Obdulia tiña un porte da altura da súa dignidade; nacera a finais do século XIX e os acontecementos que veu ao longo das súas oito décadas de vida sumados ao xeito de contalo facían e fan a Obdulia un ser estimado e nunca esquencíbel. Era analfabeta e non coñecera máis que a herdanza do coñecemento oral con todas as limitacións do saber e os misterios que estos levaban parellos, pero dende logo era muller dunha honestidade e dunha fondura humana ben admirábel.
Cando me mergullaba nos seus contos de fantasía, de fadas, mulleres mariñas e vilas sulagadas a porta dun mundo fabuloso se abría de par en par. Nacera nun tempo no que case o noventa por cento da poboación galega falaba o galego e por algunha razón tamén na oralidade popular non escolarizada quedara o pouso daquela escritora que tamén usaba a lingua do pobo, coñecín a existencia de Rosalía de Castro por ela, moito antes de coñecela noutros ámbitos, non a poesía pero si a grandeza da súa existencia. Obdulia era unha muller ben erguida dunha caste que o rexime franquista fixera desaparecer na súas escolas e igrexas; vivira e padecera outros tempos, coñecía o espectáculo e vivira o circo da historia de España dende os tempos de María Cristina, as monarquías dos Alfonsos, a emigración masiva, a carnicería da Guerra de Marrocos polas minas do Riff, a fuxida do Borbón… sí, xa vira caer un Borbón e a chegada da República, tamén o retorno aos inicios da primeira civilización de Atapuerca após o golpe militar de Franco e todo o seu séquito de oligarcas, asasinos, señoritos e delincuentes de garavata o sotana que trouxo a morte e a fame coa súa autarquía militar de economía de guerra, tiro na caluga, medo, miseria e adoutrinamento. Iso tamén mo contou Obdulia cando ela entendeu que tiña o tempo para saber a verdade que non contaban nas escolas nin nos xornais.
Lembraba cando ás mulleres non lles permitía abrir conta corrente nun banco, nin a boca, nin estaban ben vistas no café, cando nas colas ao médico no pósito vello da confraría sempre se atendía denates aos que viñan con carto fresco na man que aos do réxime especial do mar ou os da agraria, cando un galo bo se gardaba para agasallar ao médico nas doenzas graves que sempre había, cando un certificado de penais para acudir ao servizo militar obrigatorio costaba un par de langostas para o papo do cura da paroquía de Esteiro ademàis da súa aprobación.
Con ser analfabeta Obdulia tiña unha interpretación para a vida máis aquelada que a que lles deran aos nosos pais nas escolas do crucifixo cara ao sol naquela versión tétrica do Mito da Caverna de Platón feita formación para el espíritu nacional. Obdulia sempre tivera unha dignidade superior aos seus medos, incluso daquela cando os homes tiñan por tradición ademåis de pescar e beber, tamén petar na muller á caida de cada xoldra de viño… incluso daquela Obdulia tiña o seu caracter. Dunha volta Pedro de Monteiro o seu home, patrón de pesca e amigo do viño tinto, unha noite no que a compaña o fora buscalo á casa de Santaiamar, Pedro estaba deitado cunha tallada mundial e a dona ao escoitar a chamada berrou por el: Pedro, ergue da cama que veñen chamar por ti para sair ao mar!. E Pedro aínda poseido polas ninfas de Dionisos contestou: Va… vamos, queres cartos?. Vamos!, vainos bucear tí!.. E obdulia posuida polo xenio puxo as costas contra da parede e fincando coas pernas correuno rumbo á boca å ria de tal xeito que o comia o demo pola congostra da Madalena a xuramentos.
Fora a finais dos anos setenta coa morte do ditador cando despertara nela a necesidade de deixarme un legado a maiores que os seus coidados cando neno. Ela quixo contarme algunhas cousas entre moitas vividas que entendįa que debía coñecer, como a novela negra local, o tabú nunca feito crónica de cando a burguesía conserveira local fora suxeito dunha investigación por incidente internacional. Unha partida adulterada de conserva en lata saíra de Cedeira para Italia durante o tempo da Segunda Guerra Mundial, esta partida presuntamente matara algunha xente. Contaba que un dia amencera a praia da Madalena cuberta de centos de latas de conservas que deran bo probeito a moitos veciños. Contaba que os donos das conserveiras estraperlaban co aceite de oliva e que facían envasar algunhas latas co saín da sardiña, a maioria das latas estaban en bo estado e aquel maná que aparecera ña Madalena naquel tempo da fame fora consecuencia daquela investigación probocada por aquel suceso internacional con victimas e a partires do cal Cedeira deixou de comercializar a conserva utilizando o porto veciño de Cariño para tal fin até a súa decadencia e desaparición.
Obdulia bañábase sendo unha nena na primeira década do sèculo XX coas súas amigas de Esteiro na praia de debaixo da anterga capela de Santo Isidro, na mesma praia onde quedou a capela soterrada polo mar despois de derrubar este a costa na que se sustentaba e que está a carón das ruìnas da última conserveira que queda. Contaba que os seus bañadores eran de tela de arpilleira e que nas baixamares de mareas vivas podían camiñar pola beira da onda dende o final da praia de Santo Isidro por toda a Madalena até a Arealonga, de aí que hoxe chamemos Arealonga a unha praia tan pequena.
Obdulia recordaba nos invernos cando as galernas petaban na porta, a historia da vila asulagada de Valverde. Para Obdulia a vila de Valverde era un pobo próspero que habitara esta fermosa ria nun tempo moi remoto. Como si un andacio posuira ás xentes de Valverde, fora tal que a xente se deixara levar pola maldade e a usura até o feito de que as súas malas obras deberan ter encolerizado de tal xeito a algún deus semellante a Neptuno que ergueu as augas do oceano internándoas violentamente na praia e terra adentro, asulagando aquel pobo próspero de Valverde. Obdulia que coñecia os segredos das sementes e das sazóns, que traballara a Robaleira cando toda ela era eran hortas de patacas, tamén as regas da Madalena cando eran plantacións de millo e lembraba sempre ter atopado cerámica e otros restos en alguna ocasión. Tamén que as campás de Valverde de vez en cando se deixan escoitar para advertirnos de quen é aquí o que corta o bacallau dende a noite dos tempos.
Obdulia tiña algo que lle roubaron aos noso pais, tiña os pes na terra e dignidade abonda para non esquencer nin cambiar a verdade vivida, dicialle cunca á cunca e berce ao berce e nunca lle escondeu a lingua de seu aos nenos, era dunha fondura humana, dunha caste que aquel rexime purgou.
Ao mellor tamén che interesa:
Cae a mesa, cae a artesa cae o rei coa súa ghrandesa [3]
Pedro de Monteiro (2) no exército colonial alfonsino
Pedro de Monteiro (1) Barqueiro de Caronte na Barcelona de 1917

















Si, o de San Vicente eu tamén o lera no libro de Alsina, catedrático de Historia, sobre a Compostela medieval, onde relacionaba as igrexas sobre as que tiña mando o bispado.
Usero cre probable que o emprazamento fosse o mesmo ca o da igrexa actual.
Eu, coma ti, penso que o mito do dioivo universal tem a ver cos moitos Valverdes, e mesmo o da Atlântida, ainda que nestas estou maís polo afundimento socio-económico dunha civilización ( a neolítica, a das mamoas) que polo afogamento baixo as augas.
Imaxinar é necessário, non si. Que Obdulia nos achegue as súas historias e nós botámonos para diante. Habíalle de gostar, non si?
Grazas Antón, tamén hai que dicir agora que mirei… sempre con grallas.
Tiña escoitado o da advocación anterior a S. Vicente pero imaxinaba que era no mesmo lugar de culto. Dende logo que sería unha explicación lóxica, sumada á lenda universal que a maioría das culturas manteñen. De Marnela a Doniños, do dialogo de Timeo e Critias de Platón falando da illa mítica Atlantis, até a historia de Noé no antigo testamento.
A verdade é que está máis interesante procurar a verdade da historia soterrada que turrar na farsa na quevivimos. Sería máis doado entendernos como colectivo humano na historia recompoñendo os cristais do espello roto. Como entender a liberdade sen coñecer a historia da fame, da escravitude, da explotación?.
Obdulia e Pedro aínda teñen moitas vivencias que contar..
Interesante “documentario” e ben contado. Que Obdulia non cale.
A respecto de Valverde, é unha especie de mito universal.
Casualmente, hai cousa dun mes, nunha conferencia de Usero organizada pola asociación de veciños de Piñeiro, saiu o tema. Creo recordar que Usero atribuiu o conto a unha lenda sobre Carlomagno, pero non iso o que me chama a atención, senón estoutro asunto:
Antes da advocación á Nosa Señora do Mar, coa igrexa que coñecemos -varias veces restaurada con maior ou menor acerto- houbo nestas terras de “Cetaria” advocación a San Vicente, coa súa correspondente igrexa ou capela -da que nada se sabe-.
Esta mudanza podería explicarse -sigo a Usero- como un abandono do asentamento humano e unha posterior ocupación.
É unha marabilla de coincidencia para un Valverde autóctono!