off
Galiza, Movementos sociais, Opinião — 27 Setembro, 2015 at 9:02 a.m.

Para realizarmos o que puido ter sido mas non foi

by

Ollaparo_Solpor_2012-06-20 21.19.07Na distancia, a piques de comprobarmos se o poder do voto acaba por decantar o que arestora é o único proxecto en Catalunya – o soberanista-  fito ao meu país por ver se o sol segue o curso de sempre.

Doado sería debruzarse no fastío escéptico do solpor. Non me resigno.  Porén, malia súa imprudencia, se hai algo de positivo no preacordo entre Anova, Esquerda Unida e Podemos anunciado por Noriega é que o seu proxecto político vai tornandose nído e confesabel, non sei se abducido polo carisma do secretario xeral de Podemos, que acabou sendo á medida do xefe, elididos os seus principios fulcrais cando viron perigar o seu potencial como aparello de poder. Comezando por renunciaren ao municipalismo das clases populares, á república e as travesias do deserto que suporía aplicar o abaixo-acima. Sorprende a proliferación de voces críticas do antigo progresismo que dinamitan o  que latexa  fora do statu quo e do artigo 2 da Constitución do 78. Un redemuiño do que non é quen de sair Podemos e que ten arrastrado a unha parte da vella elite da esquerda nacionalista galega enguedellada nos tópicos do altermundismo e do multiculturalismo que non resisten a proba da realidade. A quen teme a oligarquía española é ao soberanismo e non a Podemos, que acabou por presentarse na campaña electoral cun discurso alicerzado nas orixes da cidadanía catalá.  Mas é bon que os proxectos se tornen nídos e confesables.

Tan nídios e confesables como os asisados chamados á “relación mutualista” de Lomba, Pereiro, Lopes Facal, Suso de Toro, entre outros, a non perder máis o tempo. O impulso moral de quen non renuncia á política deconstruindo a cadea de montaxe partido-lider-poder. Ao cabo, as eleccións do Estado son o medio máis inmediato canto crítico, para virar a opinión pública galega nunha acción colectiva dentro do “sistema” e a súa cadea causal legalista.

…non ten moito sentido que a “ars associandi” que sinalara Tocqueville hai máis de dous séculos acabe por ser concebida, deseñada e posta en práctica polas persoas que protagonizaron algunhas das encrucilladas e disonancias últimas

Pensemos que as confesións son unha pausa –o pesimismo é inseparabel da arte da pausa. Ao cabo, o que temos entre máns é rachar ese continuum histórico para alén tanto do espontaneismo inxenuo das mediacións dialécticas, como dos percursos acumulativos como formas secularizadas de redención.

Precisamos proxectos políticos nídos e confesables, un cuarto teórico para práctica política e reescribir a historia, unha discusión adulta que nos leve a formularmos preguntas porque as respostas xa están a dalas- e deberán continuar a dalas- os galegos e as galegas. Máis estimulante, sen dúbida, que a administración socialdemócrata do que hai.

Dicía Benjamin que o sino da marxinalidade é ser testemuño. Se a conxunción de forzas semella unha alternativa coherente para sairmos da marxinalidade, non ten moito sentido que a “ars associandi” que sinalara Tocqueville hai máis de dous séculos acabe por ser concebida, deseñada e posta en práctica polas persoas que protagonizaron algunhas das encrucilladas e disonancias últimas. A arte asociativa precisa no comezo fasquía non profesional porque perante a evidencia dos lexítimos tacticismos, mesmo cando se fitan diferencias politicas pouco significativas ( ainda que egoistas e egotistas), estase a perder de vista o obxectivo de configurar un proxecto propio para Galiza.

Acontece que, a forza de facerense nídios e confesables algúns deses tacticismos ou arrefriamentos calculados da expectativa que daría sentido ao pasado, acabemos dubidando se con certeza todos queremos o mesmo.

O caso é que sob a “taumatúrxica consigna de constituír “frontes populares” -como observou hai pouco Rafael Cid – non se acaba de albiscar o recoñecemento das propias debilidades, da insuficencia dos propios recursos para conformar un proxecto propio para o país. Estamos dispostos a admitir que esa confesión de insuficiencia é o costo mensurabel de non privarlle á cidadania galega a posibilidade de guindar faíscas de “tempo mesiánico” na miseria que estagna o rio? Porque é de supor que toda esa “potentia” vai direccionada “para” redefinirse e acadar os “nosos” obxectivos comúns nun contexto no que, mália as súas diferencias, encádranse na recuperación do que lle foi restado á democracia en forma de perda de acceso dos cidadáns á política: así naceu o 15M e así axiu a Syriza e o Corbyn entre os laboristas ingleses, tamén  o independentismo catalán. E o soberanismo galego. Acaso  non foi o galeguismo histórico quen expresou a necesidade dunha redistribución do poder onde os galegos atoparan o seu espazo político para recoñecérense?

O progreso histórico propio da socialdemocracia, homoxéneo e baleiro, non é o do”tempo-agora” que concebira Walter Benjamin na tese XIII. Estamos lidando co acaído conceito benjaminiano do ‘Jetztzeit’ (“tempo-agora”) reconciliado dende as ruinas da historia que é temporalidade do pior. Contra a concepción interesada e no fondo políticamente impotente do ‘mesianismo negativo’ cómpre afirmarmos que nunca acadaríamos unha reconciliación co presente se teimamos en manter co pasado un deber de memoria. Ao cabo, as esperanzas rotas do galeguismo histórico na desolación do pasado perdido, é o terreo sobre o que estamos a construir os nosos soños. Precisamente para nos ceibar delas, compre realizarmos o que puido ter sido mas non foi. A redención como autoredención. Erguendo escadas, partindo muros.

Procuremos os vieiros que restauren a conversa pública, como única forma realista de propiciar a mudanza. “Non pensaremos doutro xeito se non falamos doutro xeito”, dicía Tony Judt, a xeito de enxergar a mudanza política participando nunha conversa significativa, nída e confesabel.

3 Comments

  1. Walter Benjamin morreu en Portbou esperando entrar en España fuxindo do fascismo.
    Castelao morreu en Arxentina fuxindo do facismo.
    Castelao foi nunha Fronte Popular.
    Quere Podemos ir co Bloque a unhas eleccións xerais?. Non. Podemos quere afogar ó nacionalismo. Digamos “controlalo”.
    Cal foi o fallo da xente que está agora mesmo no Bloque?. Non entenderse coa xente que se foi deste. Non deixar que se marcharan. Ser práctico. Organizar unha fronte de esquerdas nacionalista ampla e con obxetivos comúns.
    Que vai pasar?. Que o Bloque vai quedar só e lle vai costar moito sacar uns resultados satisfactorios nas eleccións xerais.
    Deses polvos veñen estes lodos.
    O Bloque nos anos 80 e 90 tiñan a hexemonía na esquerda deste país. E esa hexemonía perdeuse por erros propios.
    Hai que facer autocrítica.

    • No Praza Pública teñen máis datos que o argumentativo Hispano-cidadanista.

      “Inaceptábel” por Suso de Toro

      Os medios de comunicación informaron de fontes da direción madrileña dun partido, “Podemos”, de que organizacións galegas tiñan un acordo formalizado alí para apresentar unha candidatura conxunta ás elecións  ao parlamento español.

      Acabamos de ver hai un par de anos o expolio dos aforros de xeracións e xeracións de galegos que investiron nas nosas caixas, ben vimos como todo ese capital acumulado foi parar a Caja Madrid. Pois o que fixestes os dirixentes desas organizacións políticas que negociastes eses tratos en Madrid foi tanto ou máis grave.

      Traizoastes a confianza e as esperanzas das persoas que iniciamos ou participamos no noso movemento cidadán para crear a candidatura unitaria soberana e, supoño, que traizoastes o diálogo cos partidos galegos cos que levades falado. Mais, sobre todo, fixestes un dano enorme á nosa sociedade, xusto cando é posíbel que unha forza política galega ocupe un lugar importante no panorama político e cando a cidadanía catalá abre un proceso no estado no que o noso país precisa ter voz propia. Non podiades escoller peor momento, nunca o dano tería sido tanto.

      O manter negociacións por detrás mentras se teñen outras abertas en público con outros é un comportamento falto de toda ética política que vos deslexitima como dirixentes políticos, que confianza merecedes?E se hai dirixentes tamén haberá bases, sabíano? E apróbano?

      Canto ao entregar a unha estratexia madrileña un capital político que en distintos momentos vos fomos entregando a cidadanía galega, voto a voto, na confianza de que erades políticos e organizacións galegas só pode ser considerado como inmoral. Se fósedes directivos dunha caixa de aforro deberiades rendir contas ante os vosos aforradores e investidores, porén esa decisión tamén merecería repulsa pública.

      Como non son un político de profesión podo e debo falar como un cidadán puramente e digo que ese comportamento oféndeme e meréceme repulsa, como supoño que merecerá a moitas outras persoas coas que levades xogado estes meses. Quen pensades que somos? Como podedes tratar así ao voso país e que cultura democrática é esa? O voso comportamento é incalificábel, ou xa o calificará a xente e o tempo.

      En calquera país deberiades dar desculpas. Con ou sen elas e polo ben do noso país, se aínda credes nel, debedes acudir con humildade, como acudimos os demais, e renunciando a calquera acordo previo que non teña sido aquí entre nós e á vista do público, a xuntanza aberta que convocou sen amaños e sen mentiras a “Iniciativa pola Unión” en Santiago o domingo 27.

      Ese día, aniversario tamén do fusilamento de cinco antifranquistas, a cidadanía catalá vai pór sobre a mesa a evidencia de que a única forma de estado que podemos aceptar é a que nos recoñeza como a nación galega que queremos ser.

      Ese día precisamos dicirlle ao noso país que temos unha esperanza que ofrecer. E ímoslla ofrecer, esperamos por vós, se vós queredes.

      Máis artigos de opinión

      862 Comparte 
      isto

      O comentario máis popular

      Inaceptábel é o papel de Beiras,primeiro,nunca entrevista o martes na TVG decindo que proximamente haberia novidades,e ao día seguinte Martiño na RG confirmando o acordo que adianta a Voz.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off