levan un lustro facendo o que non se lles permite, volveron a ser libres malia o interesado inventario de negatividades que lles foron endosando sen que houber quen fixer o outro balanzo, en que ficaría da estandarizada e despótica entidade do reino de España.
O chamado de trompetas de Fidelio. Ao cabo, o espírito de farsa goréntase mellor con imaxes de descomposición e liberación, de suspensión da lei e fin do enxaulamento. Os cataláns veñen de facerlle un favor aos españois. Un auténtico xubileo.
