A CIG vén de convocar para esta cuarta 23 ás 11h. unha concentración na porta de Navantia Fene en protesta pola discriminación no reparto do traballo dos 4 petroleiros contratados por Navantia que se van facer en Puerto Real,” executando unha vez máis un veto á construción naval civil na antiga ASTANO”.
Esta reivindicación serve para lembrarmos o percorrido daquelas promesas no traballo do sector naval da comarca. O flotel –a piques de sair da grada- supuxo, no mellor dos casos, unha ocupación dun máximo de trescentas persoas. E o BAM –do que se fixo anuncio a bombo e pratillo- non pasou da fase de corte de chapa a finais do pasado ano, atopándose práticamente paralizado desde aquela.
Nesa liña, tense manifestado o BNG a finais do pasado ano, cando o anuncio do proxecto da eólica mariña na factoría de Fene, o seguinte:
“Só nun contexto no que ficasen definidos claramente os plans e proxectos no ámbito da construcción naval, entenderiamos que se podería avaliar a compatibilidade de outro tipo de actividades, como a que agora se está a comentar, garantindo a consistencia e viabilidade das mesmas e a non colisión de intereses con actividades que se poidan realizar na antiga Astano, como a eólica mariña”
A suposta “ocupación” da factoría de Fene no proxecto da eólica mariña semella ser un dos factores para que non se lle asigne carga do contrato dos petroleiros a ese centro de traballo; evidenciandose unha utilización perversa do proxecto da eólica mariña para, na prática, impeder de novo que a antiga Astano volva á construcción naval convencional; co que se instaura un novo veto ao centro de traballo de Fene.










