off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 15 Marzo, 2015 at 12:50 p.m.

Alén do comisario Villarejo

by

Tiñamos razón, mas por motivos equivocados
(Arthur Koestler)

Levalet.hypeness.com.br Creative Commons by nc-sa 2.5 br
Reload (Levalet.hypeness.com.br Creative Commons by nc-sa 2.5 br)

O comisario Villarejo non é o literario detective Carvalho de Vázquez Montalbán, nin moito menos o rudimentario Plinio de García Pavón. Non está só ante o perigo e ante a súa conciencia. O seu reino é o Estado e actúa á orde dos seus superiores xerárquicos. Por iso o pertinente non é debater sobre “o caso Villarejo”, heroe ou vilán segundo as ópticas e intereses, senón sobre se en España pregunta existe na sombra das institucións unha policía política. Algo sei do que falo. Coñecín ao hoxe comisario Villarejo, e a outros Villarejos parecidos, durante os meus anos de actividade profesional como xornalista de investigación. E insisto, hai que deixar de mirar ao dedo e pór a atención onde o índice sinala o buraco. Cabe nunha democracia unha policía política que, como argumentou en errática ocasión Felipe González, defenda á sociedade desde as cloacas do Estado?

No ADN da transición, unha democracia legada por unha ditadura, é onde hai que indagar a causa dos moitos desalentos que nos arrasan hoxe. Entón aceptouse como “mal menor” o continuísmo dun réxime que era a corrupción químicamente pura, e dispuña da vida, a dignidade e a liberdade das persoas como unha “unidade de destino no universal”, Nese sistema, nin a policía nin a lei estaban ao servizo dos cidadáns mas ao do partido único. Vai supor, pois, un modelo autoritario-totalitario (segundo as tornas) de convivencia todo pola patria.

E como a función crea o órgano, moi pronto os antigos servidores do franquismo fixéronse imprescindibles para que os novos administradores desa democracia herdada puidesen facerse co control do activo adquirido na transacción da transición.

Non só policías e militares con sexenios en persoal da ditadura, a cara máis odiada daquel réxime, senón xuíces, políticos e académicos (pódense contar cos dedos da man os catedráticos de universidade que non xuraron os Principios Fundamentais do Movemento Nacional) foron ben recibidos nos negociados da terra prometida. Máis tarde, daquelas risas veñen estes choros. Aínda que como adoita ocorrer coa política entendida como un arsenal de manipulación masiva, a iniciativa fundadora chegou da falsa esquerda.

Foi o ministro uxetista José Luís Corcuera, o da pancada na porta, quen “fichou” a José Villarejo como policía infiltrado, e daquela todos os seus sucesores na carteira de interior arrolaron os seus pasos até a pequena liorta actual. Desa maneira, o Estado de Dereito admitía zonas de impunidade para a actuación á marxe da lei de “axentes da orde”. O demais veu rodado. A Villarejo e outros do seu gremio, sucederon “a Cortina” (a toupeira do Cesid no 23-F), “os Perote” (a toupeira de Mario Conde no Cesid); “o Lobo” (a sinistra toupeira de Interior en ETA idealizado no cinema) e demais sucedáneos cuxa mención deixamos ao maxín do agudo lector. Todos eles integrantes dun escabroso quebracabezas que socializaba perdas e privatizaba beneficios coas desastrosas consecuencias que xa coñecemos: terrorismo de Estado a mans dos GAL; desfalco dos Fondos Reservados do ministerio da Policía (nunca chegou a ser totalmente de Interior); golpe de estado do 23-F dado por “toupeiras” da contorna do Rei e atentado do 11-M executado por “toupeiras” dos servizos de información.

Unha saga que, á calor da loita contra ETA antes e agora coa escusa posta na ameaza do fundamentalismo islamita, foi moldeando á opinión pública baixo o rictus da inseguridade cidadá para que aceptase como un servizo máis á comunidade a persistencia dun Estado (policial) dentro do Estado (de Dereito). Desta xenuflexión viñeron logo aberracións maiores. Vimos a xuíces estrela a dar o cano  ao dereito de defensa e o segredo das comunicacións na Audiencia Nacional e xenerais con tricornio galardoados en véspera de entrar no cárcere por delitos de secuestro, tortura e asasinato. E o peor de todo, como a sensibilidade polo “risco moral” entre a cidadanía sucumbira ante a trompetería patriótica, moitos deses delincuentes seguirían sendo considerados a esgalla como “herois”. ABC trataría a Galindo como un cidadán exemplar e El País abriría as súas páxinas de opinión a Vera, Barrionuevo, Garzón e tutti quanti.

Nese patolóxico clima moral e con esa cultura que chegou a preferir a inxustiza á desorde, vemos avanzar aberracións antidemocráticas como “a lei mordaza” sen que exista unha resposta contundente desde dentro do propio e minado Estado de Dereito.

Pola contra, os exemplos que a súa contorna lanza resultan cada vez máis kafkianos e indesexables. Por exemplo, un ex presidente e membro en activo do Consello de Estado, José Luís Rodríguez Zapatero, ofrecendo os seus servizos a tiranos como Teodoro Obiang en Guinea Ecuatorial; ditaduras como a de Mohamed VI  en Marrocos ou ditabrandas como ao Cuba do clan Castro. Por exemplo, unha militar (a comandante Zaida Cantera) humillada no Congreso polo ministro de Defensa do PP (Pedro Morenés) tras ser vexada no seu traballo por un tenente coronel machista que foi ascendido unha vez procesado pola súa antecesora socialista no cargo (Carme Chacón). Por exemplo, ese exercizo de prestidixitación posto en marcha por Xustiza para “renomear aos imputados” como “investigados” a fin de branquear na demora fronte ao banco aos presuntos delincuentes que levan as listas electorais de PP e PSOE (que curiosamente supon pór ao mesmo nivel aos “investigados” policiais cos “investigados xudiciais”, facendo óptima na semántica a postración do Estado de Dereito  ao  Estado Policial) con infinita fachenda felipista.

Se na revolución rusa, que supuxo o colapso total do sistema anterior, a organización Ochrana da policía secreta zarista serviu a Félix Dzerzhinski como pedra de toque para a configuración da NKVD, Comisariado do Pobo para Asuntos Internos (logo KGB), e no igualmente rupturista réxime castrista os campos de concentración denomínanse Unidades Militares de Axuda á Produción (UMAP), segundo denunciou o músico Pablo Milanés, imaxinemos o risco que sobrevoa sobre un modelo como o español que pasou con armas e bagaxes dunha ditadura de case 40 anos a unha democracia sen mudar de cabalo nin montura se a poboación se deixa seducir por policías e políticos que “foron xoves”.

One Comment

  1. O Estado, os seus cloacas, a RENTABILIDADE DO MEDO, neste personaxe danse todas as circunstancias e características dos mais sórdido cando nos referimos Ao APARELLO DE ESTADO.
    Negocios administrando o medo, a traizón, as sospeitas, o control sen limites, e esa mestura aterradora e repugnante de PODER E MISERIA, nas mesmas mans.
    Resumindo coas palabras do autor do brillante articulo: un modelo como o español que pasou con armas e bagaxes dunha ditadura de case 40 anos a unha democracia sen mudar de cabalo nin montura se a poboación se deixa seducir por policías e políticos que “foron xoves”.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off