A media que vaian chegando as vosas historias irán fornecendo esta sección:
Xosé Antonio Suárez Aneiros (29 de Agosto de 2014 ás 22:03)
Coido que os primeiros libros en galego foron O gaiteiro de Lugo e Contos populares, máis tarde regaloume Xoán Estrada A virxel de cristal, de Curros, tempo despois conquerín Sempre en Galiza, por medio do sindicalista Paco Carreras, que estaba casado con miña prima Lola. A partir de aí mediante o estudio, a lectura e o contacto coas nosas xentes e pais, avós, veciños, sempre falei galego. Moito máis tarde acadei o título de Mestre de Filoloxía Galega
Gabriel Beceiro (22 de Agosto de 2014 ás 09:04)
Na altura vendíanse libros no adro de Teixido. Da man reconfortante de Teresa, a miña irmá, mergullara en tenderetes de amuletos coloridos e nunha morea de palabas enfeitadas que falaban como falaban os nosos avós. A romaxe fornecía o que a escola non emprestaba, atrevíase a impulsar a liberdade. O libro galego ofrecíase como ex-voto, non sei se de cera ou órgao curado. Era a segunda epifanía do 75. Promesa e achádego. Foi a primeira vez que fun a pé ao San Andrés, mas daquel devoto serán de camiñata e volta á vila con ramo de roscas, os meus sanandresiños foron para sempre “As laranxas máis laranxas de todas as laranxas”, de Carlos Casares.
