off
Meio ambiente — 20 Marzo, 2014 at 5:24 p.m.

Adega e Somos Cedeira reafirman a súa visión alternativa fronte a intención de Costas e Concello de soterrar a reserva mariña “antes do verán”

by

Ollaparo_noiro_entulloLogo do recente anuncio do acordo entre a Demarcación de Costas e o Concello de Cedeira para “reparar” os danos do temporal, Adega e Somos Cedeira veñen de reafirmar a súa visión alternativa ao “constatar o desinterese destas dúas institución por solucionar o problema existente na praia da Madalena”.

A presa por “lucir unha praia bonita no verán para que os turistas poidan tomar o sol, que implicará o deterioro dunha reserva mariña parece ser a idea que Costas e o Concello teñen de repara danos”

Sorprende, afirman as plataformas cívicoecoloxistas que, mália terse encetado o proceso de avaliación ambiental para a realización dunha actuación na praia, “agora obvian este procedemento, para sen ningún tipo de estudo soterrar a reserva mariña de interese pesqueiro existente na Enseada de Cedeira.”

O deitado de area nun espazo protexido require segundo a Lei 21/2013 unha declaración de impacto ambiental completa, que non existe, e que non pode realizarse antes do verán seguindo os prazos establecidos por esta lei, trátase polo tanto dun procedemento ilegal.

O Concello de Cedeira e a Confraría de Pescadores están a servir de parvos útiles, de militancia cega, fronte o grave problema do areal: negación da realidade e errado compañeiro de ruta.

Se ben a Demarcación de Costas está a realizar sistematicamente un deitado de area en toda a costa galega, na Praia de Cedeira é máis sangrante xa que a reserva mariña de interese pesqueiro é a fonte de ingresos de moitas familias desta vila mariñeira.

 

Curtopracismo

Adega e Somos Cedeira teiman en lembrar que “a solución para o problema que sufre a praia da Madalena non se pode realizar a pequena escala e curto prazo, senón que precisa da realización dun estudo e dun proxecto que inclúa toda a enseada e que cubra todos os factores que inflúen na praia.

“Que unhas institucións públicas invertan ilegalmente diñeiro público para non dar unha solución e prexudicar o medio ambiente debería estar penado”, concluen.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off