ADEGA canda Somos Cedeira deron resposta á consulta que o MAGRAMA, a través da Subdirección General de Evaluación Ambiental vén de facerlle, en relación ao proxecto de deitado de area na praia da Madalena (Cedeira). Desta volta, aproveitando a colaboración que estamos a ter coa plataforma cívica SomosCedeira, acordamos realizar un documento consensuado. Mediante esta resposta a asociación ecoloxíasta e a plataforma cívica cedeirense esixen tamén a retirada deste proxecto, que non fará máis que consumir cartos públicos e non dará unha solución definitiva.
ADEGA e SomosCedeira consideran que é perceptivo que antes da realización deste proxecto se elabore un estudo de impacto ambiental, posto que a zona de actuación se atopa dentro dun espazo protexido: a Reserva Mariña de Interese Pesqueiro de Cedeira. Esta reserva mariña é un espazo natural protexido a todos os efectos, e está protexida por acordos internacionais. Ademais a construción dunha estrutura fixa, como pretende a Demarcación de Costas cun dique de encauzamento do río Condomiñas, esixe a elaboración dun estudo de avaliación ambiental segundo a lexislación ambiental vixente.
Segundo se lé no informe de alegacións presentado, a acción desta actuación vai supoñer unha alteración grave do ecosistema da praia-enseada de Cedeira. Á acción do soterramento dos animais que viven na praia provocada polo deitado da area haberá que sumarlle a alteración do pH, se como insinúa a Demarcación de Costas se realiza o recheo da praia con area de canteira. A area de canteira é normalmente de composición silícea mentres que a area da praia da Madalena é calcárea organóxena (provén de restos de cunchas). O recheo con area silícea provocará un descenso do pH na auga que moi probablemente provocará mortalidade de animais na praia.
As dúas organizacións afirman non saberque consecuencias terá para a enseada a construción deste dique (xa que o documento da Demarcación de Costas non o analiza), pero sumará nas provocadas polas diversas estruturas mariñas que xa hai (porto pesqueiro, paseo marítimo, etc). Está claro que esta política de construír sen mirar as consecuencias é a causante da desaparición da area na praia, xa que logo unha nova construción non parece que vaia solucionar o problema, máis ben acrecentará o que xa ha. A nova alteración da dinámica litoral que provocará a construción do dique de encauzamento non fará máis que aumentar o deterioro desta zona natural.
Este proxecto a parte de consecuencias para o medio ambiente terá tamén consecuencias para os petos de toda a cidadanía xa esta actuación estimase que custará preto dun millón de euros. Este sería o terceiro recheo dende o ano 2001, e nada nos fai pensar que nun futuro non vaia haber actuacións semellantes. A estes gastos haberá que sumarlle as consecuencias indirectas provocadas pola deterioro dos recursos pesqueiros. Construír enriba dunha reserva mariña pesqueira, de seguro que terá as súas consecuencias e moi probablemente provocará unha baixa nas capturas da zona. Aínda por riba, nas inmediacións da desemboca do río Condomiñas atopase un banco marisqueiro natural de berberechos.
A conclusión á que chegan ambas e dúas organizacións é a petición de retirada deste proxecto, pedindo ademais que a “Memoria resumen” que elaborou a Demarcación de Costas en Galicia, sexa devolta a esta entidade por non cumprir co mínimo esixible a un documento destas características. A parte de utilizar como referencia a unha lexislación obsoleta, non achega datos sobre as consecuencias das actuación, nin propón alternativas reais a este recheo e o propio documento recoñece eivas na caracterización da zona de actuación. Ademáis, existen numerosos erros ao logo de todo o documento (na elección do método de mostraxe, na nomenclatura científica empregada, etc) que o fan inaceptable como documento inicial para un proceso de avaliación ambiental.
Finalmente, como consecuencia da análise realizada, pídese a constitución dun grupo interdisciplinar (formado pola administración, investigadores, axentes sociais locais e cidadanía en xeral) que se encargue da elaboración dun estudo detallado do medio baixo unha visión integral e un plan de usos respectuoso co medio ambiente.
Descarga o Informe de Alegacións presentado por Adega e Somos Cedeira

















