off
Livros, Movementos sociais — 21 Abril, 2015 at 11:38 a.m.

“Podemos trending # topic”

by

cgt-por-si-fuese-de-vuestro-interes_ollaparoEntre o vocacional “Si se pode”, que identificaba ao 15-M, e o asertivo “Podemos”, que encadra o ideario do partido liderado por Pablo Iglesias, existe un vincallo semellante ao que balancea da potencia a acto en canto a percepción. Co engadido vieiro de que nesa transición se xibariza o substrato autónomo do primeiro en favor duns legatários con obsesión solipsista. Falamos da diferenza Espinosista entre “potentia” e “potestas”. O primeiro conceito refere a capacidade de facer, mentres que o segundo entraña dominación. Son, por tanto, dous termos non só distintos mas politicamente heteroxéneos. Porque mentres o “Si se pode” implícito en “potentia” remete a unha facultade do suxeito, individual ou colectivo, para a transformación da realidade, o “Podemos” reclámaa para unha autoridade que ambiciona para si a soberanía da acción.  O que nos lembra a advertencia do cidadán Rousseau no Contrato Social: “o poder ben pode transmitirse, mas non a vontade”.

Esta viaxe iniciática do “poder para” ao “poder sobre” é o que revela na curta distancia o tipo de organización con que se lexitimou Podemos (unxido por unha masa mimetizada) no proceso de entronización do seu secretário xeral, onde se cenifico o paso do espírito do 15-M ao “pablismo”. A clave desta deriva caudillista, providencialista e burocrática  está nesa estrutura apaña-todo (Otto Kirchheimer) que xustifica o cambio do obsolescente eixo esquerda-dereita (“conceitos zombi”, Ulrich Beck) ao fluído de abaixo-arriba (“a modernidade líquida”, Zygmunt Bauman), e no uso da “democracia dixital” en eleicións plebiscitarias. Despois, é claro, do baño de popularidade televisiva que fai perceber ao máximo líder de Podemos como un auténtico “animal político” na súa xira polos talk show do planeta mediático. Todo o que evidencia o profundo coñecemento por parte dos xestores desa formación sobre a forza aliñadora do capital simbólico nas sociedades da información.

(*) Tradución para o galego do capítulo "Podemos trending # topic", de Rafael Cid, no libro "Hasta luego, Pablo. Once ensayos criticos sobre Podemos"

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off