off
Cedeira, Meio ambiente — 15 Agosto, 2014 at 7:55 p.m.

A estación de bombaxe segue cagando bostas de graxa e restos fecais

by

A  estación de bombaxe segue cagando bostas de graxa e restos fecais. As fotografías  que vén de recoller Ollaparo e Somos Cedeira, amosan que a insuficiencia da estación de bombaxe non é por acaso. Que La Voz defina agora como “controversia” a problemática da depuración de augas é un síntoma máis da situación.Que a prensa hexemónica  se escude en si as fotos son de onte ou de antonte non son máis ca un álibi para inxénuos. Só teñen que comprobalo ou enviar fotógrafos madrugadores. Non hai controversia porque non houbo impugnación de argumentos. Se os houber, u-los? Porén, as administracións implicadas actúan sen controversia, de xeito incuestionabel. A dermatite e as bostas esmagadas de graxa na praia son imaxinacións de mentes ociosas, non si?

A depuradora de augas é un acto político. Como político é o tratamento informativo da La Voz ou Diario de Ferrol. A concentración cidadá de Somos Cedeira  contra a contaminación  da auga do rio e da ría foi un acto político. Sen dúbida, a de quenes fan país, territorio e pobo fronte a quen teima en matar ao mensaxeiro sen recoñeceren os feitos e sen ofrecer solucións ao problema. Se o dispostivo non funciona que se diga. É política a cidadanía critica e non os vendedores acubillados na representatividade. A democracia fundaméntase na confianza e non na componenda da transparencia. A transparencia só aparece cando xa non hai confianza. E ás veces nin iso.

Ollaparo_bostas_DepuradoraCedeira

Quen deslexitima sen argumentos perde toda a súa credibilidade. A típica e fosilizada esquerda local nada ten que achegar ao problema agás o silenzo ou a desídia. Vén de vello. Certos círculos teiman en negar e deslexitimizar calquera  reclamación con ou sen razón, ideoloxía do ocultamento do coñecemento do tema. Hai futuro? O cinismo xeneralizado é mais unha mostra que vivimos nun espazo sen sentimento de pertenza política e de crenza compartida. Velaí a espazo de traballo da esquerda emprazada.

Sen non se modifican os conceptos de debate non hai posibilidade de esquerda ruturista. Ao  político profesional, ao mercader, cómpre lembrarlle que a súa compresión dos problemas  sempre é parcial e que por iso as súas solucións son sempre provisionais. Ser conscente disto é condición sine qua non da prudencia política. Ao cabo, os verdadeiros soñadores son aqueles que pensan que as cousas han seguir como foron, que seguirán sendo como agora son indefinidamente. Non é Somos Cedeira a soñadora, senón os que estamos acordando dun sono que se tornou pesadelo porque se vai destruindo a si mesmo. Ollade o rio. O problema dos bens comúns está aí. O ben comun  é o que se está a privatizar. Por isto e só por isto debemos loitar. Hai alguén aí?Tómalle unha cervexa.

Leave a Comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off