Din que van chantar na praia
rollas de boa madeira;
quérena crucificar,
pobriña a Madalena!
Vai ispindo o areal
o mar coa súa bravura
e con esta acupuntura
din vai ser medicinal.
Facelo xa, con premura,
sen estudios que o avalen
ha de causar amargura,
por máis que falen e falen.
Con consenso e apostura
é mellor sentarnos todos
a razoar, e con cordura,
sen desvaríos tolos
ver cal é a mellor postura
e non tirar as motiñas
pois as nosas criaturas
queren ver con fanfurriña
coma dos avós o areal
onde eles traballaban,
libre de falsos profetas
os marouzós se abrazaban;
e ninguén poida dicir,
estaban a velas vir
e actuaron con desleixo
quedando a praia en tristura,
sen vestidura e pelello
moitas xeracións futuras.
