off
Educação, Politica espanhola — 12 Decembro, 2013 at 9:28 a.m.

Afirma Cospedal: “Transferir educación ás autonomias foi un erro”

by

Déjà vu.Cando Maria Dolores de Cospedal afirma  nun acto organizado polo  ABC en  Toledo que “Transferir educación ás autonomias foi un erro”  – nese paifoco estilo que a miúdo sobarda as portadas do xornal do grupo Vocento-  fica nídia unha cousa:  que aquilo de  que defenden a Constitución do 78, non o acreditan nin eles. Os dirixentes do PP e o seu clima de opinión aférranse a un legalismo  (dende o ámbito estatutario até o antiterrorismo) que outrora lles tería impedido chegar a ser o que  hoxe son.

Pulcritude democrática. A mesmiña Constitución petrificada que nos presentan os seus defensores:  PP e PSOE  foron quen de mudala  en dous meses  para lle pagaren aos acreedores extranxeiros antes do que educación e sanidade, sen lle consultar ao pobo soberano e logo de pasar pola licuadora do Tribunal Constitucional o Estatut de Catalunya aprobado nas urnas e nos parlamentos. Cospedal  sabe que a educación non é unha competencia exclusiva do Estado, ese privilexio non está en ningún dos 32 apartados do artigo 149-1. Se algunha cousa está a mudar é que comezan a sincerarse como viuvas desconsoladas da época autoritaria. Velaí os Bereijo, Díez, Alfonso Guerra, Vidal Quadras entre outros que vén nas competencias de noso  un “erro”. Algúns coma Guerra mesmo quere recorrir ao artigo 155. A grande abadesa Rosa Díez mesmo quere tipificar como delito convocar un referendum ilegal no Código Penal e Aznar aplicaría 5 anos de cárcere a quen o convocara (perfeccionismo estilístico keepcalm talla curta, de lider-lider, todo poutas).

A inmensa maioría. Para Rajoy, as emisións de 13TV e Intereconomía.

Procurando estilo. Abrollan os nervios e as provoacións. Non deixo de ficar pasmado perante a total desinhibición coa que agora se piden prohibicións e sancións. Espetar que é un  erro que os galegos queiramos administrar a nosa educación é como dicirnos que non conta nen a nosa vontade nen o idioma de noso. Parécese a un insulto, pero non o é, coitados,  é un convite a nos envarar nun uniforme, na indiscutibel santidade da patria española. Queren protexernos de nós, non vaia ser que estraguemos o noso patrimonio lingüístico e cultural.  Porén, un aspecto que cómpre suliñar é o do estilo. O exercizo permanente na procura da desafección -xa que españolizar non poden, mesmo en autonomías de perfil medio como a galega-  debe ser cansado. Ainda non se decataron que a nación galega é hai moito tempo  unha encrucillada nada puritana, convencido que estou que a  solución aos problemas dos galegos virán dos propios galegos e non da copia ou asunción dun modelo que funcione noutro país.  É por iso que xa deberíamos estar a procurar un estilo afirmativo e lixeiro. Porque o centro non existe, está en todas partes.  Be water my friend

Máis música. Ao cabo, o relativo éxito da Constitución veu da música de fondo, do baixo continuo, en non do recitativo, da letra pequena que teiman en repetir e repetir.

Saudade. Aprobarían hoxe a legalización do PCE  e a UPG? Se os que votaron sí á Constitución agora din que foi un erro transferir educación e sanidade, erraron tamén os que votaron non ?

 

Ao mellor tamén che interesa:

Wert utiliza o informe PISA para xustificar a súa lei

Retroceso democrático e recorte de dereitos

 

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off