off
Galiza, Opinião, Política, Politica espanhola — 25 Abril, 2015 at 7:16 a.m.

Franqueados

by

Tan afeitos estamos a valorar a política institucional en condición macro que apenas prestamos atención ás súas réplicas en áreas menos publicitadas. Mas é un erro, porque o predominio que ostentou o tándem formado polo PSOE e o PP (ao xeito da Benemérita: paso curto, vista longa e má intención) desde os anos oitenta, completouse con sucursais na periferia territorial. Casos resistentes como a teimosa hexemonía do Partido Popular en Galiza e o secular rodete do PSOE-A en Andalucía serven para relativizar o cacarexado solpor do bipartidismo nuclear.

A irrupción de Podemos primeiro e a centrifugación de Ciutadans como Ciudadanos ao resto do estadi, despois, enxurrou unha especie de conxura demoscópica que aventura o fin de bipartidismo a escala nacional. Palabras maiores sen dubida ningunha, xa que cando eses prognósticos adquiran carta de natureza, a gobernabilidade do Estado terá que facerse de poutelas. De aí a importancia do que suceda a nivel político nas comunidades onde teñen asento franquías con esa fasquía.

A historia aprendeunos que en momentos críticos son as colonias as que sufragan á metrópole.

Neste marco debe analizarse o acontecido nos recentes comicios andaluces. Para alén de preitos polo liderado na familia socialista, o que a presidenta da Junta de Andalucía, Susana Díaz, tentou, guindándose á piscina eleitoral antes de rematares a lexislatura, foi afirmarse como a verdadeira oposición ao goberno central. Para iso empregou calquer ardil, maña e malas artes ás que nos tiña afeito o bipartidismo que xoga en primeira división. Cun aprobado alto pola súa banda, é doado recoñecelo, xa que a pesar da queda de votos Díaz logrou vencer a aposta. O que demostra que naquela rexión non rexe o desgaste político que a nivel do Estado castiga aos partidos-balea convictos de corrupción.
Pola contra, alomenos de Despeñaperros para abaixo parece que o que funciona no sarillo representantes-representados é unha especie de 2síndrome de Estocolmo”  que os fideliza en liña alén da relación custo-gaño habitual do xogo político. Porque as enormes cifras de paro, (case o dobre que a media española); a mastodóntica corrupción que afecta á súa Administración e a atávica atrofia do seu sistema produtivo (absorta na economía de servizos, sol e praia de toda a vida) deberían pasar factura ao partido que mandou en Andalucía desde a transición case en exclusiva (a cohabitación con Esquerda Unida, pola súa cumplicidade, foi a excepción que confirma a regra). A “aldea gala” do socialismo, segundo o Informe Foessa 2013 sobre Andalucía, deita estes datos con respecto á media española (entre #paréntese): 3,4% de analfabetismo (1,9%); índice Gini de desigualdade social 9,1% (8,6%); desemprego 36,2% (26,1%) e risco de pobreza 29,1% (20,4%).

No recuncho oposto da diagonal territorial temos á parroquia franquiciada do PP en Galiza, con estatísticas distantes pero non distintas ás rexistradas en Andalucía. Os datos que fornece Foessa para esa comunidade no mesmo ano de referencia son os seguintes: analfabetismo 1,5% (1,9%), índice Gini 14,4% (8,6%), desemprego  26,1% (22,0%) e risco de pobreza 17,2% (20,4%).

Estamos, portanto, fronte a dous modelos clientelares de bipartidismo sucursalista, con coincidencias substanciais no fondo e algunhas diferenzas na forma.Así, o maior índice de analfabetismo, superior paro e máis elevado risco de pobreza en Andalucía, contradise en aparencia co máis alto nivel que alcanza a desigualdade social en Galicia.

Variables atribuíbles en boa medida ao tratamento da “cuestión social” que aplican ambas as formacións en razón das súas querenzas ideolóxicas, fulanismos e intereses. No caso do “réxime” socialista de Susana Díaz a doutrina esixe a utilización de recursos públicos para actividades próximas á caridade (gastos non produtivos) que permitan solapar a asimetría estrutural daquela sociedade. Mentres que no feudo marianista de Alberto Núñez Feijóo as actuacións do goberno van máis encamiñadas a unha *recentralización antropolóxica-política-cultural a máis diso unha reconversión-saldo do tecido produtivo autóctono en sectores como o marítimo-pesqueiro e o agrícola-gandeiro, inmolados a maior gloria das multinacionais da Unión Europea.

En Andalucía faise país daquela maneira coa vista posta en Ferraz, mentres no terruño de Breogan séguese a ollar ao Pardo, impasible el ademán. Cumpridos 25 anos de goberno do Partido Popular despois da aprobación do Estatuto de Autonomía, fronte aos 33 en solitario do PSOE-A na Junta, o galego como idioma vehicular está en proceso de desmantelamento, até o punto de que é a única lingua que perde falantes en toda a península ibérica. Compre dicir tamén que o intervencionismo latifundista que permite aos socialistas andaluces manexar de xeito paternalista unha “economía moral”, por conta da  re-feudalización política das camadas  máis atrasadas da poboación, no cenario asignado aos populares galegos tradúcese nunha evidente ineficiencia operativa por parte dun poder autonómico minado por unha entupida rede caciquil de intereses creados. Aínda que, ao cabo, mutatis mutandis, tanto o sobreproteccionismo exercido desde arriba pola Junta como o infraintervencionismo nesgado da Xunta (o de “xuntos” é só o elo placebo) dan lugar a unha clónica cidadanía de todo a cen: infantilizada, subsidiada e dependente.

Os franquiciados son os drones do bipartidismo.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off