A suspensión polo Tribunal Constitucional (TC) do proceso participativo do 9 de novembro converte na práctica a este órgano nunha especie de Tribunal de Orde Pública (TOP) do réxime de monarquía parlamentaria. Ao admitir o recurso presentado polo goberno contra un dereito consagrado na Constitución, disfrazando como acto xurídico sancionabel o que in nuce non é máis que o simple exercicio da liberdade de expresión por parte da sociedade civil, o TC adopta unha postura similar á dun tribunal político e, por tanto, pode estar conculcando valores fundamentais do Estado de Dereito.
Se ao cancelar a Lei de Consultas e o Decreto do referendo soberanista o TC cara a unha lectura reduccionista da norma suprema, nesta segunda ocasión, ao extralimitarse nas súas competencias, instaura a censura previa de dereitos e liberdades só enxergada en supostos de “Estado de excepción”. Con ese auto, o Tribunal Constitucional en pleno insinúa que o artigo 16 da vixente Constitución, referido a “a liberdade ideolóxica”, e o 20, que entende do dereito “a expresar e difundir libremente os pensamentos, as ideas e as opinións…”, son papel mollado para a poboación de Catalunya.
Ao admitir o recurso presentado polo goberno contra un dereito consagrado na Constitución, …o TC adopta unha postura similar á dun tribunal político e, por tanto, pode estar conculcando valores fundamentais do Estado de Dereito.
Esta arbitrariedade sen precedentes na nosa recente historia constitucional non é, contra o que a primeira vista puidese crerse, un signo de fortaleza do Estado senón unha mostra da súa extrema debilidade. O rodete da dobre unanimidade dos membros do TC, cooptados polo duopolio dinástico hexemónico formado por PP e PSOE, en realidade encobre un desesperado tento bloqueo democrático ante a contundente realidade dunha cidadanía madura para a súa autodeterminación. O terminante “non” do Constitucional ao proceso participativo equivale nos seus perniciosos efectos sobre o modelo de convivencia a un GAL xurídico.
Un asoballo teimosamente perpetrado polos representantes do PP e do PSOE no Consello de Estado e o Tribunal Constitucional, que redundará en novos argumentos para a lexítima desobediencia civil. Cando a corrupción da “marca España” acade niveis de obscenidade inaturables; a desigualdade rube até cotas de espolio na lameira da crise financeira e significados sicarios da ditadura burlan mandatos xurídicos internacionais amparados desde as propias institucións, a anulación do dereito a decidir polo máximo expoñente do Ordenamento cabe interpretarse como unha provocación para a paz social e unha ameaza para a seguridade xurídica de todos os cidadáns de ben.










