
Hai unha certa propensión da oposición a ir ao ralentí de quen goberna e, o pior, ao rebufo da própria sociedade civil. Esa estratexia, mais ben inercia, estase a convertir en parte do problema. Dende o 29 de xuño – ainda a comezos de outubro- a plataforma Somos Cedeira documentaba a desfeita da estrada AC-566 Ferrol-Cedeira. Semellaba ser o esquecimento premeditado dun proxecto que leva tempo coleando, sen que PSG-PSOE e BNG axudaran a amplificar a voz da cidadanía que estaba reclamando coñecer o proxecto do bipartito e porque se realizaban outras estradas na proximidade comarcal sen que a de Cedeira lle interesara aparentemente a ninguén.
Esa perspectiva pouco transparente leva adiando sistemáticamente as infraestructuras viarias para millorar a economía cedeirense e da comarca procurando o benestar do cidadán e non os intereses partidarios e particulares. Vergara (PSG-PSOE) reclama en La Voz un atallo ao polígono da Trabe por Esteiro esquecendo que seguimos sen coñecer o contido global do proxecto – non aparece en ningures-, o seu posible impacto medioambiental e se resposta ás necesidades rodoviarias da economía e do medio ou só a un parcheado de cara as eleccións (“dubidamos que con 650.000€ se mellore nada” afirmaba Somos Cedeira). É preocupante que intervencións en infraestructuras básicas, como é a estrada de acceso e saída de Cedeira, non se faga pensando na economía ou nos cidadáns senón nas fins partidarias, no curtopracismo electoral e para amarrar ao PP na Xunta de Galicia, pregándose aos ditados da dirección do partido, a costa de agochar a urxencia das necesidades socioeconómicas de Cedeira con investimentos ridículos en parterres e bancos.
En 2008 foi adxudicado polo PSOE o proxecto da estrada a un consulting en Narón, pero nada se soubo.Os caixóns e arquivos deben rebordelar do que non se sabe. O arranxo realizado é moi inferior ao esperado.
Resulta políticamente sorprendente que non se escenifique xa unidade de acción
Vergara, ex-alcalde de Cedeira co apoio do BNG, no canto de procurar apoios e sumar esforzos arremete contra o PP na prensa cando sabe que este goberno municipal non ten capacidade de presión nen vontade de negociación na Xunta para desencallar nada que non esteña xa programado. Só está para meter cartos en merendeiros e reformar o que xa hai: nada en economia produtiva e innovación ou en aspectos patrimoniais e identitarios que permitan poñer en valor o que somos como mellor xeito de nos promocionar.
A situación xeográfica de Cedeira non permite adiar permanentemente o estudo de custos e os beneficios ambientais, sociais e económicos das accións. Por iso é que se precisa máis ca nunca a presión social e política que o goberno do PP é incapaz de exercer malia tratarse dun goberno “amigo” do PP. Mesmo sabendo que as intervencións e investimentos que se fixeron no que vai de lexislatura non teñen pés nen cabeza.
O desleixo e o abandono percebido non resposta a unha lóxica económica, senón a unha actitude de “novo rico” que non precisa estradas que permitan a circulación de quen non ten un coche de alta gama senón de quen precisa desprazarse en furgoneta ou en camión. A que están esperando? Mellor non dicilo.
Alguén voou sobre o Parque Pista Floreal

Haberá aínda quen se lembre da desfeita do Cinema e Parque Pista Floreal que liderou o actual alcalde Leopoldo Rubido, incapaz preservar ese espazo e edificio senlleiro para os cedeirenses. A familiaridade non debería servir para agochar as intervencións. Cales foron as xestións que se fixeron todos estes anos para que este espazo e edificio -perdidos de xeito irreparabel hai trinta anos- acabaran sendo engolidos polo cemento? Que fixo Leopoldo Rubido nos seus extensos mandatos para chegarmos a isto? É posible tanta imprevisión e improvisación?
Cando se perdeu o sentido de residencia? Cando iso acontece acabamos por nos convertir ao afán de acumulación..mentras tanto, vaise perdendo o sentido de pertenza.
Certo é que o PSG-Psoe, o BNG e a sociedade civil cedeirense non foron quen de aturar esa destrucción e progresiva desnaturalización do espazo -neste caso coma noutros-, mais a responsabilidade principal é de quen hoxe goberna sen que amosara todos estes anos disposición nen previsión e, moito menos, a visión a longo prazo que lle permitira ir adquirindo os predios da contorna para que non se consumara a desfeita e así poder desenvolver un urbanismo para as persoas.
Cantas oportunidades se perderon en todo este tempo? Teñen algo que dicir os edís do grupo de goberno sobre adicar en plena crise 150 mil euros en rehabilitar un espazo onde un deles ten intereses inmobiliarios? Xa dicía Einstein que deus non xogaba aos dados. O último edificio foi promovido hai ben pouco por un edil do grupo de goberno xunto con outro antigo concelleiro do PP.
Porén, décadas despois da chapuza o que agora se pretende é que nos esquezamos de que foi nun dos seus mandatos que se consumou a desfeita permitindo unha intervención urbanística na que se perdeu un espazo senlleiro e na que se “xibarizou” o que quedaba do Parque Pista, que non era outra cousa que o solar e tres tristes árbores orixinais que lograron sobrevivir á cerna realizada (contrastar fotos). Vai ser aquela intervención a que permitiu a desnaturalización da contorna, a demolición do edificio e do romántico palco da música, a cerna de vellas árbores e creación dun cordón de edificios de seis e sete alturas que nada tiñan que ver con aquel espazo e que foron erguidos sen gardaren proporción nin volumetría axeitada ás proporcións do espazo resultante.
Non quedou nada, ningunha pegada ou resto que axude á “memoria colectiva”
Foi o alcalde Leopoldo Rubido quen permitiu a desaparición do Teatro cine Floreal, o Parque Pista e a arboreda que agora disque queren “humanizar un espazo con gran significado na memoria colectiva dos cedeirenses”. Tarde piáchedes.
O pior é que a intervención redúcese á creación dunha plataforma de skate, habilitar unha zona verde (que xa hai en forma de parterre) e unha área con bancos (que tamén hai), un espazo central con calzamento de cemento simulando pedra…e árbores centenarias (agora ter cen anos ten valor). Iso é todo: seguir teimando na simulación. O que xa hai agora metido nun envoltorio, sen o inmenso maceteiro do centro e cunha pista de skate. A que podería ser unha interesante proposta de reurbanización do espazo nace eivado na súa concepción pastiche, un pouquiño de todo. Semella a celebración do cinismo, teimando en facer un uso arbritario do que se fixo, do que hai o do que se quere facer.
O que nos están a dicir é que non van repetir a barbaridade de cortar as tres apoucadas árbores que deixaron.
O problemas de intervencións deste tipo, cando nada queda do espírito indiano que inspirou a tipoloxía constructiva do Teatro-Cine e da atmósfera amable do antigo Parque-Pista Floreal, é que teñen o risco de caeren no kitsch (velaí a fontiña da praza Roxa ou os cabalos da praza de Galicia). Porque nin a arquitectura da contorna se acae a ese estilo e moito menos a combinada cunha plataforma de skate. Todo por 150.000 euros que non sabemos se serán licitados a empresas e traballadores locais. No verán esvaíronse outros 50.000 nun prescindibel merendeiro.



















