off
Meio ambiente — 21 Abril, 2014 at 6:08 p.m.

Administración troll. A reserva mariña en perigo

by

Calquera que fose a lexitimidade moral que ainda poideran ter a Demarcación de Costas, Portos, Concello e Confraría de Cedeira perdérona esta mañá no areal da Madalena. Sen informar a ninguén, nin á oposición, nin ás organizacións que fixeron as únicas alegacións coñecidas seguindo as disposicións da lexislación vixente. Só unha nota de domingo na prensa comarcal o dia anterior ao comezo da intervención, o primeiro luns logo de semana santa.

Os catro organismos veñen de lanzar unha OPA aos recursos naturais da ría dunha hostilidade descoñecida até o momento ao encetar os traballos de recheo da praia  obviando que na zona na que se prevé actuar está dentro da reserva mariña, cuxos límites superiores están definidos pola liña superior da preamar máxima viva equinoccial, sendo a ría de Cedeira un Espazo Natural Protexido, segundo o Decreto 28/2009 da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos (DOGA 33/2009), segundo veñen de denunciar en comunicado de prensa conxunto Somos Cedeira, Adega xunto ao BNG, ANOVA, EU e Galiza Nova. 

DSC_0723

Estamos gobernados por “trolls”. Por unha administración anónima e ao servizo das oligarquías locais e estatais afeitas a actuar  deliberadamente de xeito provocador (a suposta “rexeneración” que se está a facer conta co informe preceitivo da Consellaría de Pesca?),  aproveitando as marxes e intersticios da lexislación, sondexando os límites da confianza na que se funda a democracia, xa sexa en termos medioambientais como urbanísticos e informativos en xeral, co único obxectivo de obter cotas de impunidade que se derivan precisamente dese modus operandi de feitos consumados nos que se deixa de lado á parte da cidadanía que non é fiel servidora do “statu quo” político cada día máis periclitado. Un xeito de facer que se corresponde con quen odian a democracia deliberativa, quen non saber axir no local se non é pechando as portas á sociedade civil. Non deixa de ser un  paradoxo que embora ser unha obriga legal e moral que as administracións e institucións locais velen polo cumprimento da lexislación vixente que protexe espazos protexidos como a ría de Cedeira – vainos a vida niso- todo iso saia á luz tratándose da  aplicación da normativa específica que protexe os de maior fraxilidade como son específicamente as rías e as  comunidades faunísticas que nelas habitan pois nelan confluen as actividades estractivas tradicionais cos usos intensivos de explotación turística que as fan máis vulnerábeis.

No mes de xaneiro, a propia Confraría de Cedeira recollía no seu blogue  a notícia dun método  avaliación rápida de zonas costeiras para o deseño, selección, e a  xestión de áreas mariñas protexidas desenvolvido por científicos do Instituto Español de Oceanografía (IEO) coa fin de axilizar o obxectivo de  protexer un 10% da superficie mariña en 2020. Esa  metodoloxía que chamou daquela a atención do cofrades, baséase no aproveitamento existente sobre a zona de estudo, o coñecemento dos axentes locais e o deseño dun sistema de optimización das mostraxe de campo para deseñar indicadores  físicos, ambientais  e socioeconómicos através dun  Sistema de Información Xeográfica (SIG). O propio secretario xeral do Mar, Xan Maneiro, afirmaba hai pouco que “non se pode pensar” que as reservas mariñas se van a financiar “continuamente” con diñeiro  público, polo que apostaba por atopar  “outros sistemas”.  E ese sistema non será o de iren acabando coas reservas sen o dicir, de xeito silandeiro e ás caladas, ao tempo que se deitan milleiros de euros en habilitar praias a sabendas de que o deitado socaba calquera previsión de conservación e sustentabilidade futura sobre bases sólidas ou cando menos co máximo de evidencia dispoñíbel?  Esa sensibilidade, u-la? Que foi o que mudou agora? Unha breve ollada do blog da Confraría ou a compracencia observada estes días entre Costas, Confraría e Concello abonda para detacarse do “polisémico” que pode chegar a ser o termo “reserva mariña”

 

Ollaparo_seprona
O Seprona levantando atestado pola tarde

 A democracia, señores do PP e da Confraría, non é só a institucionalización. Pensan que os seus actos contan coa “cobertura” de seren actos lexítimos que trasmiten a vontade da maioría (a maioría da minoría que vota)  mas o que están a facer é crear as condicións de esgotamento da súa propia lexitimidade.  quen hoxe gobernan teñen nas súas máns diferenciarse do PP de Leopoldo Rubido, unha vila e terra enleirada e posta á venda para dar servizo a un voraz sector  inmobiliario-especulador que fixo da zona dunar a súa primeira área de colonización. A connivencia dos poderes públicos non só é temeraria senón que, convertida a lexislación específica nun pobre instrumento destinado a dar carta de legalidade á discrecionalidade,  van configurando sobre o litorial un espazo ao servizo de contados intereses económicos particulares alleos a calquera contido social, cultural e medioambiental. Neste sentido, é incomprensibel a posición de consentimento da Confraría ao non que exixir de facto o estricto cumprimento do Decreto da Reserva Mariña de Interese Pesqueiro de Cedeira porque a xestión da praia avanza cara a consolidación do “monocultivo” turístico da “periferia” de corte colonial que, entre outros efectos, xa está a supor a expulsión de boa parte das formas tradicionais de producción, cultura e uso do espazo terrestre e mariño e unha homoxenización empobrecedora do territorio, as paisaxes e a propia sociedade. Cómpre estarmos á espreita  das falsas expectativas xeradas no ámbito das pequenas economías que acubillan ao abeiro deste “monocultivo” turístico, porque algunhas das súas contradiccións e friccións sociais entre os poucos partícipes dos gaños dos beneficios do negocio xa son ben visíbeis en forma de incapacidade para autoorganizarse e competir en innovación

A indeterminada protección do medio ambiente

 Logo da configuración dunha praia desnaturalizada e unha conurbación litoral conxestionada e homoxeneizada  que está a acabar cos recursos e espazos naturais costeiros,  tamén negan agora a posibilidade de poñer en marcha  modelos alternativos de desenvolmento e de gobernanza baseados na participación de todos axentes que viven no territorio e en parámetros máis sustentables. A desfeita última da praia de Cedeira é un exemplo dese proceso. Ademáis, ao alicerzaren  as súas políticas no crecemento turístico residencial estacionalizado e no curtopracismo eleitoral abandonan calquera esperanza de avanzar cara escenarios máis sustentables, teimando na reproducción do mesmo modelo co agravante de que agora deturpan o significado de “reserva mariña”  que recolle o propio Decreto que lle deu nacenza e lexitimidade. Neste sentido, parafraseando o propio preámbulo do Decreto, as reservas mariñas de interese pesqueiro encaixan perfectamente coas recomendacións dos máximos organismos internacionais mentras non colidan cos intereses oligárquicos locais. O realmente patético e aberrante  é que, para facer os deitados de area ou poñer cartazes en suspostos espazos e os recursos naturais, teríanse aforrando as normativas específicas e os recursos desbaldados. Deturpan a linguaxe e o sentido do que dín e do que fan sabedores dos límites aos que se defrontarán os atestados do Seprona e as organizacións cívicas e veciñais xa que non axuda o feito que no estado español o obxecto en perigo no artigo 325 do Código penal no que se trata a figura básica do delito ecolóxico, aparece a forma indeterminada, mesmo ambigua de “equilibrio dos sistemas naturais” e unha variedade importante de “eximentes” erros de tipo (descoñecimento da actividade realizada e na normativa vulnerada, cando a propria Administración infrinxe a normativa protectora do medio ambiente, a individualización da responsabilidade,etc)

 

Ao negarlle realidade á cidadanía hogano, o que agora se está  a facer dende todas as frontes é (chegará a ser, como dicía Deleuze) historia. Mas historia dun desatino anunciado. Impoñen límites á participación logo de faceren papel mollado da lexislación vixente ( do Decreto 28/2009 que regulan os espazos naturais protexidos até o propio Decreto da creación da Reserva Mariña, pasando pola Lei estatal 42/2007 do Patrimonio natural e a Biodiversidade e a Lei galega de conservación (9/2001) ) sen decatarse que ao aprovar lexislación pseudoecolóxica o que están é  inocular a ideoloxía do capitalismo global pois sabían de antemán que  sería un brinquedo ao servizo dos intereses oligarquicos do momento. Acontece que no momento presente o que o Decreto da Reserva Mariña prescribe élles un atranco.  Que se convirtiría nun proxecto sintético e baleiro de contido se con iso garanten o exercizo da súa hexemonía para facer o que lles pete. Para algunhas intervencións xa é demasiado tarde e non se trata de negar a evidencia de que hai moito tempo que a “natureza” xa é unha”segunda natureza”. Porén, acontece que a biosfera trascenden con moito a horizontiño da ría de Cedeira. Vivimos e existimos nunha relación de confianza que están a arrincar dos mínimos exixibles nunha comunidade pequena. Teiman na irresponsabilidade do plantexamento e móstrase o escandaloso desleixo e abandono de funcións da Xunta de Galicia e do Concello de Cedeira en relación ás políticas e instrumentos de protección do litoral e de ordenación territorial que deberían executar.

 

Ollaparo_praia_20_04_2014

 

O noiro actual  foi causado pola acción do mar, evidencia de que o mar chega até ese nivel, polo que a zona na que se prevé actuar está dentro da reserva mariña, cuxos límites superiores están definidos pola liña superior da preamar máxima viva equinoccial, sendo a ría de Cedeira un Espazo Natural Protexido, segundo o Decreto 28/2009 da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos (DOGA 33/2009).

 

Ollaparo_praia_20-04-2014_2
A zona da actuación prevista pola Demarcación de Costas en Galiza afecta de cheo dentro dos límites da reserva mariña

 

O  preámbulo do Decreto da creación da RESERVA MARIÑA, recoñece o nivel de protección da ría como se pode ver no seguinte texto legal, onde ao final, para que non haxa lugar a dúbidas, deixa ben claro que “Neste sentido, as reservas mariñas de interese pesqueiro encaixan perfectamente coas recomendacións dos máximos organismos internacionais”

[…] Dende hai unhas décadas, diferentes acordos internacionais e normas da Unión Europea veñen establecendo a base doutrinal para a protección e conservación dos nosos mares e océanos, conformando un marco xurídico que permita o mantemento da biodiversidade así como a preservación duns mares limpos nos que a explotación dos recursos pesqueiros sexa sustentable.

[wzslider autoplay=”true”]

Somos Cedeira, Adega xunto ao BNG, ANOVA, EU e Galiza Nova  solicitaron do Seprona (Servizo de Protección da Natureza) a “inmediata paralización e suspensión caultear de todas  as actuacións ao non terse sometido ao procedemento ordinario da avaliación ambiental previsto na lexislación  para espazos naturais protexidos” e a ” incoación do expediente  sancionador se houber lugar dando traslado dos feitos aos xulgados competentes co fin de que se abra investigación de presunta prevaricación e outros delictos ambientais pola vía penal, sen prexuízo das faltas administrativas que se detecten”.  As organizacións asinantes do comunicado amosan tamén a súa intención de acudir á acusación particular se a Demarcación de Costas en Galiza  continúa cos  traballos na praia da Madalena de Cedeira  sen submeter esas intervencións  ao preceptivo estudo de impacto ambiental. Mesmo dun xeito intuitivo e valorativa a ninguén lle é alleo que a intensidade dos recheos de area realizados na última década non serviu para deter o proceso de deteriorio ao  que se veñen sumar indicadores como o progresivo debalo do berberecho e da ameixa.

Até o de agora nin PP nin PSOE, como era de presupor, sairon a dicir nin a matizar nada. Parece que digan o que digan os comunicados, as máis das veces errantes e contradictorios, o que hoxe se empezou na praia de Cedeira é que o que para eles está bén. Só hai un problema previo: tanto Rubido como Vergara teñen ou tiveron responsabilidade recentes de goberno. Entre medias, recheos de entullo, propostas de diques de canleamento e deitados de canteira…Anos de negar unha problemática de máxima urxencia e solución complexa. Un día aquí e outro acolá. Por unha vez, cómpre admitir que ambos e dous tiñan razón, porque os dous descoidaron o mesmo problema. E o problema, para alén do problema concreto da praia, chámase Cedeira. Talvez, porque o debate de fondo non sexa sobre a praia nin a ría.É sobre o poder. É sobre quen manda e ordena a discreción. Porén, está a ficar claro quen defende só os seus intereses e quen os intereses xerais e o ben común de todos os cedeirenses.

Ao mellor tamén che interesa:

Se isto non é unha reserva, qué é?

One Comment

  1. María Xosé Rodríguez Pérez

    Parabéns polo artigo penso que expresa a profunda indignación que sentimos todas as persoas que lle queremos ao noso pobo e ás que nos preocupa o ben común.
    Politicamente, é unha indecencia o que está a facer este goberno municipal do PP, sufrimos continuamente abuso tras abuso do “ordeno, mando e fago saber” sen ter en conta a ninguén e menospreciando tanto á cidadanía como ao propio Concello como institución.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off